Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Que as pandeiretas non deixen de soar»

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

GONDOMAR

As Lagharteiras teñen a súa orixe en Mos.
As Lagharteiras teñen a súa orixe en Mos. Cedida

As cantareiras de Vigo e a súa área celebras as Letras Galegas cunha chea de concertos

17 may 2025 . Actualizado a las 02:55 h.

«Estes días parecemos a orquestra París de Noia. Non nos paran de chamar para ir tocar», di, entre risas, Lorena Rodríguez, unha das integrantes do grupo Pandereteiras do Sobreiro de Borreiros (Gondomar). Onte, as cantareiras actuaban na libraría Libraida e celebraban un camiño que emprenderon hai máis de 20 anos. «Estamos aquí porque amamos cantar o noso», continúa a integrante dun grupo que, como tantos outros, é unha pequena familia dirixida pola súa mestra, Leni Pérez. «As pezas que interpretamos forman parte dun traballo de campo feito ao longo da xeografía galega, grazas ás melodías que gardaron na súa memoria a xente maior das nosas vilas e aldeas», contan con orgullo. Sábense gardiás dun legado que hai que protexer e recoller con orgullo.

O grupo de Pandereteiras do Sobreiro de Gondomar.
O grupo de Pandereteiras do Sobreiro de Gondomar.

Onte tamén foi un día de concerto para Ghandainas de Alcabre. Levan toda a semana coa axenda completa. «Por sorte, somos un grupo con varias realidades e idades e podemos adaptarnos», explica Susana Pazó, unha das cantareiras que leva unha boa parte da súa vida no grupo. Comezou a mergullarse nos ritmos do país hai cerca de 20 anos cando «decidín aprender a tocar a gaita». Pouco a pouco, foi descubrindo un mundo que descoñecía e do que namorou. «Fun a seráns, a foliadas e sentín algo especial», lembra. Por iso, cando apareceu a oportunidade de unirse ás Ghandainas de Alcabre non o dubidou. «Atopei unha familia», di chea de cariño. Esa é, dalgunha maneira, unha das explicacións que hai para entender como continúan a andar un camiño que comezaron en 2007. «Somos persoas con moitas realidades diferentes e que atopamos na música unha forma común de entender a vida», explica.

Hai nas anécdotas de Susana unha forma de entender a vida a través dunha pandeireta que non quere que deixe de soar. «Agora tamén facemos cantigas para nós mesmas», conta. Por exemplo, «cando unha das nosas compañeiras tivo un fillo fixemos unha canción para ela coma agasallo», continúa. Para a cantareira a esencia da música de raíz galega está neses detalles que teñen entre elas. «Estas mulleres facían cancións ao seu día a día», lembran.

As Ghandainas de Alcabre nun concerto onte en Bouzas.
As Ghandainas de Alcabre nun concerto onte en Bouzas. XOÁN CARLOS GIL

«É certo que vemos que a música de raíz está nun bo momento, pero non queremos que sexa unha moda. Hai que asumila como algo constante e poñer en valor o traballo das asociacións que levan anos apostando por ela», subliña Marta Martínez, unha das cantareiras do grupo Lagharteiras, que tamén destaca que como asociación «estamos contentas de ver como cada vez hai máis nenos e nenas que se achegan cantando as nosas raíces», indica.

Marta tamén incide en que unha das maiores ameazas ao legado das cantareiras está na saúde da lingua. «É unha batalla máis, sobre todo nos rapaces novos», insiste. Ela sabe que «a música pode ser unha gran ferramenta para achegar a xente ao galego cantando» e insiste na importancia de manter, apoiar e fortalecer ás asociacións de vilas e aldeas que recollen, cantan e gardan as cancións que pasaron de xeración en xeración. «Fan un dobre traballo: Protexen o noso patrimonio e tamén a nosa lingua», conclúe. As Lagharteiras son un exemplo desa tarefa. Elas recolleron unha chea de cantigas de mulleres maiores que agora levan con orgullo no son das súas pandeiretas e as súas voces en cada concerto.