Janet Novás: «Se recoñecen o meu personaxe en "O corno" é porque o corpo conta moito»
O PORRIÑO
A artista e actriz non ve fronteiras entre danza e cine: «O que me interesa é comunicar»
15 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O currículo de Janet Novás (O Porriño, 1982) leva máis de dúas décadas medrando sobre as táboas como bailarina e coreógrafa. Agora é o seu debut no cinema como María, a protagonista de O corno, baixo as ordes de Jaione Camborda, o que atrapa as miradas de público e crítica.
—O seu debut como actriz non puido ser mellor: protagonista do filme gañador da Concha de Oro. Cando lle dixo si a Jaione Camborda pensaba nalgún momento que podían facer historia?
—Para nada. Non esperaba isto, pero tamén porque normalmente eu non teño a atención nos premios, nos resultados, senón máis no proceso e no interese do que me están propoñendo. Cando alguén me ofrece un proxecto non penso onde vai a ir, senón no que me pode achegar, de que vai, se está vinculado aos meus intereses..., e, en función diso, decido. O que máis ilusión me fixo foi o guión da película e volver a Galicia, traballar en galego. De repente, era un proxecto que me apetecía moito.
—Jaione Camborda comentou que cando se imaxinou a María xa pensou en vostede. Con anos de traxectoria na danza, pensara algunha vez no cine?
—Si o pensara. De moi nova, xente do audiovisual comentárame que tiña moi boa cara para o cine. Fixera un documental sobre o meu traballo hai uns anos e é verdade que na cámara collía forza. Entón, son sensacións que tes por riba, pero nunca lle prestas moita atención. Ademais, se pensara no cine era para facer unha película máis como bailarina. De feito, cando me chamou Jaione pensei que ía bailar. Non teño a técnica, probablemente, pero hai algo no que eu traballei moito na miña profesión que é poder falar desde un lugar moi honesto, que é algo que levo moitos anos explorando: como poder falar desde a orixe, desde o corpo, desde a voz...
—Por que o si definitivo?
—Foi un pouco as circunstancias nas que me atopaba a nivel profesional. Levo moitos anos traballando sobre min, de moita introspección, e tiña moitas ganas de poñer todos os coñecementos que teño ao servizo de alguén. O feito de que fose no cine era algo tan novo que era un reto moi bonito.
—Cal foi a maior dificultade de meterse nese personaxe de María?
—Foron varias. Unha, despois de tantos anos dirixíndome, non dirixirme e poñer o meu corpo ao servizo dun personaxe que escribiu outra persoa. Jaione [Camborda] tiña moi claro o personaxe de María, que ten moitas cousas parecidas a min, pero outras totalmente opostas, como é para min o tema da contención. Iso é algo que me levei conmigo de María. Eu son moi explosiva no traballo, que é pura enerxía, puro trance, pero María ten todo iso, pero non o lanza fóra.
—Que lle achegou Janet Novás a ese personaxe que representa a unha mariscadora e parteira desde a danza, que ao mellor alguén que non faga danza non houbera conseguido?
—Non sei se alguén que non fixera danza o houbera conseguido. Eu apoieime moito no traballo que eu veño facendo. Por exemplo, para a escena do parto, traballei cunha doula e, cando ela me ía contando como tiña que compartarse, para min tiña moita relación con cando eu dou clases, como escoito o corpo dos alumnos. Para min, entón, había moito de escoitar, de acompañar, e confiar moito no coñecemento do corpo. Empecei a crear conexións entre o meu traballo con este que fai María de estar acompañando, de dar confianza, de soster... No parto hai moito apoio no corpo, que é algo que se traballa na danza. Nesa primeira parte do parto si está moi presente ese traballo físico que eu levo facendo.
—É unha película ambientada nos 70, pero canto nos fala ao presente?
—Seguimos falando temas como o de non ter dereitos sobre o noso propio corpo, tamén está o tema do racismo, a sororidade, a rede de apoios que teñen que seguir estando aí. Eu que veño dunha cidade grande, que levo anos vivindo en Madrid, Barcelona, cando veño a Galicia sinto que iso existe máis, nas cidades pérdese. A película trae ese corpo máis animal instintivo, esa sororidade, que son cousas que se están perdendo, pero que recordan onde está o básico da vida. A película fai un cruce co presente todo o tempo, de cousas que seguen pasando, problemáticas que aínda están hoxe.
—Hai quen sostén que merecía a Concha de Plata como actriz. Leva moitos anos no mundo da danza, como se xestiona que agora a coñeza o gran público pola súa interpretación de María?
—Aínda non o sei, estou asimilando todo. Levas tantos anos na danza para que se recoñeza o traballo.... É un camiño duro, difícil, de picar moita pedra..., e, de repente, entras pola porta grande no cine, como actriz protagonista, Concha de Oro para o filme..., é estraño; pero intento observar por que pasa iso. Entón, creo que hai un traballo detrás de 20 anos, non é algo así por así. Veño de moito traballo e é o que se está vendo.
—A visibilidade que logra con este traballo no cinema, gustaríalle canalizalo para que tamén o gran público se achegue á danza?
—Para min tamén é unha responsabilidade. A danza é unha profesión moi necesaria e agora, con este lugar de visibilidade, apetéceme moito poñela en valor porque é unha das artes menos coidadas. O feito que este personaxe de María teña tanto recoñecemento pola súa fisicalidade é porque o corpo conta moito. Entón, hai que coñecer desde onde conta, desde onde se move, onde respira..., e todo iso é traballo que facemos coa danza.
—O futuro oriéntao a seguir compaxinando danza e cinema?
—Ao final, cando abres unha porta poden saír máis oportunidades. A min o que me interesa é comunicar. Para min non hai barreira entre danza e cine. Evidentemente, igual non podo facer calquera papel, serán retos aos que me teña que enfrontar se saen oportunidades e, se non saen, tampouco pasa nada.
—Afirma que non ve unha barreira entre a danza e o cinema.
—Eu penso que hai que traballar e formarse. A min tamén me encanta cantar tamén... Son unha persoa que me encanta comunicar, e se non queren chamarme artista, que non o fagan (ri). Non teño a atención de ser unha cousa ou ser outra. Non me gustan as fronteiras.
«O que máis me gustou foi poder dedicarme só a crear»
A artista, mentres continúa a promoción do filme, tampouco se esquece da danza.
—O día antes da entrega de premio de San Sebastián estreaba un espectáculo de danza...
—Xusto coincidiu na mesma semana e non foi fácil xestionar todo. Cando estou creando gústame estar moito na intimidade e xusto neste momento foi todo o contrario, foi visibilidade dun xeito esaxerado. Agora fixen a estrea no festival TNT de Tarrasa, pero a peza aínda ten que seguir medrando, como pasou coas miñas montaxes anteriores... É moito para min e, ás veces, hai que aceptar que non dás chegado a todo como quererías. Este espectáculo é a primeira vez que só dirixo, que estou fóra do escenario.
—Acostumada a dirixir, a traballar na intimidade, pasa ao cine que é en equipo e baixo as ordes doutras persoas...
—O que me gustou moito desta oportunidade é que me permitiu dedicarme só ao meu traballo, que é comunicar e crear personaxe. A danza é un sector moi precario e teño que facer produción, distribución...; teño que atender a tantas cousas que non é creación, que sinto que non teño ese tempo para dar todo o que podo. Vendo o resultado de O corno e as críticas que estou recibindo, aínda me corrobora máis iso. Realmente, en O corno estiven só para iso, dedicada ao 100 %, e iso permíteche dar o mellor de ti. Boas condicións, con coidados, é algo que sobre todo na danza, desgraciadamente, non nos podemos permitir.
—Cales son os próximos proxectos?
—Agora vou presentar a obra en Barcelona, despois en Madrid, e tamén irei con Mercedes Peón a Rumanía... Agora vai ser recoller froitos de todo, porque foi un ano de moito traballo, de moita creación...
—Dicía ao comezo que a película supuxo volver a Galicia e traballar en galego. Gustaríalle regresar?
—Ao principio cando estás empezando é importante estar nos lugares onde se move todo, pero cada vez estase descentralizando máis. Chegado un momento no que o teu traballo se coñece, é un bo momento para poder volver e seguir traballando desde aquí. Si mo plantexo, pero verei a vida por onde me vai levando.