Dun andel para «Vida Gallega» na Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

SOUTOMAIOR

MONICA IRAGO

A historia e a arte protagonízanas os ricos

02 jul 2023 . Actualizado a las 12:16 h.

A historia e a arte protagonízanas os ricos. Os pobres, se non se rebelan, non deixarán memoria porque bastante farán con loitar para comer. A Torre de Escuredo foi mansión de sucesivos burgueses locais, pero reflicte os sucesivos avatares históricos do Grove: de casa señorial dos Fernández de Soutomaior a residencia relacionada coa Toxa e coas industrias do mar. Na Torre de Escuredo non colle todo o que se viviu alí. Arruinada, xa non pode acubillar nada, e, por iso, vimos propoñendo ás Administracións públicas a rehabilitación —esta palabra quizá non sexa xa a apropiada arquitectónicamente— como Museo Conde Corbal, aparte de polo valor da obra deste artista.

A Torre acolleu persoeiros que transcenden a localidade grovense e feitos que poderían volver á luz entre as súas paredes. Detéñome hoxe no polémico Jaime Solá Mestre (1874-1940), esquecéndome do seu irmán Carlos, con obra no Museo de Pontevedra. Foi fillo de Luisa Mestre Hernández, con raíces en Sitges, e de Carlos Solá, con orixes en Calella; sobriño de Luis Antonio Mestre, fiador dalgunhas das súas andanzas, a quen, como a el, O Grove honrou cunha rúa. Jaime Solá pasou infancia, xuventude e tempo de ocio entre a Torre de Escuredo e o edificio irmán do Norte deste, despois Torre de Lores, substituído lamentablemente por unha especulación insulsa de vivendas. Desde os tempos de estudante na Universidade de Santiago foi autor de novelas almibradas, clasificables nun realismo romántico tardío, fóra de tempo. Jaime Solá non mora no Parnaso, malia resultar un tanto prolífico: Cuentecitos, 1893, con prólogo do seu profesor de Dereito Alfredo Brañas; Todo Malo e Malasombra, 1895; Anduriña, 1917, ambientada no Grove; El Alma de la Aldea e Ramo Cativo, en 1918; El Otro Mundo e Al Nacer el Día, 1919; Diablillos e Mis Memorias, en diversos números de Vida Gallega. Tamén El Diputado, Celo por la salvación de las almas ou Galicia ausente. 

En 1920 foi membro fundador das Irmandades da Fala de Vigo, da que se arredou deseguido. Emilio Ínsua en A Nosa Terra é Nosa, Baía Edicións, 2016, recórdanos que despois disto «Jaime Solá non tardaría en se converter nun dos azoutes máis teimudo do nacionalismo irmandiño» e cita unha protesta de A Nosa Terra de 1929 por dárenlle entrada na Real Academia Galega a pesar de escribir só naquel seu castelán e dicir que «estudiemos y conservemos nuestra lengua para las intimidades afectivas y para algunas exteriorizaciones líricas (…) el salto atrás del gallego no tiene en el correr de los tiempos, lógica explicación». Destacou como editor da revista Vida Gallega, unha especie de Hola de Galicia, que se distribuía aquí e en América e, parece ser, con tiradas de 70.000 exemplares. Publicouse coa súa dirección entre 1909 e 1938, uns 700 números. Contou con plumas destacadísimas, pero tan relevantes foron as fotografías, entre elas as relacionadas coa Toxa. Iso si, naceu con polémica: o primeiro número levaba unha portada de Castelao debaixo da cabeceira co pavillón español. Contra isto xurdiron queixas da emigración pedindo que lucise o galego. A controversia provocou tal barullo entre os subscritores que Solá acordou cambiala introducindo a bandeira galega, para volver pouco máis tarde á española en exclusiva.

 Quedan poucas recompilacións completas coñecidas. No Grove, cando a biblioteca estaba na sede do Concello, había unha doada por Eugenio Escuredo, atopada por el despois de mercar a torre; outras fontes dinme que a doazón foi de Manuel Lueiro Rey, que viviu na antes adxacente Torre de Lores; alí quedan escasos exemplares. Os catro números iniciais tenos a Escola de Artes e Oficios de Pontevedra. Na Fundación Penzol e na Biblioteca Pública de Vigo hai outras case íntegras, así como no Mosteiro de Poio; tamén está dixitalizada en Galiciana. Por certo a Biblioteca Pública de Vigo denominouse Jaime Solá, —onde foi bibliotecaria unha súa sobriña-neta— pero rebautizouse co nome do editor de Cantares Gallegos. Que ben estaría un andel coa colección completa ou un facsímile de Vida Gallega na Torre de Escuredo! Sería un xeito de revivila coa súa propia historia.