
Otilia Mó, pioneira en química cuántica, reivindica a educación pública e o papel das mulleres na ciencia
07 may 2025 . Actualizado a las 19:12 h.A Real Academia Galega das Ciencias celebrou no Pazo de San Roque, en Santiago, o acto de ingreso de Otilia Mó Romero (Ponteareas, 1947), catedrática emérita de Química Física da Universidad Autónoma de Madrid, como nova académica correspondente na sección de Química e Xeoloxía.
Na súa intervención, titulada «A Cuántica. Unha revolución que empezou hai un século», Mó defendeu a importancia da súa especialidade como ferramenta clave para entender fenómenos complexos e estudar procesos que non poden reproducirse no laboratorio, como os que teñen lugar no espazo. «O comportamento cuántico de átomos e moléculas é a única vía para comprender os fenómenos máis diversos do noso universo», explicou.
Destacou tamén como, grazas aos avances técnicos, hoxe se poden estudar reaccións químicas en tempo real e deseñar aplicacións como dispositivos fotovoltaicos, fármacos, nanomateriais ou máquinas moleculares.
A científica quixo dedicar parte do seu discurso a reivindicar o sistema público de ensino e o acceso das mulleres á investigación: «Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química. Este milagre só reflicte o enorme potencial que o noso sistema de educación pública é capaz de acadar. Defendámolo».
O acto estivo presidido polo presidente da RAGC, Juan Lema, e contou coa asistencia de representantes académicos e institucionais como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; ou a presidenta da Real Sociedad Matemática Española, Victoria Otero, entre outros.
O académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito da USC e antigo titor da profesora, presentou á nova integrante da institución lembrando os seus primeiros pasos na facultade de Química e o seu compromiso coa investigación dende Galicia ata Madrid e Europa.