Un bosque para facer brotar o galego crece en Gondomar entre poemas

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

GONDOMAR

IRENE GONZÁLEZ

Os comuneiros de Couso crearono en 2021 a través de achegas de voluntarios

28 jul 2023 . Actualizado a las 23:34 h.

Hai un bosque en Couso (Gondomar) que ten vida propia. As súas árbores falan entre os versos de escritores galegos como Castelao, Rosalía, Xela Arias ou Victoriano Taibo. É un bosque animado, especial e «único en Galicia», destaca o presidente da comunidade de montes de Couso, Xosé Antón Araúxo. Ao seu redor, carballos, salgueiros, castiñeiros e teixos crecen co sol do verán. Levan pouco tempo botando raíces na terra. O bosque iniciouse en 2021 e ocupa un espazo que antes era un vello vertedoiro, unha canteira en desuso, toxos e silvas. Estas árbores «son o berce dun bosque que queremos que nos axude a promocionar a nosa lingua, as especies autóctonas e outro uso dos nosos montes», explica Araúxo.

A idea deste bosque nace durante o confinamento. Aquel día das Letras Galegas, nesa ocasión estaba adicado a Carvalho Calero, foi «moi triste». Non se puido facer acto ningún e Araúxo e o resto dos comuneiros querían «deixar a súa pegada para revitalizar a lingua e cultura galega». Eles tamén están «preocupados» pola perda de galegofalantes en toda Galicia, mesmo en Couso. «Aquí sempre falou todo o mundo galego, pero agora a situación é distinta... Ata o estamos a perder aquí», lamenta.

Unha vez decidido o proxecto tocaba o máis difícil; atopar o financiamento. «Este bosque non ten ningunha axuda pública», indican e todo o que se conseguiu foi posible grazas ás achegas dos voluntarios. A comunidade de montes instalou na súa web un sistema de crowdfunding que xa recadou máis de 10.000 euros en menos de dous anos. O obxectivo final dos comuneiros é de 21.650. «Estamos moi contentos coa boa acollida que tivo», indica Araúxo e explica que hai achegas de moitos lugares, a gran maioría de Galicia, pero que tamén se enviaron cartos dende Portugal e Alemania. Cada unha destas persoas, en función da cantidade que aporten, reciben varios agasallos da man dos comuneiros.

IRENE GONZÁLEZ

Na actualidade o bosque ocupa unha superficie de 40.000 m2 e ten instalados entre as árbores 22 paneis con poemas de distintos escritores galegos. Cada un ten un verso xunto ao nome do autor e un código QR para poder escanear e escoitar o poemario. Para realizar esta escolma os comuneiros contaron coa axuda do grupo Puga do Instituto de Estudos Miñoranos e para a limpeza dos camiños tamén contan co apoio do equipo da Asociación Verdeval.

Outros usos para o monte

O bosque da lingua é un exemplo máis de «que o monte pode ter máis usos que a tala de madeira de eucalipto e piñeiro», explica Araúxo. Con el tamén queren poñer en valor o espazo natural e atraer colexios e visitantes ao monte. De feito, o seguinte paso será construír un merendoiro e un parque para nenos entre os poemas.

Esta iniciativa súmase a outras que a comunidade de montes está a poñer en práctica para diversificar as actividades das que obteñen ingresos. En Couso tamén producen shiitakes, un cogomelo comestible nativo do leste de Asia e con unha gran proxección a nivel gastronómico. Tamén apostan polos froitos do bosque cun cultivo específico de arandos, grosellas e framboesas. Tampouco podía faltar a recolección de castañas e, dende fai pouco, comezaron a extraer resina dos piñeiros para a súa venda.Todas estas iniciativas demostran que «o bosque galego ten moito potencial social, económico e cultural», conclúe Araúxo.

Ademais, ao lado do bosque da lingua, tamén crece unha especie de memorial aos veciños de Couso e aos amigos da comunidade de montes. Os comuneiros cederon unha parte do seu terreo para que as persoas, a cambio dun pago, poidan plantar unha árbore na súa memoria. Poden elixir a especie que queiran sempre e cando non sexa invasora. Hai de Xapón, do Líbano, de Estados Unidos e de outras partes do mundo.

IRENE GONZÁLEZ

Un recital entre carballos

Outro dos obxectivos do bosque da lingua é atraer actividades artísticas que promovan o uso da lingua. Para elo, converteron unha antiga canteira nun auditorio ao aire libre. Este domingo ás 20.30 horas un grupo de poetas encherá de versos o espazo nun recital. Serán Fran Fernández Davila, Gonzalo Navaza, Soledad García, Manuel Forcadela, Cristal Méndez, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xavier Baixeras.