Vertixe Sonora organiza un festival que amosa a actualidade musical
06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Comeza hoxe a décimo segunda edición do Festival de Música Contemporánea Vertixe Sonora, no que haberá estreas absolutas e unha ampla programación en paralelo, composta por charlas, clases maxistrais, residencias artísticas, encontros con creadores e unha mostra na Fundación Laxeiro, que se prolongará ata o 2025.
A primeira estrea mundial terá lugar hoxe, ás 18.00 horas no Auditorio Martín Códax (Manuel Olivié, 23) coa A noite, unha homenaxe a Franz Kafka (1883-1924) no centenario da súa morte. Explican dende o colectivo musical que é unha proposta que entrelaza cinco paisaxes sonoras para cuarteto de percusión, electrónica e vídeo que habitan o espazo misterioso das cidades nocturnas.
Karen Yu, David Rodríguez, Pablo Paz e Diego Ventoso, percusión; Iván Ferrer-Orozco, electrónica e vídeo interpretarán as composicións de Tiago Morais (Braga, Portugal, 1988), Gabriel Bolaños (Bogotá, Colombia, 1984), Wingel Mendoza (Cidade de México, 1982), Joan Gómez Alemany (Valencia, 1990) e Pablo Chin (Costa Rica).
A entrada a este concerto é libre e gratuíta.
O seguinte concerto chegará ao mesmo escenario o vindeiro domingo. O título elixido é Fogar, e atinxe composicións de Helena Cánovas (Barcelona, 1994), Juan Jurado (Barcelona, 1991) e Simone Cardini (Roma, 1993). Esa nova estrea mundia vai ser interpretada por Adriana Aranda (soprano), Pablo Coello (saxofón), Helena Sousa (acordeón), Ailsa Lewin (violonchelo), Carlos Méndez (contrabaixo), Diego Ventoso (percusión) e Ángel Faraldo (electrónica).
O día anterior á estrea haberá un encontro cos compositores na biblioteca do Conservatorio Superior de Música Vigo. Cada un deles disporá dunha hora para falar da súa composición.
A programación chegará ata o mes de novembro, con varios concertos no Martín Códax, Marco e SVT Espacio de Arte. Ademais, dende o 25 de outubro ata o 17 de xaneiro do vindeiro ano, a Fundación Laxeiro acollerá a mostra Ollo á orella, na que se recollerán obras de artistas de distintas xeracións vencellados dalgún xeito á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo. Esta mostra estará comisariada por Ignacio Barcia.