Canastras a ritmo de rock en Salceda

m.t. SALCEDA / LA VOZ

O PORRIÑO

cedida

Un audiolibro promove os valores do baloncesto e da música dentro e fóra do taboeiro

20 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«O baloncesto é rock and roll» defende hai máis de tres décadas sobre o taboeiro e os escenarios Loquillo. O coordinador deportivo de Club Baloncesto Caselas, Adrián Salgado Fernández, que se confesa igualmente apaixoado deste deporte e desta música, impulsa un pedagóxico proxecto co que consegue canastras dentro e fóra do campo de xogo ó fomentar valores universais.

O proxecto deportivo, educativo e musical que ten posto en marcha chámase A banda dos insectos. «Buscamos familiarizar á xuventude coa linguaxe do baloncesto e os valores tranversais que implica o deporte, empregando como vehículo a música e o rock con letras en galego», explica ou seu promotor. O grupo naceu hai tres anos e, tras comprobar que a fórmula funciona, con varios concertos ás espaldas e temas propios, veñen de publicar coa editorial Guindastre o audiolibro Pasando a bóla.

«É unha novela xuvenil na que se fala sobre un equipo de baloncesto de nenos moi diferentes entre si, e na que se tratan dende temas baloncestísticos e deportivos ata aspectos como a diversidade ou o racismo, a integración ou ou acoso escolar», revela este tudense que naceu hai 32 anos en Caldelas de Tui e que agora está xa a fincado en Salceda de Caselas.

«Cada capítulo vai acompañado dunha canción da Banda dos insectos, buscando que os rapaces gocen dunha lectura lúdica e interactiva», indica. Está dirixido principalmente a ou público de 8 a 14 anos.

Esencia Xabarín

O proxecto ten a esencia do Xabarín Club, programa da Televisión de Galicia que enganchouno seu día tanto a Adrián Salgado (batería e voz) como aos seus compañeiros de banda, Jacobo Rosselló (guitarra) e Eduardo Cadeas (baixo). «Combinamos a nosa paixón e experiencia na música coa nosa condición de formadores, co obxectivo de que as crianzas reciban unha educación integral e aprendan dunha maneira divertida», apunta. Esta é a carta de presentación do grupo e, sobre a historia do conto, non adiantan máis que o estritamente preciso para que cada quen faga a súa propia descuberta: «Arrinca coa chegada dun novo adestrador a un equipo de baloncesto». E aí queda e comeza a historia.

A xente do Clube Baloncesto Caselas considera, ademais, que é unha boa aposta para calquera escola, con independencia da materia a estudar, xa que fala valóres universais como o respecto á diversidade. A novela, da autoría de Celtia Figueiras e con ilustracións de Iago Araujo, está á venda por doce euros e pode escoitarse un adianto dos temas tanto no Facebook da banda como na web de Guindastre.