Adeus ao tempo de pór a voar as cometas

TOMIÑO

Carlos Castro

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sentado nun bancal de cerdeiras novas, figueiras e pexegueiros, por enriba da aldea de Enseño. Miras. Nubes como de gasa gris cobren o ceo nestes primeiros pasos que dá xuño. Semella un día triste, triste coma un vello que rexeitaran dun asilo, espazo onde os días case sempre son sombríos. Descende o serán sobre a sombra dos piñeirais, sobre os castiñeiros en flor e tamén sobre o val e o río que, alá no fondo, acolle no seo do seu leito os frouxos regatos, coma un pai recibindo aos seus fillos famentos. Observas a un lado e a outro da ladeira. Polas sinuosas calellas camiña un can con lombo espeluxado. Outro ladraba pola zona de Cures.

E de súpeto poste a pensar nas altas xornadas de xuño da vosa infancia, cando partiades cedo polas mañás cara aos montes de Sandrenzo na busca de batume para estrar o gando no inverno. Ao regresar polas tardes cos carros cargados por encima dos altos fungueiros, entón parabades cerca do Pitouco Grande para que as vacas recuperaran as forzas. Vosa nai aproveitaba ese instante para ordenarvos que forades até o Pitouco e apañarades un puñado de tomiño para facer a auga de herbas na noite de San Xoán, aquelas noites nas que o lume convocaba a todos os veciños ao seu carón para comer sardiñas, beber e cantar. Logo de saltar a fogueira, as casas adormecíanse nun apacible soño perfumado de leña queimada.

Diante do cruceiro de Enseño, que ten unha inscrición en castelán na súa base, escoitas o resoar da auga da fonte, que verte nun lavadoiro, moi coidado e limpo. Declina levemente o atardecer sobre os campos das agras solitarias. Lembras as casas da vosa aldea cando erades uns nenos. E murmuras diante dunha veciña que pasa e sorrí: «As nosas casiñas de chan de barro prensado. Nelas fisgabamos nas artesas, fornos e lacenas para ver se atopabamos as galletas de coco ou figos pasos. Faciamos coma os gatos cando andaban deambulando arredor da porta do forno, de onde saía un penetrante cheiro a sardiñas ou a xoubas ou a chinchos».

E ao mesmo tempo pensas que tamén declinaba o serán cando desde o outeiro do Montiño contemplabades como fuxían os farrapos dos últimos días dos veráns, unhas semanas antes de que os cabalos marrón escuros de setembro vos levasen para empezar un novo curso escolar. Días antes de atoparvos cos outros, cos que moraban máis aló dos montes, por onde agora comezaba a agocharse o sol. Recordades vellos compañeiros? Cando nas semanas previas á volta á escola arranxabamos un partido cos de Sandrenzo, Vilariño e Trebonzos no campo da Cova da Silva, pois eles daquela ían a un colexio distinto ao noso?

Pero máis que polo xogo, camiñabades até aló por enriba do Bosque do Rei polo indefinido pracer de ver como os paxaros se penduraban das pólas das árbores para cantar e sorrir ao vos ver darlle patadas a unha bola feita de trapos e farrapos. E nese instante exclamaches en voz moi queda: «Aquelas últimas tardes dominicais de agosto sempre me pareceron tan puídas coma as túas coxas, miña rula!».

Morno atardecer de seixo. Lembras que na vosa nenez, xuño era o mes máis propicio para pór a voar as vosas rústicas cometas: «Recordades, compañeiros? Faciámolas con canas en forma xeométrica de pentágono. Cosiámolas nos vértices co cordel que obtiñamos dos foguetes das festas e deixabámoslle unha cola adornada con bandeiriñas. Aproveitabamos o vento do nordés e as grandes secas. Corriamos con elas dende O Bodión, pasabamos por debaixo da pedra do Camarón e por debaixo da fragua do señor Secundino, e parabamos na Agañán. Cando as tiñamos no aire bailando, entón riamos cheos de ledicia. E despois polas noites soñabamos que nós tamén voabamos e desapareciamos no ceo azul, entón espertabamos mareados coa vertixe».