Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Vigo de Vilar de Sarria

Xaime López Arias SARRIA

VIGO CIUDAD

Crónica | Lugares do Camiño de Santiago Tódalas casas deste lugar foron construídas entre os séculos XIX e XX, polo que é inadmisible calificar a zona como un «núcleo de traza medieval»

09 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O lugar de Vigo, que aínda presenta o seu trazado primitivo, darredor do Campo, se ben hai algúns anos atrás as augas do regueiro foron canalizadas, como consecuencia do proceso urbanizador da vila de Sarria, precisa dun labor recuperador do seu Campo, tan vencellado ó feito das peregrinacións xacobeas. Ben entendido que campo quere dicir praza e espazo con árbores, que convidan ó descanso. A finais do século XVIII fálase do souto chamado do Campo de Vigo, composto de vinte castiñeiras, que demarcaba co Agro de Vigo, coa Cortiña da Porta e con terra de Domingo López. No souto había fragua dun ferreiro. Aparecen documentadas, entre outras, dúas casas terreas que foran de Domingo López Froián, a Casa de Miguel López, a de Domingo López e a de Francisco Losada. No ano 1822 os veciños de Vigo de Vilar de Sarria presentaron unha querela contra os veciños do Fontao quen, aproveitando que o paraxe das Pedredas quedaba a carón do Camiño Francés, pretendían facer unha taberna, en perxuízo da existente en Vigo. A Taberna de Vigo pertencía ó común dos veciños, como pertencía tamén ós veciños de Vilar de Sarria e que había a carón da Ponte Vella. Aínda que de orixe medieval, falar de que Vigo é hoxe un «núcleo de traza medieval» é totalmente inadmisible, xa que todas e cada unha das casas do lugar foron feitas e refeitas nos séculos XIX e XX, e mesmo todas as que están darredor do que foi o Campo de Vigo, que foron orixinariamente simples casetas xordiron a finais do XIX e primeiros anos do XX cando se fixeron as obras de acondicionamento do Camiño de Triacastela, que acabou sendo a estrada de Pintín, cando o proxecto inicial dunha estrada de Sarria ó Courel por Samos con prolongación a Triacastela. Esa nova estrada deixará marxinado o barrio, aparecendo novas edificacións a unha e outra banda, e no que foi o lugar do Polvoreiro, de San Martiño do Fontao. Estudios Xacobeos Vencellado Vigo de Vilar de Sarria ó Camiño de Santiago, un recente proxecto de ubicación dun Centro de Estudios Xacobeos en local acondicionado ó efecto pola familia Abad, segue no faio dos proxectos, deixando pasar o impacto do 2004, ocasión como ningunha para amosar como Sarria mantivo sempre un forte compromiso co feito das peregrinacións, non en balde don Diego Pazos, don Francisco Vázquez Saco, don Antonio Peña Villamarín, don Víctor López Villarabid e moi especialmente don Elías Valiña Sampedro tiveron moito que ver co coñecemento e difusión do feito das peregrinacións e co seu rexurdimento. Encrucillada da vella rota e da nova estrada, tamén xacobea, de Pedrafita do Cebreiro a Vendas de Narón, Vigo de Vilar de Sarria debera ser un fito significativo no que as vivencias e os estudios xacobeos tivesen activa presenza, moito máis aló da simple solventación da papeleta informativa, para entrar máis de cheo no papel que a Sarria lle compete, e do que non debe facer declinación. Certamente ollado de xeito chosco o fenómeno xacobeo, non é de extrañar que se deixen esmorecer labores, actividades e actitudes, esbarando pola doce pendente da nugalla. O labor iniciado polo sarriao don Elías Valiña Sampedro esixe continuidade, esixe racionalización e racionalidade, esixe amosar un certo orgullo de sarrianidade, e desbotar arañeiras para ser quen de convertermos Sarria nun motor de iniciativas xacobeas adaptado ós novos tempos e ós novos fenómenos de masas. No fatalista convencemento de que aqueles que son quen de sementar tarela no Camiño, en realidade son quen fan seitura de autocomplacenzas, parece prudente manter a cativa esperanza de que, cando menos, un lustro destes Sarria poderá contar cun Centro de Estudios Xacobeos, cando menos de tanta calidade como o que en Sahagún vive e vivifica o Camiño. Algún froito debería producir a sementeira de Valiña Sampedro, aquel Cura do Cebreiro, fillo de Sarria, mantido aínda hoxe en forzada prodigalidade, quen no dicir luminoso de algún avezado bo home «nada lle deu a Sarria». Que a Santa Lucía, avogosa dos ollos, sexa quen de limparlles a vista a cantos aínda esquecen ou ignoran o magno labor feito polo clérigo de Lier. Amén.