Galaxia celebra o seu 75 aniversario co amplo programa «Crear porvir»

VIGO

M.Moralejo

A editorial convocou un premio extraordinario de novela dotado con 25.000 euros

17 ene 2025 . Actualizado a las 17:55 h.

«Galaxia é unha excepcionalidade en España; aquela xente foi moi intelixente para enfrontarse naqueles tempos a unha situación extremadamente difícil», subliñou Antón Vidal Andión, presidente de Galaxia durante a presentación da programación que conmemorará este ano o seu 75 aniversario. A excepcionalidade referida por Vidal Andión sitúase no feito de que Galaxia é unha sociedade anónima que non reparte dividendos entre os seus accionistas, senón que reinviste todo na súa labor editorial a prol da lingua e a cultura galega.

Eses principios fundacionais, fixados pola Xeración Galaxia no ano 1950, mantense na actualidade e proxéctanse cara o futuro, segundo afirmaron tanto o presidente da editorial coma o seu director Xosé Soutullo, quen afirmou que dende Galaxia «iniciamos un ano que servirá para reforzar o noso compromiso co libro galego, coa nosa lingua e a nosa cultura, manténdonos fieis aos principios que en 1950 puxeron en pé este proxecto». Froito dos 75 anos de labor a prol da restauración da cultura galega, Galaxia ten editado 3.500 libros de 1.500 autores; 7.500 artigos publicados dende 1963 pola revista Grial ou feito numerosas exposicións de divulgación de figuras senlleiras do galeguismo ou feitos destacados.

Galaxia desenvolverá este ano unha serie de actividades por toda Galicia, enmarcadas polo lema Crea porvir, coa colaboración de distintas Administracións públicas e institución públicas e privadas. Un dos alicerces da divulgación cultural galega tanto no país como fora é a revista Grial. Xesús Domínguez Dono, director de Produción da editorial, anunciou a celebración dos Foros Grial que, aínda que xa tiveron un primeiro acto en Pontevedra o pasado novembro, retomarán a súa actividade en Santiago o vindeiro marzo, para pasar despois pola Coruña, en xuño, e Vigo, en outubro.

Premio Neira Vilas

Dun xeito excepcional, este ano se entregará o Premio Galaxia de Novela 75 anos, dotado con 25.000 euros. A editorial quere lembrar así o premio dado en 1975, coincidindo co 25 aniversario da editorial, a Carlos Casares. Por outra banda, este ano botará a andar o Premio Xosé Neira Vilas de literatura Xuvenil, organizado conxuntamente coa Fundación Xosé Neira Vilas.

Ademais, Ana Viqueira presentará en febreiro unha peza audiovisual coa que Galaxia que amosar un percorrido polas súas publicacións senlleiras e dar voz a moitas das persoas que nas últimas décadas tiveron un rol protagonista na historia da editorial. Tamén en febreiro botará a andar en Santiago a exposición Crear provir. Editorial Galaxia 1950-2025, comisariada por Henrique Monteagudo Romero, Malores Villanueva, Xosé Manuel Dasilva. Posteriormente, recorrerá Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra, A Coruña e Vigo. A mostra recolle os acontecementos literarios máis senlleiros da editorial e os seus protagonistas, premios e iniciativas desenvolvidos ao longo destes 75 anos.

A programación conmemorativa levará a Ourense a exposición Espazos literarios e autores ourensáns na Editorial Galaxia 75 anos despois, comisariada por Patricia Arias Chachero. A iniciativa pretende poñer en valor a vinculación especial que a editorial tivo durante estes anos cos autores e autoras da provincia de Ourense.

Carlos Labraña é o autor do espectáculo A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, que porá en escena Tanxarina en centros de ensino.

A programación continuará coas publicacións dunha selección, feita por Dolores Vilavedra e Patricia Arias, e Unha Galaxia viguesa, de Marcos Calveiro, dirixida aos escolares vigueses.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo acollerá a exposición Crear porvir. Os deseños de Galicia. As tapas, comisariada por Xurxo Martínez. Xa o 6 de setembro, o Auditorio de Galicia, en Santiago, acollerá o acto central da conmemoración da comida fundacional de Galaxia, tamén en Compostela, o 25 de xullo de 1950.