Nadal vocal co Coro de Cámara Rías Baixas

La Voz

VIGO

cedida

Hoxe ofrecen un concerto na Igrexa de Santiago de Vigo

22 dic 2024 . Actualizado a las 05:10 h.

O Nadal é unha época de encontros, emocións e momentos compartidos, e o Coro de Cámara Rías Baixas, baixo a dirección de Brais González, quere ser parte desta celebración ofrecendo dous concertos gratuítos na cidade de Vigo, pensados para achegar a música coral a toda a cidadanía e cun repertorio especial que combina tradición e modernidade, convidando ao público a mergullarse na maxia das festas a través da música. O primeiro tivo lugar onte na concatedral, pero hoxe ofrecen outro ás 19.30 horas, na Igrexa de Santiago de Vigo, un lugar íntimo que permitirá vivir a música coral dun xeito próximo e envolvente. Ambos concertos serán de entrada libre. O programa, especialmente deseñado para estas datas, incluirá un percorrido pola música coral de Nadal arredor do mundo. Desde pezas clásicas que evocan o espírito tradicional destas festas ata obras contemporáneas que destacan a beleza e a forza expresiva das voces corais, cada interpretación achegará unha perspectiva única e emotiva do Nadal a través de diferentes culturas e estilos.