Cristina Pato abre a última xornada do festival cultural de Tui, Ikfem, coas súas reflexións sobre o modo de ser dun artista do século XXI
24 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cristina Pato chega hoxe a Tui dentro do festival Ikfem. Non o fai para tocar, o fai para charlar sobre o artista contemporáneo como fai nas aulas da Universidade de Harvard. Desde hai anos, a música ourensá compaxina a docencia cos seus recitais sobre escenarios aínda que, moitas veces, a súa música ensina por si soa. Pato falará na sede da UNED de Tui ás 11.30 horas da con entrada libre. O festival pecha a súa edición ás 21.30 horas no teatro de Tui co espectáculo musical «Desconcerto» con Rosa Torres Pardo, Rocío Márquez e Clara Muñiz. A entrada custa catro euros.
-¿Este ano percorreu EE.UU co famoso violonchelista Yo Yo Ma. Cómo foi a experiencia?
-Con el traballo dentro da banda Silk Road Ensemble. Este é un colectivo onde todos os artistas temos carreiras profesionais independentes. Todos temos en común que levamos unha carreira propia e a poñemos despois en común. O máis bonito é o intercambio cultural, temos un músico israelí traballando cun músico palestino, esto é unha metáfora de como debería ser a sociedade na que vivimos hoxe.
-¿Dentro desta banda introduce os ritmos galegos. Podemos dicir que a música tradicional de Galicia é internacional?
-Hai que ter claro antes que o factor que nos distingue é o que nos fai existir. No meu caso, aínda que marchei a E EUU para facer o meu doctoramento en piano clásico, o que me abriu as portas a traballar con grandes músicos foi o feito de tocar un instrumento exótico fóra das nosas fronteiras. Os nosos ritmos interesan e no noso proxecto tento aprender de outros como eles aprenden do noso.
-¿Considera que a música que triunfa hoxe esquece a música tradicional que sorde dentro do pobo?
-As músicas máis populares sono moitas veces por cuestións comerciais ou mediáticas, non tanto pola xente. Non podemos esquecer que as músicas minoritarias son as que realmente perduran . As cancións que cantaba meu pai hai 50 anos seguen a ser as cancións que se tocan hoxe nas tabernas. No mercado máis comercial hai modas que veñen e van, o estilo que nace do pobo acaba perdurando.
-¿En un dos seus proxectos na Universidade de Harvard estudan a ética do artista. Cal debe ser o compromiso dun músico?
-É un pouco a mestura entre que o talento e a responsabilidade do que queres facer con el. Para min o máis interesante da visión do meu mentor Yo Yo Ma é a figura de cidadán artista. O feito de que as artes non son só para os músicos e os artistas, porque forman parte da nosa vida; dos nosos xardíns, da nosa arquitectura… Galicia é nese sentido unha das capitais porque é arte por todas partes. É arte nas cuncas de viño, no polbo, todo está feito con moito amor.
-¿Por iso nas súas xiras o factor social ten unha presenza especial?
- Si, o que fago dentro do grupo ou co meu cuarteto é que o mesmo día que vamos tocar a unha cidade vamos a unha escola pública ou no meu caso, a centros de detención. Por exemplo, diseñei un proxecto en colaboración coa Universidade de California para estudar as enfermedades da memoria con expertos de neurociencia e de arte pública e antropoloxía. Tratamos que a arte trace pontes entre as ciencias e as humanidades.
-¿Hoxe vai expoñer a súa idea de artista contemporáneo sostible en Tui. Pode adiantar este concepto?
- Quero amosar a importan cia da paixón no que queremos facer para prosperar como persoas a través da miña propia traxectoria.
-¿Cales son os seus plans de futuro, a música ou a docencia?
- Vou cumprir 20 anos de carreira e estou nunha etapa de transición . Ata agora centrábame máis na xira que na docencia A miña idea e dar a volta iso, centrarme máis na docencia e saír a tocar ao escenario só cando considero que a experencia pode axudarme a aprender moito.