Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Barreiro Fernández e Díaz Pardo recollerán o premio Otero Pedrayo

Rodri García A CORUÑA

VIGO CIUDAD

CÉSAR QUIAN

O galardón foi concedido á Real Academia Galega e ao Laboratorio de Formas de Galicia A entrega terá lugar o vindeiro venres e Ramón Villares fará unha glosa das entidades premiadas

19 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Galegos de onte, de hoxe e de sempre, numerosos nomes propios das letras e da cultura do país xuntaranse o vindeiro venres no pazo de Mariñán. A cita está convocada por un galego de sempre, Ramón Otero Pedrayo, que dá nome ao premio que a Deputación provincial da Coruña vén de conceder de xeito conxunto á Real Academia Galega e ao Laboratorio de Formas de Galicia. Os responsables destas dúas entidades, Xosé Ramón Barreiro Fernández, un galego de hoxe, e Isaac Díaz Pardo, un galeguista de toda a vida, recollerán este galardón, que ten unha dotación económica de 30.000 euros. Outro galego de hoxe, e bo coñecedor da historia desta terra, Ramón Villares, será o encargado de facer unha glosa das dúas entidades premiadas, diante dun público que estará formado por representantes das institucións convocantes do premio, como son as catro deputacións galegas e as universidades da Coruña, Santiago e Vigo. Todos eles verán como Barreiro e Díaz Pardo recollen o pergamiño acreditativo do premio Ramón Otero Pedrayo. A concesión deste galardón deuse a coñecer a comezos do pasado mes de xullo e con el preténdese recoñecer a importante traxectoria de ámbalas dúas entidades a prol da cultura galega. Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación coruñesa, salientou tras a concesión do premio, outorgado por unanimidade do xurado, o compromiso destas dúas entidades co desenvolvemento da cultura galega. A Real Academia Galega, que quedou constituída o día 30 de setembro de 1906 e polo tanto está celebrando durante este ano o seu centenario, naceu, lembrou Moreda, «coa finalidade de dignificar a nosa lingua, a nosa historia e a nosa cultura»; tamén salientou que entre as súas múltiples contribucións deste século «destaca especialmente a institución do Día das Letras Galegas no ano 1963, o que supuxo un elemento dinamizador e de rescate cultural sen precedentes». Arquivo e fondos Outro aspecto que salientou o xurado foi que a Real Academia Galega conta hoxe «cun magnífico arquivo, unha ampla sala para investigadores, importantes fondos documentais, obras de creación inéditas, ricos e diversos epistolarios e importantes fondos hemerográficos procedentes da emigración».