
A artista estrea novo espectáculo tras a súa maternidade e recalará con el en Santiago o 3 de maio
16 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A cantante Sheila Patricia está de estrea co espectáculo «Laboratorio sonoro». A primeira actuación será próximo día 21 en Redondela (Sala Rebullón), e o 3 de maio chegará a Santiago cun concerto na Casa das Crechas. Non será, ademais, a única actuación desta «picheleira de adopción», como ela mesma se define, en Compostela no que resta de ano.
—O que propón é «un laboratorio de exploración musical». En que consiste?
—Como é un espectáculo dunha transición miña previa á maternidade á actualidade cun novo proxecto, quero recuperar a parte de improvisación, de experimentación con loopers, coa voz, a pandeireta, a guitarra... Quería retomar iso porque no espectáculo grande, ao tocar cunha banda, ten que ir máis pechado; sen embargo, ao ir soa tes a oportunidade de experimentar. É algo que eu quería recuperar e por iso é un espectáculo de laboratorio, de experimentación, onde cada concerto vai ser diferente xa que será unha oportunidade para crear algo distinto. É dicir, se alguén fora a todos, terían algo en común e, ao mesmo tempo, diferente.
—Fala dun espectáculo de transición de antes de maternidade —vai facer un ano que foi nai— á actualidade. É un regreso?
—É certo que tiven actuacións co que tiña preparado antes da maternidade, pero isto é a primeira ocasión de sacar algo despois dese cambio de vida e de perspectiva porque, ao final, o que máis che cambia a maternidade é a túa cabeza, creo. Se eu xa tiña unha perspectiva de xénero, isto dácho máis aínda. Hai quen quere parar, pero eu quero seguir facendo o meu traballo, facendo música. Entón, é un lugar de reivindicación da profesión, de ser muller sendo artista.
—Hai uns días actuou na entrega dos recoñecementos a mulleres compostelás polo 8-M. Neste proxecto tamén quere deixar claro ese emponderamento feminino. O feito de ser nai faina ser máis consciente de novo deses teitos de cristal ou desas limitacións?
—Eu afortunadamente teño unha rede humana que fun construíndo que me ampara, pero sen esa rede non podería facer música nin concertos seguramente ata dentro de bastante tempo. Entón, tamén trato de amosar esa parte polas que non poden, porque hai moitas mulleres que lle gustaría retomar a súa carreira profesional ou conciliar mellor sen sufrir o e non poden. Iso haino que visibilizar.
—Improvisación, experimentar... Sempre se caracterizou por diluír fronteiras musicais.
—Agora máis que nunca hai que coller ese camiño de experimentar. Ao final, a música, a tradición e todo o que ten que ver coa nosa identidade constrúese cada día en cada lugar, nos bares, nos escenarios, na prensa... Ao final, o que é ser galego ou facer música tradicional, pop ou o que fagas..., é unha construción diaria. Entón, creo na experimentación, porque é o lugar natural do ser humano
—Este espectáculo é en solitario, pero xa está pensando no de maior formato?
—Si, sairemos con el este verán e imos estar en Compostela. Vou estar aquí todo o que quixera. Actuarei agora na xira de salas o 3 de maio na Casa das Crechas. Despois, no verán estaremos coa banda en aberto e seguramente regresarei cara final de ano. É un ano que sinto que é moi bonito porque podo pisar Compostela do xeito que eu quero e estar presente no que é a miña cidade.
—Tamén é presidenta de Músicas ao Vivo. Agora que se cumpren cinco anos da pandemia, o sector musical está recuperado? Está mellor ou peor ca antes da covid?
—Creo que estamos nun momento bonito, nun bo momento. Non sei se é mellor, peor ou distinto que antes da pandemia. Desde a asociación percibimos que xa está reactivado, que hai moitos «sold out»; pero tamén percibimos que hai moita presenza de bandas externas, programacións moi masculinazadas —a equidade non está tan presente—. Entón, aínda queda moito que facer desde a asociación. Os grandes festivais que se fan en Galicia poderían ter lugares máis visibles para a musica galega. Os grupos externos son os que levan a carteleira grande.