A RAG felicita a Redondela por ser o primeiro concello en recoñecer a toponimia como patrimonio no seu Plan Xeral
REDONDELA

«Redondela fai historia ao protexer oficialmente os seus nomes de lugar como bens patrimoniais», indicó Víctor Freixanes
21 feb 2025 . Actualizado a las 01:37 h.O Concello de Redondela vén de marcar un fito na protección do patrimonio cultural galego ao converterse no primeiro municipio en incluír a súa toponimia no catálogo de bens patrimoniais do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Este recoñecemento oficial garante a conservación dos nomes tradicionais de lugares, contribuíndo á defensa da lingua e da identidade local.
A Real Academia Galega (RAG) quixo destacar este logro cunha visita institucional na que participaron o seu presidente, Víctor Freixanes, o vicesecretario Henrique Monteagudo e o membro do Seminario de Onomástica e experto en toponimia Gonzalo Navaza. Os representantes da RAG foron recibidos pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e pola concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, nun encontro no que se puxo en valor o intenso traballo realizado nos últimos anos para a recuperación e difusión da toponimia local.
Durante a reunión, a alcaldesa presentoulles aos responsables da RAG os avances do Concello en materia de toponimia, salientando a publicación de nove libros sobre a microtoponimia das parroquias de Redondela, o desenvolvemento da web «Toponimia de Redondela» e a participación no proxecto Galicia Nomeada, onde o municipio colaborou na identificación de máis de 3.000 microtopónimos.
A plataforma dixital «Toponimia de Redondela» supón un importante recurso para a divulgación deste patrimonio, ofrecendo acceso gratuíto aos libros publicados e permitindo consultar a orixe e significado de máis de 2.000 microtopónimos recollidos ata o momento. O concello prevé continuar con esta labor, anunciando novas publicacións este ano para as parroquias de O Viso, Trasmañó e Reboreda.
Outro dos puntos clave do encontro foi o recoñecemento da inclusión da toponimia dentro do catálogo de bens patrimoniais do PXOM de Redondela, unha medida inédita en Galicia que supón un antes e un despois na protección deste legado inmaterial.O presidente da RAG, Víctor Freixanes, quixo felicitar expresamente ao Concello de Redondela «pola súa aposta decidida na defensa e promoción da lingua e da cultura galegas, sendo pioneiro neste eido». Freixanes subliñou a relevancia de recoñecer os topónimos como patrimonio, afirmando que «os nomes dos lugares son memoria viva da nosa historia e identidade, e esta iniciativa honra a Redondela».
A alcaldesa Digna Rivas agradeceu o apoio da Real Academia Galega e reafirmou o compromiso do Concello coa protección e difusión da toponimia, destacando que esta iniciativa pretende ser «un modelo para outros municipios galegos».
O traballo de Redondela na preservación da súa toponimia foi moi ben recibido pola cidadanía, que amosou un grande interese polas publicacións editadas e pola nova plataforma dixital. Co recoñecemento oficial dentro do PXOM, os nomes tradicionais dos lugares de Redondela quedan agora protexidos como parte fundamental do patrimonio cultural galego, garantindo a súa conservación para as xeracións futuras.