A campaña | En busca dos consellos da alcaldesa de Moaña

Sara Pérez Peral
Sara Pérez MOAÑA / LA VOZ

MOAÑA

<span lang= gl >A alcaldesa e candidata do BNG en Moaña, Leticia Santos, cunha das mulleres vendedoras no mercado da alameda. </span>
A alcaldesa e candidata do BNG en Moaña, Leticia Santos, cunha das mulleres vendedoras no mercado da alameda.  VÍTOR MEJUTO

En oito anos de goberno, Leticia Santos abriulle as portas do Concello aos veciños. Agora afronta o 28M cos mesmos nervios que cando competía en taekwondo

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ola, chao. Ola, chao. Ola, chao». Así soa unha mañá de sábado paseando polos postos do mercado de Moaña con Leticia Santos, a primeira muller alcaldesa dun concello ao que chegou, sen pretendelo, no 2015. O mesmo lugar onde catro anos despois, xa a propósito, revalidou o mandato. Algo que espera volver facer en menos de dúas semanas fronte as candidaturas de Mario Rodríguez polo PSOE e de Javier Carro polo PP.

Di que está tranquila e que chega cos deberes feitos, pero que os nervios —os bos, especifica— están aí dende hai tres semanas, cando presentaron formalmente a candidatura. Unha vidilla, como ela lles chama, que tocará teito este 28 de maio pola tarde, cando estea no local do seu partido, o BNG, agardando polos resultados. Recibindo wasaps e contestando chamadas. Facendo números e anotando votos.

Unha situación que lle recorda a cando competía na selección galega de taekwondo: «Os adestramentos están feitos, pero os nervios da competición sempre aparecen». Esta vez serán os veciños de Moaña quen lle poñan nota, de novo, pola súa xestión logo de oito anos de goberno en coalición co PSdeG. «Parece que pasaron oito mundos. Non sei cantas vidas vivín neste tempo, aprendín tanto», subliña.

Leti, como todo o mundo a chama en Moaña, chegou ao Concello con 30 anos. Sen experiencia. Era unha rapaza rebuldeira, que xa empuxaba daquela, que viña de traballar no sector privado como responsable comercial e á que non se lle pasaba pola cabeza formar parte da política activa, moito menos ter as chaves dun goberno local. Por iso cando falamos das candidatas que xa dende a carreira teñen claro que queren ser alcaldesas ou presentarse ilumínaselle a cara, porque ela nin sequera pensou que podería selo o día que llo propuxeron no local do Bloque en Moaña. Agora abren as portas do Concello, di, e fan que cousas que se crían imposibles parezan posibles.

Do seu antigo traballo aprendeu a gañarse o soldo. «Agora traballo para a veciñanza de Moaña, que é quen me paga. Eles son os meus xefes. Ás veces non podemos axudar como queren, ou o rápido que precisan, pero sorprenderíache a cantidade de veces que veñen ao concello buscando só un consello», explica. Ese é o nivel de confianza que conseguiu cos veciños, cos que fala incluso dende as redes sociais. Cunha poboación de menos de 20.000 habitantes que ten Moaña, no seu perfil de Facebook —que ela mesma xestiona, así como a súa axenda— contan con case que 10.000 seguidores. «Non está mal, non?», ri.

Na media hora de conversa, non deixa de darlle voltas e máis que voltas ao café. O día que lle espera vai ir moi rápido: saíu ás dez da mañá dunha casa que non vai pisar ata pasadas as oito da tarde. A primeira parada é o local do BNG, alí espérana militantes e membros do partido preparándoo todo para o mercado: carteis, megafonía e folletos de propaganda que van con voto. «Non che dixen que tiña un equipazo?», presume. Dende que saímos á rúa e ata que chegamos a alameda, apenas dez minutos de traxecto, non deixa de saudar e de ser saudada por todos.

Ao chegar ao paseo, dende o que vemos Vigo ao lonxe —o día e a noite—, perdemos a Leti entre as consultas dos veciños. A alcaldesa 24 horas.

Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.