O Asmubal confirma que perde a Eli Méndez para o resto do curso tras un sufrido empate co pechacancelas (29-29)
A CAÑIZA
A central vallisoletana ten roto o cruzado e o menisco externo
31 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Para o Inelsa Solar Asmubal Meaño a temporada volveu comezar o sábado pasado na sexta xornada de Liga. Sen a metade da súa columna vertebral, mancadas no partido anterior Eli Méndez e Cárol Ferreira e castigada con dous encontros de sanción a lateral Agustina Ballada, o cadro que dirixe Juan Manuel Costas empatou a 29 co pechacancelas, o Saeplast Cañiza, logo de dominar boa parte do encontro sen recambios na primeira liña. Dous días despois, onte no club confirmaron o peor: Eli Méndez perderáse o resto do curso ao ter roto o ligamento cruzado e o menisco externo do xeonllo dereito, que se lle quedara cravado nunha acción do duelo do día 21 en Carballal.
Empezando polo encontro do pasado sábado fronte ao Saeplast Cañiza, o técnico do Asmubal tivo que rotar a dúas das súas catro primeiras liñas dispoñibles, Sofía Arangio e a Laura Miniño, en labores de pivote ante a ausencia da única especialista no cadro de xogadoras meañés, Cárol Ferreira, e a compañeira que mellor se adapta a unha posición tan específica, Agustina Ballada. A falta de hábito facilitoulle ao Cañiza, que chegaba ao pavillón de Coirón sen puntuar inda, dominar con vantaxes curtas o electrónico durante a metade inicial da primeira parte.
O Asmubal deulle a volta á tortilla, ampliando pronto a súa vantaxe ao descanso (17-15) ata os cinco tantos (23-18, minuto 40). Pero nos últimos dez minutos a falta de rotacións pasoulle factura. O Cañiza mesmo chegou a poñerse un gol por diante, para ver como o Asmubal lle empataba o partido e mesmo dispoñía dun golpe franco co tempo cumprido que Laura Miniño non conseguiu converter en gol.
Co 29-29 final, o Asmubal manténse cuarto con 7 puntos de 12 posibles. O seu adestrador, Juan Manuel Costas, amosaba onte a súa preocupación polas baixas. Dando por practicamente imposible poder atopar un relevo a Eli Méndez, con Kathiely Martins suplíndoa no central, o técnico céntrase na procura dunha segunda pivote.
Asmubal Meaño: Dolores Pulti, Raquel Sineiro (3), Sofía Arangio (9), Sabelo Miniño, María Currás (2), Lorena Ligero, Lucía Caneda, Andrea Cores, Kathiely Martins (4), Uxía Varela, Sabela García, Laura Miniño (8) e Paula Rey (3).
Cañiza: Ana Vázquez, Sara Carril (4), Ana Rodríguez, Sofía Álvarez, Emma Pérez, Sara Román (6), Sandra López (8), Olalla Penabella, Paula Pereira, Lucía López (5), Nerea Míguez (4), Sabela Vázquez (2), Alejandra Carballo, Pamela Arca e Ana Pérez.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 6-6, 8-9, 11-9, 15-12, 17-15 (descanso); 22-18, 23-18, 26-22, 27-24, 27-27 e 29-29.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Marcos Pérez e Pablo Torreiro. Castigaron con 2 minutos as xogadoras locais Andrea (min 49,15), Paula (min 54,35) e dúas veces a Laura (min 11.01 e 49.30) e as visitantes Sabela (min 56,32) e en dúas ocasións a Lucía López (min 7,40 e 35,54).