Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Merdeiros tamén son elas: «A primeira vez que saímos, chamaron á Policía»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Hai dúas décadas que a enfermeira Montse Carreiro traballa na recuperación do traxe do entroido vigués tradicional que viste cada ano. «Unha muller ata nos agasallou con centolas»

02 mar 2025 . Actualizado a las 00:47 h.

Non hai un termo para referirse ás mulleres que se visten de Merdeiros cada entroido, pero son e están. Se a linguaxe articula o pensamento, a falta de palabras oculta realidades. «As mulleres somos unhas dez dun total de máis de 20 persoas». Montse Carreiro bota contas. Esta enfermeira de Povisa, agora xubilada, pode presumir de ter recuperado a figura do entroido popular vigués. Todo empezou no ano 2005 coa investigación que iniciaron no centro cultural A Revolta. Dúas décadas despois, os merdeiros son recoñecidos pola sociedade viguesa e este ano mesmo teñen protagonizado carteis publicitarios dunha marca de aceites que recoñece aos vigueses ao nivel de peliqueiros ou pantallas ourensás.

Igual que a figura que creou a xente do mar para ridiculizar aos do campo que acudían ao porto do Berbés a buscar restos de peixe e baleiraban pozos negros para abonar os campos, esta muller mantén a esencia do irreverente. Das mans de Montse Carreira xurdiron os primeiros traxes, alá polo ano 2006. Non había case referencias históricas máis que algún vestixio que recolleu Xerardo Santomé de textos do século pasado. Neses anos crearon tamén os primeiros moldes de escaiola para facer máscaras «o máis grotescas posible» coa axuda de Pancho Lapeña. «Ao principio, o pelo fixémolo con la dun vello colchón da miña sogra. Cos anos xa conseguimos la de ovella que lavamos no lavadoiro da Barroca», explica.

Xunto con outras compañeiras que xa cosían traxes da Reconquista baixo a guía de Patricia González, confeccionaron a vestimenta. Camisa e pantalón de liño, chaleco de cor verde, vermello ou negro cun símbolo solar ou dun animal por detrás. A vestimenta inclúe un faxín e, o máis importante: «Naquela época estaba mal visto levar a camisa por fora. Era de xente desfarrapada, de trapalleiros ou merdeiros». Por iso é un detalle imprescindible dos Merdeiros. Solo atoparon unha evidencia gráfica do traxe histórico, unha foto de 1910 que aportou unha veciña e que atesouran na asociación Etnográfica As Merdeiras. «Como non temos nome para as mulleres, compensamos poñendo en feminino o nome da asociación», reivindica.

Ademáis da roupa, os Merdeiros percorren as rúas ataviados con allos ou verzas, como símbolo do campo. «Antes levaban farol, nós levamos varas». Os zocos ou zamancos indican que andan preto. «O ruído que facemos dando golpes na rúa de pedra do Casco Vello xa avisa de que imos molestar». Os Merdeiros non teñen clemencia: sacan defectos, dan co pau e son maleducados. Esta irreverencia fixo que estiveran historicamente mal vistos e que se prohibiran estas saídas no franquismo, solo quedou algún testemuño illado. «Meu avó, alá polos anos 40, traballaba en Gaseosas Troncoso e no entroido saía de Merdeiro. Collía unhas roupas vellas da casa, un penico de viño branco e unha ristra de chourizos e marchaba pola rúa Príncipe a increpar á xente cos amigos dicíndo pola rúa: come merda, bebe mexo...». Ela mesma, de nena, vestía roupas vellas e desfrutaba meténdose cos veciños.

Montse Carreiro ten pensado vestirse mañá domingo e o martes para seguir incordiando polas rúas de Vigo en tempos nos que triunfa o politicamente correcto. «Ao principio ata nos chamaban Peliqueiros. Os primeiros anos que saímos, a xente non o entendía e levábano mal, repúñanse e ata chamaron á Policía, chegamos a ter algún conflito. Pola contra unha vez unha muller entregounos unha bolsa cunhas centolas como agradecemento por animar o entroido». Ese espírito rebelde é grazas a súa independencia absoluta dos poderes políticos. Non reciben axudas, máis que da Asociación do Casco Vello que lles presta o local. «Así podemos criticar moito máis». A independencia e tal que escapan dos actos organizados polas Administracións. «Nin imos no desfile nin iremos, o noso concepto é outro», proclama.

Ademais de vestirse cada entroido, viste tamén á súa familia. O fervor familiar é tal que na pandemia puxeron o traxe, bebé incluído, para asomarse á terraza aínda que o confinamento lles impedira saír á rúa. O seu fillo Hadrián ten escrito un libro sobre esta figura histórica. Dende a Asociación Etnográfica A Merdeira traballan arreo para que as novas xeracións se sumen. Cada ano celébrase A Merdeirada cativa para que os nenos fagan as súas máscaras e saian polas rúas de Vigo a espallar o espírito rebelde destas festas.

Tralos esforzos dos últimos 20 anos, comezan a colleitar. Ademais de ser protagonistas de paneis publicitarios, o personaxe aparece nun dos temas do entroido da compañía viguesa Troula. «Quere dicir que estamos facendo un bo traballo. A sociedade agora xa sabe que temos un entroido tradicional en Vigo». Unha festa que xurdiu do pobo para rebelarse contra o poder e o establecido. Nunca ao revés.

 A súa canción favorita 

«A Ribeirana de Vigo», do Orfeón Mariñeiro do Berbés. «É un tema moi de Vigo que me gusta moito e que sempre cantamos na miña familia cando nos xuntamos, tamén cos amigos. Eu tamén estou no Orfeón Mariñeiro do Berbés. Non paramos, o día 28 actuamos na Porta do Sol para dar paso á Reconquista».