Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé gañan os Premios Xerais 2024 de novela, literatura xuvenil e infantil

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Marta Villar, premio Xerais de Novela 2024
Marta Villar, premio Xerais de Novela 2024 cedida

Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros e tras o proceso de edición das tres obras, a festa de entrega dos premios será no mes de outubro en Vigo

08 jun 2024 . Actualizado a las 12:25 h.

As obras cos títulos Detective Ferruchi, I'm Obélix e Milú e o edificio das persoas  extraordinarias resultaron gañadoras do XLI Premio Xerais de Novela, o XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXIX Premio Merlín de Literatura  Infantil. As autoras dos textos son Marta Villar, Raquel Fernández e Abel Tomé,  respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.  

O xurado declarar como  gañadora a obra presentada baixo o lema Detective Ferruchi. Tras abrir a plica,  a autora resultou ser a xornalista e escritora Marta Villar e o título da novela  será o mesmo que o lema. A decisión foi tomada por unanimidade. 

A obra pertence ao xénero da novela negra, centrada na investigación dun asasinato e un texto con protagonista femenina: Tras moitos anos fóra, Sol Cortés regresa a Umeiro, a súa vila natal, e monta  unha libraría. Poucos días despois da apertura, aparece brutalmente asasinado  Xan Sequeiro, un veterinario insociable e introvertido pero a quen toda a  veciñanza admiraba pola súa capacidade e sensibilidade no trato cos animais.  O xurado valora «unha trama rica e  heteroxénea tecida con fíos narrativos de emoción, enxeño e intensidade. Os  numerosos personaxes, peculiares e sorprendentes, interactúan con naturalidade  na historia mediante uns diálogos fluídos e espontáneos onde, unhas veces con  humor e outras con gravidade, van infiltrando na novela diversos temas que levan  a reflexionar de forma crítica sobre os comportamentos xerais da sociedade actual. A utilización dunha voz narradora limpa e aguda consegue manter a intriga  dende o comezo a través dun ton cómico e paródico pero tremendamente  eficaz».

O xurado estaba composto por Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel  Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iturburua (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario  do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.  

Nesta edición presentáronse 35 obras ao premio. Ademais, o xurado recomenda a  publicación da novela finalista que se presentou baixo o lema Nena de auga. 

Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973) é xornalista e integrante de consello  de redacción da Revista Cultural Mallas da Area, de Bergantiños. En 2020 conseguiu  o Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio de  Xornalismo Julio Camba Afundación. Foi finalista tamén nos certames de  microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal nas edicións de 2021 e 2022, así  como no Premio de Poesía Gloria Fuertes do Concello de La Rinconada (Sevilla) de  2021. En 2023 publicou a súa primeira novela Non temerás os coches amarelos,  editada en Xerais. Con Os peidos máxicos de Sultán, publicada por Xerais hai só  unhas semanas, estreouse no eido da literatura infantil. 

I´m Obélix, de Raquel Fernández Fernández, Premio Jules Verne  2024 

Pola súa banda, o xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil  declarou gañadora por unanimidade a obra titulada I'm Obélix, que resultou  ser da autora Raquel Fernández Fernández. 

O xurado estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz),  Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e  Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con  voz e sen voto. Ao premio presentáronse 34 orixinais.  

I'm Obélix conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de  instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que,  en principio, semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de  respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde  o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade  do alumnado e de certo sector do profesorado. 

O xurado do XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou o  ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. «Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite  coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación. O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e  introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto. A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas  referencias a cómics e videoxogos fan de I'm Obélix unha novela completa e  absolutamente atractiva para a rapazada», sinalan. 

O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil recomenda tamén a  publicación das obras finalistas, presentadas baixo os lemas Emily e A irmá  pequena. 

Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972) exerce no sector da restauración  como propietaria dun restaurante no Val Miñor. Escribe dende nena e é lectora  voraz dende que acorda. Acadou máis dunha quincena de premios literarios.  Entre os que destacan o 1º Premio das Mulleres Progresistas de Vigo, (2017 e 2019),  o Certame Literario do Concello de Ames (2020, en Poesía e en Narrativa) e o 1º  Premio de relatos a prol da igualdade do Concello de Melide (2021) e o 2º Premio  Manuel Orestes de Poesía (2021). Resultado destes premios publicou en varias  antoloxías. A súa primeira novela publicada é Contas de buxo (2024). 

Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé, Premio  Merlín 2024 

Por último, a obra gañadora do XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil é  Milú e o edificio das persoas extraordinarias, escrita por Abel Tomé. Así mesmo,  o xurado recomendou a publicación da obra finalista presentada baixo o lema  Lenda e Noite. O xurado, que realizou o seu veredicto por unanimidade, estaba formado por Alba  Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e  bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora),  Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de  Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír  Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.  Ao premio presentáronse 34 obras.  

A historia é a de Milú, que vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos  os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. Na mesma  cidade hai tamén un grupo de persoas que cre que o país onde viven só lles pertence a elas e que os veciños de Les Marginaux non forman parte del polo simple feito de  naceren noutros lugares do mundo. 

Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para  que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas  teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. 

A través da ollada inxenua e desbordante de fantasía do neno narrador, cun  estilo cargado de lirismo e humor, unha narración rica en detalles, combinada co  ritmo dunha acción ben tramada e cun mosaico de personaxes tan  extravagantes coma tenros, a obra gañadora do Premio Merlín 2024  configúrase coma unha luminosa fábula social, con reminiscencias  rodarianas, sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo  mellor. O optimismo e a fantasía inherentes á infancia convértense nun antídoto  contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura,  audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario  multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo. 

O autor é Abel Tomé (Outes, 1984), que estudou xornalismo e coa súa primeira novela A Noite do  Corvo (2018) é finalista no premio Illa Nova de Narrativa, galardón que consegue o  ano seguinte con A Noite do Lobo (2019). Hai só uns meses resultou gañador do  Premio de Novela Manuel García Barros pola terceira parte desta triloxía, A noite do  Oso. Ademais, Liliam Strawberry e o paxaro da morte (Xerais, 2023), foi a súa  primeira incursión na literatura infantil, unha obra coa que xa quedara finalista do  Premio Merlín en 2022. 

Este ano presentáronse aos premios 103 orixinais, un dos datos de participación  máis altos dos últimos anos. Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras,  Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando  os libros estean xa nas librarías. O acto terá lugar o sábado 26 de outubro no  Museo do Mar de Vigo.