David Costa: «Non temos a ningún como David Cal, pero si o mellor equipo da historia»

X.R.C. VIGO

VIGO

PAULO ALONSO

O técnico tomiñés ve claras opcións de medallas galegas na canoa en París

18 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel Costa Bouzada (Tomiño, 1987), adestrador de Pablo Crespo, exdirector deportivo da Federación Galega de Piragüismo en canoa, adestrador no CGTD e especialista en canoa, viaxará a París convencido de que Galicia pode sumar ata tres medallas na súa disciplina con Antía Jácome e Diego Domínguez como puntas de lanza dun elenco que non ten a ningún David Cal, pero que como equipo, é o mellor da historia. No caso de Crespo, que agora está no Mundial sub-23 con serias opcións, considera que chegar á final xa sería un importante éxito.

—Como ve os Xogos dende a súa responsabilidade?

—Eu creo que en canto aos canoístas galegos temos dúas grandes opcións: unha é Antía Jácome, por partida dobre, e o outro, Diego Domínguez, que creo que teñen moitas opcións de ser medallistas en París. No caso de Pablo Crespo, foi o último en clasificarse e o seu obxectivo non é a medalla, senón ir paso a paso e se é posible a final, que sería xa un diploma olímpico. Pensar en algo máis diso sería enganarse.

—Como vai a preparación?

—Antía e Diego, que non adestran comigo, están en Mallorca e no caso de Crespo, que é un deportista sub-23, ten o Mundial de Bulgaria na mesma proba, o C-1 1.000 e tamén o C-2 1.000 con Manuel Fontán. Imos usar ese campionato como simulacro para adestrar para os Xogos.

—Como está a nivel de forma?

—Creo que mellora ano tras ano e está ben. Está en boa forma, pero iso non quere dicir que vaia estar cos mellores do mundo nos Xogos; a nivel sub-23 si creo que vai estar adiante.

—Está a canoa galega nun dos mellores momentos da súa historia?

—Con permiso de David Cal, que creo que non temos ningún deportista nin en canoa nin en kayak a día de hoxe que teña o nivel que tivo el, pero como equipo, si. A nivel individual, non temos a ningún como David, pero como equipo estamos co mellor da historia. Non só para os Xogos, senón para outras competicións.

—Pódese falar que houbo un efecto David logo das súas xestas.

—David consigue a súa primeira medalla olímpica no ano 2004 e os deportistas que están despuntando agora son Antía Jácome, do 99; Pablo Crespo, do 2002, e Diego Domínguez, do 2003, son xente que viron de nenos os éxitos de Cal. Iso seguro que axudou a que a xente nos clubs de pequeniños quixeran ser canoístas.

—Como foi a súa traxectoria no mundo do piragüismo?

—Empecei no Tudense no ano 96 e na tempada 01/02 convocáronme para o Centro de Tecnificación como deportista. Aí estiven os catro anos de tecnificación, despois estiven un ou dous anos máis con Suso Morlán, logo estiven estudando, deixei un pouco máis de lado o piragüismo e logo empecei de adestrador en Tui, no Tudense, o meu club de toda a vida e no 2012 recibín a chamada de Daniel Brage para que viñera a axudar ao CGTD e ao ano seguinte colléronme de adestrador e dende ese momento, aquí estou. Fun director técnico da Federación Galega dende o 2021 ata o 2022, pero como pasei a adestrar ao equipo nacional que temos en Pontevedra, deixei de exercer.

—Que debe ter un adestrador de canoa?

—Valería para todos os deportes, pero creo que nunha disciplina tan minoritaria como a nosa, á que hai que dedicar moitísimas horas, a clave é a paixón que teña o adestrador. Ás veces tes que facer de todo: de pai, de adestrador, de psicólogo... Porque os medios son os que hai, non temos os grupos de traballo que teñen os equipos de fútbol profesionais, pero aquí tes que ser adestrador dende que te levantas ata que te vas para a cama. Para ser adestrador as 24 horas do día tes que deixar cousas de lado e ter moita paixón.

—A tecnoloxía tamén entrou arrasando no piragüismo?

—Nos últimos anos, noto que avanzamos moitísimo nese eido e, de feito, nós tamén empregamos aparatos como os acelerómetros que levan os do fútbol. Creo que a pandemia axudou moito para pensar onde se podía avanzar e a partir dese momento, mellorouse moito nese sentido.

—Evolucionou moito o deporte da canoa?

—Sen dúbida. Os meus adestramentos como deportista non teñen nada que ver co que facemos agora. Non é que o antes estivese mal, senón que agora temos outros métodos e recursos que nos fixeron mellorar.