O Asmubal Meaño sobrevive á súa peor versión e defenderá a praza na fase na última xornada

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O PORRIÑO

Tras remontarlle sete goles ao Gijón (29-26) valerálle cun empate no Porriño

02 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño depende de si mesmo para, o sábado 15 de abril, selar na derradeira xornada de Liga o pasaporte para a fase de ascenso á División de Honra Ouro Feminina de balonmán. E iso é así grazas á capacidade do equipo que dirixe Juan Manuel Costas para sobrepoñerse á súa peor versión e remontar nun ateigado e entregado pavillón municipal de Coirón os sete tantos de vantaxe cos que o Balonmano Gijón chegou ao treito final da primeira parte. O 29-26 final dá boa conta do cambio radical experimentado polo cadro galego tras o descanso, obrigado ante o triunfo do Hand Vall Valladolid en Siero (26-31). Tras o empate do Carballal e do Porriño (26-26), ao Asmubal valeránlle as táboas na cancha deste último no peche da fase regular da Liga para non depender do que faga en Valladolid o Hand Vall ante un Camargo 74 sen nada xa en xogo.

Agustina Ballada abriu o marcador, pero a alegría do público local durou pouco. Ana González e a extremo esquerda, Laura Rivas, facendo coa primeira un xogo de dobre pivote movéndose por detrás da defensa local en 6-0, abriron o primeiro oco en tres minutos e medio (2-4). Pero sobre todo, deixaron en evidencia o lonxe que estivo onte o Asmubal durante a primeira media hora de partido de estender esa férrea malla protectora coa que blinda a súa portería, clave de que o cadro do Salnés estea ás portas de acceder á fase de ascenso.

O que se convertera en norma, a captura polas pupilas de Juan Manuel Costas de calquera balón dividido diante do arco meañés, virou do revés. O Balonmano Gijón, sexto e sen opcións realistas xa de poder aspirar ao gran premio do segundo posto, saía airoso en todo este tipo de accións, engordando os seu graneiro de goles espremendo moitos rexeites. Todo, despois de conseguir impoñer os ataques longos nos que tan ben parece moverse.

Cun 6-11 no electrónico de Coirón, o adestrador do Asmubal empezou a mover ficha trocando a Lorena Ligero, que non tiña a tarde, por Lucía Caneda na portería local. Unha medida que acabou resultando decisiva na segunda metade. Con todo, antes as meañesas tocaron fondo, véndose sete abaixo (9-16, minuto 23,19; 10-17, minuto 27,01). Dous tantos de Andrea Cores, onte especialmente acertada xunto a Sabela Miniño nos extremos, e de Eli Méndez recortaron a desvantaxe a un 12-17 ao descanso.

Dúas paradas na mesma acción de Lucía Caneda reforzaron a moral do equipo en plena remontada, materializada en cinco minutos con dous tantos de Eli Méndez, un de Andrea Cores e o último de Cárol Ferreira para subir o 24-23 a 11 minutos do final. Saray Trabanco empatou a 24, pero desde que Laura Miniño puxo o 25-24 a 9 da conclusión, o control do marcador xa non variou.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (29): Lorena Ligero, María Currás, Sofía Arangio (3), Eli Méndez (5), Agustina Ballada (1), Sabela Miniño (8) e Cárol Ferreira (2) —septeto titular—; Lucía Caneda, Andrea Cores (4), María del Carmen Vera, Laura Miniño (6), Paula Rey e Vanesa Domínguez.

BALONMANO GIJÓN (26): Zoe González, Laura Rivas (3), Laura Gutiérrez (2), Elena Capelastegui (2), Saray Trabanco (6), Lucía González (3) e Ana González (4) —septeto titular—; Eva Vide (2), Yaiza Núñez, Rebeca Vallado (3), Eva Rodríguez e Sara de Castro (1). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-4, 5-7, 6-11, 8-13, 10-16, 12-17 (descanso); 14-18, 18-20, 21-23, 24-23, 28-26 e 29-26.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Julio Villanueva e Pablo Torreiro. Descualificaron directamente a xogadora local Sofía Arangio (min 55,50) e a visitante Ana González (56,07). Castigaron con dous minutos a Vanesa Domínguez (min 37,05) e Cárol Ferreira (min 50,02), polo Asmubal Meaño; e a Lucía González (min 31,57), a Sara de Castro (min 50,16) e a Eva Vide (min 58,49).