Excursións moañesas ao río Verdugo

Xosé Carlos Villaverde Román MOAÑA

MOAÑA

PACHECO

Este lugar foi dende sempre un atractivo cara a desfrutar dun día en contacto coa natureza

13 jul 2015 . Actualizado a las 09:30 h.

Os últimos quilómetros da desembocadura do río Verdugo, que delimita as parroquias de Ponte Sampaio (Pontevedra) e Arcade (Soutomaior), está situado a unhas sete millas e media de Moaña por vía marítima. Este lugar foi dende sempre un atractivo cara a desfrutar dun día agradable en contacto coa natureza, tal como se pode apreciar nesta instantánea de 1931, que inmortalizou o xenial fotógrafo vigués Pacheco, baixo a ponte do Inferno. Fotos semellantes de diferentes anos foron recompiladas pola asociación cultural Nós, o que vén confirmar o interese de organizar excursións estivais, sobre todo polas sociedades de ocio como foron os casinos moañeses.

Hai constancia de que estas sociedades xa existían en 1913, pero sería durante a ditadura de Primo de Rivera onde máis protección e apoio tiveron. A partir de 1926 quedou constituído o Liceo-Casino, ubicado na propiedade de José Magdaleno (Os enamorados), representado polos maiores contribuíntes moañeses como Ernesto Carballo (presidente), ex alcalde e propietario da fábrica do Con; Jesús Seoane Botatronos (vicepresidente), que ostentaba tenda e dispensador de gasoil; José Corbacho (secretario), mestre e posteriormente ideólogo republicano do Partido Radical; Ramón Carballo (tesoureiro), irmán de Ernesto e funcionario municipal. Como vogal, destaca Antonio Pardo, mestre e tendeiro. Grazas aos seus descendentes conservamos esta preciosa imaxe, onde están identificados Ernesto Carballo e Jesús Seoane, ademais do médico Luis Caamaño e a súa esposa Isabel Parada, e tamén o comerciante Pepe de Ventura, acompañados por un gaiteiro. En 1928 a sede do casino mudouse á casa de Del Río.

Este tipo de visitas sucedéronse durante moito tempo ata despois do accidente do Dro -pequena embarcación moañesa-, acontecido na festividade de San Bieito en 1960, á altura da ponte Casal, con dúas falecidas. Despois dese suceso, as excursións moañesas ao Verdugo diminuíron de forma considerable.

Hai outra referencia histórica plasmada no escudo de Moaña como é a representación dunha ponte rota que simboliza a participación dos veciños moañeses na batalla de Ponte Sampaio, acontecida entre os días 7 e 9 de xuño de 1809, cando o batallón do Morrazo se integrou na división de Miño e embarcaron dende Domaio, para presentarse ás ordes do Conde de Noroña e combater contra as tropas napoleónicas. Obrigou aos franceses á retirada, o que supuxo o inicio da expulsión francesa das terras galaicas e unha das primeiras vitorias da guerra da Independencia.