Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Xoán Carlos Abad: «Máis de 900 persoas da provincia de Pontevedra loitaron na División Azul»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

O investigador publica un libro sobre as tropas que colaboraron cos nazis en Rusia

29 mar 2025 . Actualizado a las 01:12 h.

O historiador Xoán Carlos Abad, presidente do Instituto de Estudios Vigueses, ven de publicar Bajo un sudario blanco. Pontevedreses en la División Azul, libro que vai ser presentado o martes 8 de abril na sede do instituto vigués.

—Que era a División Azul?

—Foi unha forza de combate, teoricamente voluntaria, enviada por Franco, como aliado da Alemaña nazi, contra Unión Soviética. Franco quixo marcar dende o principio que non era un apoio á causa alemá para non enfrontarse aos aliados.

—Como vendeu o réxime a súa actuación?

—É un tema moi peculiar porque foi moi exalzada durante o seu funcionamento, pero os alemáns foron derrotados, e aquela literatura das heroicidades das súas actuacións pronto quedou esquecida. Practicamente, despois da guerra hai un pano que cubre todo iso. Bastantes divisionarios non quedaron moi contentos co Goberno.

— Por que afrontou este tema?

—Creo que o primeiro traballo específico sobre a División Azul en territorio galego foi un pequeno artigo que publiquei no boletín Glaucopis hai 20 anos. Foi unha aproximación aos vigueses na División Azul, pero quedoume moito por contar e pensei que habería que amplialo porque, as veces, o termo vigués é un concepto relativo.

—Foron realmente voluntarios?

—Oficialmente, si, pero Franco, naquela época, mantiña o poder facendo equilibrios entre as diversas forzas que o axudaron na guerra civil. Principalmente, os falanxistas quería asumir a conformación da división, algo que non querían os militares para que a Falanxe non gañara poder. Franco decidiu que foran voluntarios mandado por militares. Cando vai pasando o tempo e a vitoria non chega, o réxime premeu a soldados que estaban facendo o servizo militar e a outras persoas para que se enrolasen.

—Canta xente da provincia enrolouse na División Azul?

—Contabilicei aos nacidos na provincia, ás persoas de fóra que vivían nela e tamén as que desenvolveron a súa vida posterior neste territorio. Con esas condicións, atopei a máis de 900 divisionarios, que é unha proporción alta para o número de habitantes da provincia.

—Por que se alistaron?

—Aínda que algúns o fixeron por motivos ideolóxicas, na provincia de Pontevedra no foi o motivo principal. Moitos cando se alistaron nin sequera eran militantes de Falanxe. Unha grande parte dos voluntarios foron porque as condicións económicas eran moi interesantes. Cobraban do Goberno español, non demasiado, pero tamén, e moi ben, do alemán. Ademais, moitos vían o asunto coma unha gran aventura e pensaban que a vitoria sería rápida.

—Morreron moitos?

—Teño documentados máis de 120 casos. O que é imposible e saber cantos viñeron mutilados, pero calculo que foron moitos. Tamén houbo suicidios entre os que regresaron.