A comarca prepárase para celebrar o Día de Rosalía

Alfredo López Penide
L. penide PONTEVEDRA / LA VOZ

O ROSAL

CEDIDA

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo da conmemoración do Día de Rosalía, o vindeiro mércores 24 de febreiro, a Deputación de Pontevedra a programado unha serie de actos para homenaxear «á escritora galega máis representativa da nosa literatura», apuntou Carmela Silva.

Deste xeito, anunciou que, como novidade, se promoverá a acción Proxectando a forza de Rosalía!, que se desenvolverá no Pazo Provincial en Pontevedra, así como nos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal, e consistirá na iluminación da fachada cunha imaxe e frase da compostelana. Trátase dun «mapping que alumeará o Pazo entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo (...). A idea que temos é que o público comparta as súas fotografías coas fachadas alumeadas nas redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía», engadiu a presidenta da Deputación.

Ademais, o propio Día de Rosalía terá lugar un acto cultural no Pazo, que se desenvolverá sen público presencial, pero que poderá seguirse a través das canles institucionais e contará cun servizo de interpretación de lingua de signos. Consistirá na lectura en remoto de poemas de Rosalía a cargo de nenas e nenos dos centros educativos da provincia, así como se lera o manifesto elaborado por Anna R. Figueiredo e impulsado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), e actuará Uxía Senlle.

A maiores, este venres concluíu o prazo para participar no concurso de debuxo A nosa Rosalía, un certame que busca achegar a figura da autora á rapazada. Os colexios dos gañadores participarán dunha actividade lúdica de Polo Correo do Vento.