Poucos nenos medran hoxe entre o gando. Kaitlin ten 14 anos e quere ser veterinaria: «Cóntolles aos amigos que poño nomes aos becerros que son para matar, dánlles pena»
31 dic 2023 . Actualizado a las 00:22 h.Mentres nas casas con adolescentes, a maioría dos pais se organizan para controlar o uso das pantallas por parte dos fillos, na gandería Os Bravos, en Tomiño, viven noutra dimensión. As mañás son para atender o gando e mover os valados eléctricos e, pola tarde, a pequena da casa se suma ás labores de coidado das reses. Os únicos esforzos que se adican á tecnoloxía son para xestionar os pedidos que chegan online dende distintos puntos de España (www.ganderiaosbravos.com). A nena da casa, Kaitlin Fernández, ao que está enganchada é a atender os xatos. «Gústame moito. Cando veño do instituto fago os deberes e pola tarde saio ao campo a axudar».
Kaitlin é unha das poucas rapazas que se crían a día de hoxe nas escasas explotacións gandeiras do sur da provincia de Pontevedra. Aínda que a incorporación das mulleres a explotacións profesionais vai aumentando en Galicia, son escasas as rapazas que, xa de nenas, aspiran a traballar nun sector sen días libres nin horarios. «Gústame traballar no campo. Teño pensado estudar veterinaria e atender as explotacións gandeiras», explica coñecedora das dificultades que hai para atopar sanitarios especializados nas reses na provincia de Pontevedra.
Kaitlin medrou na explotación gandeira que fundou o seu pai e que agora comparte coa súa parella, Patricia Martínez. Esta muller, natural de Gondomar, deixou o seu traballo nos viñedos do sur da provincia de Pontevedra para dedicarse á xestión dunha explotación de 20 vacas, outros tantos becerros, 100 cabezas de ovella do país e cría de galiñas de Mos. «Hai quen me ten dito se non prefiro traballar noutra cousa. Pero gústame, se non, non estaría aquí». Son datas de moita tarefa en Os Bravos polos pedidos de Nadal que estes gandeiros venden directamente aos clientes, sen intermediarios. «O que máis vendemos é tenreira rubia galega e ovella autóctona, non comen penso, solo herba e cereais que nós cultivamos. Temos clientes que nos din que non comen carne do supermercado porque notan a diferenza», explica Patricia Martínez.
O envío por mensaxería desta carne criada con métodos ecolóxicos é o final dunha tarefa que empeza por negociar cos veciños o alugueiro das fincas. Practican o pastoreo rexenerativo, que consiste en recuperar terreos con maleza e ir introducindo o gando para ir mudando as veigas en pastos de herba. «Apenas xeramos pegada de carbono», explica a gandeira. Boa parte da súa xornada se dedica a mover valados eléctricos para ir desprazando o gando. «É complicado conseguir terras. Están mercando parcelas das que temos alugadas para viñedos e outros negocios».
«Falar das mulleres do sector»
Kaitlin criouse entre as vacas. «Nunca tivemos que dicirlle que solte o móbil. Cando imos facer algo, vén con nós», explica Patricia. No relato familiar está o momento en que, con dous anos, a nena agarrou a un boi pola argola do fuciño. «Escoitaron urrar o touro e miraron que estaba eu tirando del. O animal no me facía nada porque nos criamos xuntos», explica a adolescente. Xa de bebé quedaba durmida no tractor. «Outros bebés dormen ao subir ao coche. A min gustábame o tractor, en canto arrancaba, dábame o sono», relata a nena que explica estas anécdotas con toda naturalidade ós seus compañeiros do instituto Antón Alonso Ríos, en Tomiño. «Eles xa saben que eu paso o día no campo, e si que lles interesa. Cóntolles que lles poño nome ós becerros e que logo os matan, e os meus compañeiros de instituto me din que querer mercalos, que lles dan moita pena. Eu sei que son para comer». Explica relatando que ten dado moitos biberóns a crías das cabezas de gando.
A pesares da dureza do oficio, Patricia Martínez asegura que quen proba, non o deixa: «Eu son a única das mulleres do meu entorno que se dedica á gandería. Temos que falar máis das mulleres deste sector e dar máis axudas para que cada vez sexamos máis neste traballo. É un oficio moi bonito. Tes que traballar, pero ves os beneficios do que fas». A nena engade: «Eu sei que non hai horarios, non é como traballar nunha oficina. Vexo a meu pai e a Patricia que traballan 8 horas ao día, máis no verán, e que paran para comer, cando se pode, e logo hai que seguir. Sempre hai que facer, de luns a domingo, pero eu vivo mellor no campo, na natureza, que os meus amigos que viven conectados ao ordenador. Sei que na miña idade hai pouca xente que vive así, pero intento dicirlles que veñan máis ao campo».
As súas cancións favoritas
Kaitlin: «Photograph», de Ed Sheeran. «Lévame a recordos da miña infancia. Téñolle cariño a unha foto do meu avó, e esta canción recórdame a el e ese momento, cando estaba con nós».
Patricia: «Cuando zarpa el amor», de Camela. «Gústame o grupo. Escóitoo cos cascos sen fíos na explotación».