Esther Nande, última campaneira de Nigrán: «É unha mágoa que as campás deixen de soar e que o noso oficio desapareza»
NIGRÁN
Leva máis de 30 anos facendo soar as dúas campás da igrexa de Parada
24 jul 2023 . Actualizado a las 23:41 h.En Parada, Nigrán, as campás soan «diferente, moito máis bonito». Nótase o toque «dunhas mans», conta Esther Nande (70 anos), a última campaneira que queda en Nigrán. Leva máis de 30 anos facendo soar as dúas campás da única igrexa de orixe románico que existe en todo O Val Miñor. Ela tamén é singular na comarca. É a derradeira mostra dun legado que «parece que se está a extinguir».
Esther é de Parada «de toda a vida». Criouse escoitando «a linguaxe» das campás da igrexa. «Era a forma de comunicarse de antes», explica. Con elas sabían se había misa, cando morrera alguén e se o falecido era home ou muller. «Non tiñamos móbil e así xa nos decatabamos de todo», conta. Antes, o oficio estaba reservado para os sancristáns da igrexa, «case todos homes», pero ela comezou a tocar un «pouco por necesidade». O seu fillo era acólito na igrexa e, daquela, «xa non quedaban moitas persoas para tocar», así que lle dixeron e aceptou.
Como se aprende a tocar unhas campás? «A min ensinoume unha señora que vivía alí arriba», sinala unha casa que da ao torreiro da igrexa. «Dende a súa habitación de arriba dirixíame como unha directora de orquestra». A situación era a seguinte. Esther estaba subida ao campanario e a señora na ventá da súa casa. «Eu tocaba e ela indicaba coas mans se tiña que ir máis rápido, máis lento ou parar», conta.
É máis difícil do que parece, non si? «Pois claro que si». Esther tira do sistema que acciona as campás dende a porta da igrexa. Fai uns meses operárona da cadeira e xa non pode subir arriba. As campás soan e ela mostra como se toca «a oración da mañá». Ten que tirar con forza e poñer todo o seu corpo para que a maquinaria que funciona con resortes accione a campá. Ao pouco, unha veciña achégase a igrexa para saber que pasara. Esther ri e dille «que estaba a ver se as campás funcionaban ben». Ela, dalgunha maneira, é un pouco a «xornalista» de Parada. Por exemplo, cando toca por un falecemento todos os veciños chaman para preguntar quen finou. O seu fillo «ben o sabe», explica. «Cando vivía comigo descolgaba o teléfono para que deixara de soar de tanto que a chamaban», lembra.
Precisamente, o toque de enterros é o máis difícil de facer para ela. «Se é un home hai que tocar primeiro tres veces a grande, logo agardar un minuto, despois 50 a grande, 50 a pequena e outras 50 a grande, en cambio, no das mulleres é dúas veces a grande, un minuto de silencio, 75 a grande e 75 a pequena», explica. Ambas duran 30 minutos, pero indica que ata aquí «a muller está máis prexudicada que os homes». Eles teñen 150 toques da campá grande e elas só 75.
Ao rematar de tocar, Esther, que é a encargada do espazo cando o párroco non está, preocupase de que todo este no seu lugar no templo. Coñéceo moi ben. É practicamente a súa segunda casa e está «moi orgullosa» de dicir que «debe ser a única muller sancristán de toda a zona». Os párrocos cambian, pero ela «sempre está aquí». Apaga as luces, pasa un ferro no portalón da igrexa e sae por unha portiña da sancristía. «O malo deste traballo é que é moi escravo», recoñece. «Teño que estar aquí sempre porque se morre alguén de imprevisto hai que vir tocar as campás». O certo é que as últimas veces que estivo fóra de Parada alguén morreu. Por exemplo, «fai uns anos fun a Ons cunha excursión e chamáronme da funeraria pola mañá para pedirme que fora tocar ao enterro dunha veciña que acababa de morrer». E como fixeches? «Pois menos mal que estaba alí o meu home e que foi el a tocar por min», conta. El tamén sabía tocar? «Si, axudábame cando eu estaba fóra». Agora que faleceu, Esther busca unha persoa que colla o seu legado. «Estou a ensinarlle a un señor, pero el tamén é maior», lamenta. O home ten «boa vontade», pero ten máis de 65 anos. E os teus fillos e netos? «A algúns si que lles ensinei, pero non teñen tempo para facelo», conclúe.
As campás xa non se entenden
A linguaxe das campás, recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO, está a desaparecer en Parada como «xa case» pasou en todo Nigrán. Alí, todos os veciños sabían distinguir a mensaxe que quería dar Esther coas campás, pero, agora, «os máis novos non o entenden e os toques perden parte do seu significado». Esta é outra das consecuencia destes tempos que corren moito. Esther sabe que a voz das súas campás está en perigo. Promete que seguirá todo o que poida, pero sabe, que «iso será ata que o corpo o permita». Mentres tanto, en Parada as campás seguirán falando coas mans de Esther.