Libros para pasear polos tesouros do Val Miñor

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

NIGRÁN

XOAN CARLOS GIL

A escritora de Nigrán, Soledad García, creou unha saga para que os nenos coñezan os segredos e a importancia de protexer a natureza da comarca

25 abr 2024 . Actualizado a las 00:03 h.

Para Soledad García, ou Sole, escribir é unha «liberación». É un lugar onde pousar unha cabeza «que non para». Botouse a teclear e imaxinar historias para buscar un refuxio para ela e para unha serie de seres vivos e lugares que quere axudar a protexer coa súa literatura. Todos os libros que publicou tratan sobre a importancia de coidar a natureza e as persoas, sobre todo ás que máis necesitan protección. A súa literatura é de «compromiso» e as súas letras son pegadas das súas ganas de cambiar o mundo.

Sole ten tres libros que descobren os tesouros do Val Miñor. Son paseos por Nigrán, Baiona e Gondomar. Cada un tivo unha razón distinta para botarse a camiñar. O de Nigrán naceu dun conto anterior que lle «escribín a miña nena». A Sole sempre lle encantou escribir, pero co paso dos anos a literatura foi un pouco apartada por estudar mentres traballaba, opositar a administración e outros azares da vida. As letras volveron cando naceu a súa filla. «Un día díxome que quería ser serea», lembra. «E por que non?». Botouse a escribir os soños da súa nena e así naceu o seu primeiro conto «Dedas», protagonizado por unha serea e que está construído para ser lido conforme se crece. Hai unha lectura para nenos máis pequenos e outra para máis maiores.

Coa idea de dar vida a Dedas coñece a ilustradora Laine Villaverde e a deseñadora Natalia Guisande. Forman o grupo cultural Solaína e co apoio do Concello de Nigrán editan «Un paseo por Nigrán». Sacan 1.000 copias para repartir entre os pequenos e non tan pequenos do municipio. Esgotáronse. A protagonista deste libro é a mesma serea de Dedas e quere mergullar aos nenos na volta do mosaico romano a Panxón. Neste libro, Monteferro era un xigante que namoraba da Virxe da Rocha de Baiona, pero non podía chegar ata ela porque non había pontes para el. Sole fixo un e saltaron a ría.

Un paseo por Baiona foi o segundo libro da saga. Aquí o protagonista é Artai, un pequeno garrano da serra da Groba, que quere seguir vivindo no seu fogar. Este libro nace do medo de Sole a que os proxectos para instalar aeroxeneradores na serra foran adiante. «Non me podía quedar parada. Meu pai sempre me levaba de pequena aos curros e a pasear por alí», conta. Escribir este libro foi a súa maneira de loitar pola defensa da Groba. A historia de Artai foi moi ben acollida e ata chegou a Alemania convertida en A walk in Baiona dentro dos proxectos Green Destinations na Feira Internacional de Turismo de Berlín.

XOAN CARLOS GIL

E o último en chegar, Gondomar. Tamén foi o que implicou máis quilómetros. Sole quería que este libro mostrara o gran patrimonio descoñecido do lugar da man de Diego, un trasno que vive na casa Peralba. Lanzaron xunto ao Concello 3.000 copias dunha viaxe que levou a Sole e a súa filla a perderse por todas as parroquias de Gondomar. Aquí tamén tiña claro que o que quería era «mostrar a gran riqueza cultural e natural do monte do Galiñeiro cando se está a falar de que se deberían explotar as súas terras raras».

Logo de rematar o seu paseo por Gondomar recibiu, en verán do ano pasado, a noticia de que o seu poemario O camiño de Perséfone gañara o Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María da Casa de Galicia en Gipuzkoa. Aquí fala de feminismo centrándose na figura desta muller mitolóxica que Hades secuestrou do abrazo da súa nai. De novo, un libro con compromiso. Como o que viu despois. Urco, unha historia reciclada foi publicado da man do Concello de Vigo para contar a historia dun can abandonado. É unha historia dura, que fala da dor do animal que queda só, pero que «debe ser contada». Para Sole, un libro infantil tamén ten que mostrar que a vida, ás veces, non é bonita.

Todos os libros que Sole escribiu son autoeditados por ela. Non vai a unha empresa especializada nin a unha editorial. Ela ou as súas compañeiras de Solaina editan, maquetan, ilustran, negocian coa imprenta e distribúen coas librarías. É «moito traballo», pero tamén lle permite ter certa liberdade e control sobre as súas creacións. Ata o de agora as súas experiencias con editoriais non foron as mellores. Fai uns meses unha cancelou a súa obra cando xa tiña o contrato por firmar. Non pasou nada. Sole sabe que «non precisa máis que luz e taquígrafos para seguir». É así. Escribe coa ilusión de facerse a ela e ao mundo un lugar mellor.