O moañés leva 14 anos remando e adestrando en Tirán e agora acaba de estrearse na política municipal
30 oct 2023 . Actualizado a las 11:23 h.Kevin González Santiago (Moaña, 1994) naceu un día de folga xeral no seo dunha familia onde o deporte era unha obriga e o día que cumpriu 18 anos afiliouse ao BNG. Con eses precedentes, a ninguén lle pode estrañar que rematase como remeiro e adestrador da Sociedade Deportiva Tirán nin como concelleiro de Mocidade, Infancia e Voluntariado no Concello de Moaña.
Fútbol, taekuondo e cros, como actividades extraescolares foron as disciplinas nas que comezou, moi cedo, a súa práctica deportiva. «Non destaquei en ningún deles e parece que o meu destino estaba marcado no remo», comenta. Seu pai fora remeiro e directivo e o seu irmán empezou na SD Samertolameu en infantís. Veciño da parroquia de Meira, iniciouse nos cursiños de verán da entidade «cando xa tiña una idade máis ou menos axeitada para remar». Foi no verán do 2005, con 11 anos e ao mesmo tempo que o seu irmán se proclamaba coa Terca campión de España en Santander.
Kevin estivo catro ano vestindo de verde e branco. «O meu primeiro ano en Samertolameu foi incrible, tiña uns compañeiros que eran comprometidos, levábame moi ben con eles, pero eles eran infantís de segundo ano e eu, alevín, e cando fixeron o cadete eu quedei só». Os seus novos compañeiros non tiñan o mesmo compromiso, Kevin empezou a pasalo mal e un día o seu irmán animouno a cambiar de parroquia e fichar por Tirán. «Díxome que me vía sempre amargado e que había que cambiar, aínda que fora ao eterno rival».
Cando chegou a Tirán, na tempada 09/10, todo foron facilidades. «Dende o primeiro momento, recibíronme estupendamente e non houbo ningún tipo de problema, ao revés. Polo tema das cores, ao principio si que o levei mal, pero logo descubrín que unha cousa é ser de Meira e outra é sentirse identificado coas cores dun club, coa súa filosofía e coa súa idiosincrasia. Samertolameu e Meira son dúas filosofías radicalmente distintas», relata tirando de experiencia.
Dende entón só se moveu, e de xeito temporal unha tempada, para volver a Tirán pola vía rápida. Graduado en Ciencias da Actividade Física e o deporte, foise a adestrar ás categorías base de Chapela. «Tiña unha boa relación con compañeiros dese club, Marco Antonio Castelao era o adestrador e convidoume a ir de preparador físico», recorda. Pero uns pequenos problema fixeron que se desvincularse no mes de maio. Entón, chegou a aventura vasca. «Eu son un pouco friki e coñezo a moita xente do Pais Vasco». Un deses coñecidos era Iker Cortés, hoxe adestrador da traíña feminina de Hondarribia. Díxolle dos problemas de Hibaika, que estaba na ARC 2, e animouno a probar. «Falei co adestrador, e díxome que encantado, que me ofrecían estar nun piso de aluguer que tiñan con outros compañeiros, que me pagaban uns cartiños, poucos, para dicir que me daban algo e logo cubrían tamén a manutención». Aceptou e estivo algo máis dun mes vivindo en Rentería e remando no Cantábrico.
Non tardou en volver á que considera a súa casa deportiva, Tirán. Foi un curso 17/18, con Benji Vázquez de adestrador e nun equipo que rematou descendendo dende a Liga ACT.
Para entón, Kevin xa engadira a súa condición de remeiro a de adestrador na entidade. «Son un pouco o coordinador das categorías base porque son o preparador físico de todos os nenos e nenas e logo teño as miñas propias categorías ás que adestro. Iso realmente é a miña vocación», comenta, mentres argumenta que goza máis con éxitos dos cativos que cos seus persoais como remeiro: «Teño a ben recordar que son o remeiro galego máis novo en gañar unha bandeira ACT, algo que non pode dicir todo o mundo. Eu, o día que debutei, con 19 anos gañei a bandeira de Portugalete; pero no 2022, quedei campión de España cun equipo infantil feminino e a sensación que tiven ese día non é comparable. Aí sénteste parte dun proxecto no que ti puxeches o teu gran e mirar que outras persoas logran os seus obxectivos, están felices e danche as grazas por axudalos. Iso é impagable».
O maio pasado engadiu ás súas múltiples ocupacións a de concelleiro do grupo de goberno de Moaña. «O ano pasado, en decembro, a alcaldesa convidoume a tomar un café e pensei que sería por uns temas persoais do meu pai (é fillo dun dos falecidos na traxedia do Vila de Pitanxo) ou polos meus avós, pero cando cheguei ao café, ela díxome que querían contar comigo nas listas. Eu quedei un pouco pillado e pensei que me ía a poñer de 12 ou 14, pero díxome que estaba pensando en poñerme en postos de saída».
E así foi. Kevin ocupou un posto de saída, a formación nacionalista obtivo a maioría absoluta e a día de hoxe, exerce de concelleiro de Mocidade, Infancia e Voluntariado. Faino a media xornada, pero a dedicación é completa, cun inciso para adestrar e remar. Esta última faceta valorou deixala, pero deseguido se decatou de que era imposible. «Eu son unha persoa moi inquieta e nerviosa e cando paro de adestrar, a ansiedade apoderase de un e deixo de durmir coa calidade que a min me gustaría. É unha necesidade para min».