






O cruceiro é un dos elementos patrimoniais máis común en Galicia e está relacionado co sobrenatural
15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O cruceiro, segundo a Enciclopedia Galega Universal, é unha cruz monumental de pedra, cunha altura de entre tres e cinco metros, situada enriba dun fuste, liso ou decorado con figuras esculpidas, e asentado sobre unha base en forma de bancada. É unha obra de carácter popular que adoita situarse nos camiños, especialmente, nas encrucilladas e que está vinculada con crenzas vencelladas ao sobrenatural. Non son poucos os autores que ven as súas orixes en elementos precristiáns.
Cangas é un dos municipios da provincia onde máis exemplos de cruceiros se atopan no sur da provincia. O máis destacado deles é o de Hío, o cruceiro de desencravo do Santísimo Cristo da Luz. É do ano 1872 e foille atribuído a Ignacio Cerviño. Os especialistas din que é de estilo neobarroco e destacan del que representa un descendemento de Cristo. No conxunto que conforma, xunto coa igrexa de santo André, é espectacular. Outros exemplos importantes de cruceiros en Cangas atópanse no cemiterio, na igrexa de Coiro ou o na praza de Síngulis do século XVII.
O cruceiro do Santo Cristo dos Aflixidos, en Santiago de Covelo, é outro dos exemplares importantes do sur da provincia. É de finais do século XIX e a súa autoría se debate entre Ignacio Cerviño e Xosé Cerviño. Ao igual que o de Hío ten un gran valor escultórico. Ten catro figuras que para uns representan virtudes humanas; para outros, as artes; e aínda hai que di que son alegorías profanas. En calquera caso, é un espléndido cruceiro. Neste concello, na Lamosa, tamén existe unha cruz esplendidamente decorada na que se narra a historia de Adán e Eva.
En Bouzas atópase o cruceiro vello, que da nome a rúa onde se ergue. Ten una inscrición que sinala que foi mandado facer por María Antonia Troncoso no ano 1802 á devoción do seu esposo Manuel Garamal. Por unha da súas caras está Cristo na cruz, e na outra, a coroación da Virxe por dous anxos. O fuste remata nun capitel. É un conxunto moi fermoso. No municipio de Vigo están rexistrados 46 cruceiros de moi distinta factura.
Na parroquia de Donas, en Gondomar, atopamos un exemplar singular xa que a súa base é circular. Hai máis en Galicia, pero non é habitual atopalos xa que normalmente teñen unha base cadrada. Aínda que para singularidades e espectacularidade hai que ir a Baiona. É o cruceiro gótico da Santísima Trinidade, fechado en torno ao século XV. Presenta a peculiaridade de estar protexido por un baldaquino de catro columnas.
Tamén ten baldaquino o situado en Ribadetea, en Ponteareas. Neste caso, trátase dunha cuberta metálica, de estilo modernista, realizada a comezos do século pasado nos talleres Sanjurjo de Vigo. Recorda a estrutura metálica empregada na cubrición da fonte de Troncoso, en Mondariz-Balenario. O cruceiro é de 1865, segundo a inscrición que recolle.
Tamén en Ponteareas, en Nogueira, está o cruceiro do Santo Cristo, cuberto por un baldaquino metálico, menor que o anterior, e figuras policromadas, tanto na base do fuste como na cruz.
Coroando o castro de Pías, en Ponteareas, atópase, a carón da ermida, un cruceiro de encravamento feito a comezos do século XX polo mestre Xosé Cerviño.
Na tipoloxía dos cruceiros atópase o cruceiro esmoleiro. Un exemplo é o situado en San Cibrán de Ribarteme, nas Neves. O caixón das esmolas está situado na base, e ten unha caveira con dúas tibias cruzadas. Xa no fuste, ten unha profusa decoración con figuras animais e xeométricas relacionadas coa pasión de Cristo.
Tamén existen cruceiros asociados aos petos de ánimas, como son os casos de A Madalena, en Cangas; A Cruz, en Camos, en Nigrán; ou o situado na rúa Poboadores de Vigo. Neste exemplos, xúntanse os dous elementos principais da relación da poboación rural coa morte. Pola súa situación é especialmente fermoso o situado na ponte da Ramallosa, entre Nigrán e Baiona. Está presidido pola figura de San Telmo.
Alén da vida
As encrucillada rurais son espazos simbólicos de conexión entre a vida terreal e o alén e, polo tanto, ámbitos tradicionais para a colocación de cruceiros. É o caso do situado en Moscoso, en Pazos de Borbén. Ou tamén o do Cacheno, en Bembrive, que na actualidade fai as veces de rotonda.
Hai moi poucos exemplos de cruceiros de capeliña na contorna viguesa. Un deles está na praza do Emigrante, nas Travesas. Foi feito hai corenta anos polo escultor de Matamá Raúl Comesaña. Esta tipoloxía presenta unha pequena concavidade ao pé da cruz superior na que se sitúa, neste caso, a Virxe da Inmaculada. Máis abundantes son os chamados cruceiros de cruz, que non presentan a figura de Cristo. É o caso do de Sendelle, en Crecente; Mallón, en Ribadelouro, Tui; ou o de Santiaguiño, en Guizán, Mos. Aínda que os galegos estamos acostumados a velos por todos partes, paga a pena deterse ante eles para admirar, en moitos casos, a súa valía artística e sempre a patrimonial.