Semella que a traxectoria de Heredeiros da Crus segue un ritmo imparable nesta segunda parte da historia da banda, rompendo tópicos e quizais, sementando dúbidas sobre o que tivera pasado se a banda nunca chegara a separarse. Fran Velo e Tonhito de Poi falan en nome de todos ao asegurar que a paréntese era necesaria e que foi a que propiciou este auxe actual.
-Pregunta. A historia de Heredeiros da Cruz desmonta o dito de que as segundas partes nunca foron boas...
-Fran Velo. Si, é algo que incluso a nós nos sorprende en certa medida. Está demostrado que volvemos con máis forza ca nunca. É desde que regresamos cando temos realmente a sensación de que estamos trunfando.
-Tonhito de Poi. É que igual non foi unha segunda parte, pois o grupo nunca chegou a romperse de todo. Eu prefiro pensar que foi un intermedio.
-P. Pero chegaron a arrepentirse en algún momento de ter feito esa paréntese na historia de Heredeiros?
-F. V. Non, porque todo o que pasou foi o que nos levou a estar onde estamos agora. O parón era necesario, pois necesitabamos un descanso. Tamén penso que o intermedio propiciou que o público nos botara de menos, o que axudou a que regresaramos con máis forza.
-T. P. Está claro que o grupo necesitaba descansar, pois vivimos unha etapa de moita intensidade e moita tensión. Faciamos ata dous concertos por noite. Lembro actuacións en Baiona e Boiro o mesmo día e tamén en Moaña e na Illa, pero houbo moitos máis casos así. Os roqueiros son coma os cans, un ano deles equivale a catro ou cinco do resto dos homes. Descansar e relaxarnos permitiunos volver con forza, con máis gañas ca nunca.
-P. Están entón en disposición de confirmar que hai Heredeiros para moito tempo?
-F. V. A sensación nosa é esa. Xa dixen antes que nunca facemos plans e con Heredeiros da Crus nunca se sabe o que vai pasar no futuro, pero nestes momentos temos toda a ilusión do mundo. Agora falta ver a onde nos leva este novo disco.
-T. P. Hai Heredeiros para moito tempo sen dúbida, xa que a banda está moi asentada. Agora mesmo o grupo é máis profesional ca nunca. Seguro que a idade inflúe e somos conscientes do tesouro que temos. Penso que valoramos como nunca a todas as persoas que se sitúan diante do escenario en cada concerto.