Touriño revalida en oito días os títulos de campioa galega e española

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

REDONDELA

Cedida

A catoirense ten este ano o aliciente da dura competencia da catalana Álvarez

17 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A catoirense do Kennel Den Mónica Touriño pechou o domingo en Redondela oito días redondos. Sumando o título de canicrós sénior feminino do Campionato Galego ao da mesma especialidade e categoría no Campionato de España, este último dirimido en dúas mangas, na fin de semana do 7 e do 8 en Boborás. Dous títulos que Touriño revalidaba. No caso do estatal, subindo ao máis alto do podio por cuarto ano consecutivo, sempre co alaskano Nepal como compañeiro cuadrúpedo. Na competición autonómica, elevando a oito os seus ouros encadeados, para un total de dez nas últimas once tempadas.

Aos seus 44 anos, Mónica Touriño conta que o título de campioa de España en Boborás, Ourense, «sentoume igual có primeiro». E iso porque desta volta, ao contrario ca nos anteriores, tivo enfronte unha rival quen de discutirlle o seu reinado. A catalana Olga Álvarez Rubio, unha canicrosser maior cá deportista vikinga, que este outono abríu a tempada facéndose co subcampionato mundial na categoría sénior feminina -Touriño foi sexta-, logo de finalizar cuarta na categoría veterán do Europeo -a arousá subíuse ao podio continental, terceira-.

«Sentoume igual có primeiro título porque Olga está súper forte este ano, no seu mellor momento», declara a deportista do Kennel Den. «Olga era a que gañaba os Campionatos de España antes de que comezara facelo eu». E se non lle disputou a hexemonía na Copa de España, competición de varias probas, é porque, sinala Mónica, «Olga nunca facía todo o calendario». Algo que este ano semella estar disposta a cambiar, como demostra o feito de figurar empatada coa galega á fronte da clasificación da Copa logo das dúas primeiras probas, con vitoria da catalana na de apertura, e triunfo de Touriño na seguinte.

No Campionato de España, Álvarez pechou o primeiro día con 4 segundos de vantaxe sobre a súa adversaria. «Olga sempre foi mellor nas segundas mangas, pero curiosamente, nesta eu fixen unha segunda manga moi boa», lembra Touriño impoñéndose cun tempo acumulado de 26.23, 20 segundos menos ca catalana, que tras unha traxectoria competindo con cans prestados, está a exprimir todo o seu potencial cun cachorro de greyster propio.

Touriño redondeou o Campionato de España co título de relevos xunto con Óscar Piñeiro, ouro en canicrós sénior masculino, e Roberto Salvado.

Sete días despois, o pasado domingo, a arousá volveu verse sen rival a nivel autonómico. Gañando o Campionato Galego en 15.24, dous minutos e medio menos ca Belén Bascoy, subcampioa. Unha cita en Redondela na que o Kennel Den de Catoira gozou tamén dos títulos de Piñeiro con Bohen en canicrós sénior masculino, e os podios na modalidade de patín deste último con Siddharta e do vilagarcián Kiko Martínez xunto a Estuka e a Freya, segundos e terceiros, respectivamente. A vindeira carreira do equipo será a proba de apertura da Liga Galega, o 12 de xaneiro en Vilagarcía.