Adeus a Amando Miniño, o sabio con boina que gardaba as historias e lugares de Baredo

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez BAIONA / LA VOZ

BAIONA

CEDIDA

O baionés foi presidente do curro de Mougás, mariñeiro e home moi respectado

08 ene 2025 . Actualizado a las 00:18 h.

Hai persoas que levan dentro un legado de historias, nomes e lugares na memoria. Son tesouros en vida. Gardiáns dun pasado e dunha relación do territorio que se está a perder. Amando Miniño era un deles. «Gardaba no seu maxín un coñecemento exhaustivo sobre Baredo (Baiona), a terra onde nacera en 1931, na Casa das Xestas», explica el cronista baionés e doutor en historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Lemos.

«Como calquera do seu tempo, non dubidaba onde quedaban As Coviñas do Feito, A Chan de Val Vermello, O Pinal do Rei ou A Regueira das Mixiñas», indica Anxo. Nomes de lugares, que antes todo o mundo coñecía, e que agora están a desaparecer. Anxo lembra que Amando, «era unha enciclopedia non coleccionable, única e irrepetible dentro do patrimonio de tradición oral que nos esvaece cada día», destaca. O cronista de Baiona recolleu a toponimia de Baredo xunto ao Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) coa axuda de Amando.

«Era un gran home. Bo e xeneroso. Foi un tempo presidente do curro de Mougás, do que nos contou moitas cousas, traballou no mar, no monte picando pedra e era un sabio con boina cun carácter extraordinario», destaca o membro do IEM, Xilberte Manso. Ademais, «era un gran traballador e mellor persoa, un home respectado por todos e que conservaba unha autoridade que moi poucos logran ter ao longo da súa vida», incide.

No 2018, Amando participou na Semana Galega da Filosofía xunto ao Instituto de Estudos Miñoranos. Impresionou aos asistentes cun anaco do seu coñecemento sobre os cabalos salvaxes da Groba. Aquel día, en Pontevedra, mostrou un documento que fixo no ano 1966 con todos os nomes, parroquias e marcas que había nos lugares. Un exemplo dun legado que foi construíndo paseando e vivindo aos pés dunha serra que amaba.

Amando marchou o pasado fin de semana «triste de sentimento, aínda que moi arroupado polos seus. Era xusto, bo e xeneroso. Amando deixou algo do moito que leva. Agradecido. Descanse en paz», despedíase Anxo Lemos. «Habémolo lembrar sempre e chorar a súa perda», engadía Xilberte Manso. O domingo tamén faleceu a súa dona. «Marcharon para seguir xuntos no camiño do Alén», conclúe Manso.