«O Quixote» ou «O estranxeiro» pódense ler en galego grazas ao traballo desenvolvido por Arias López durante 40 anos
08 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Consellería de Cultura tributou recentemente en Vigo unha homenaxe a Valentín Arias polo seu traballo no eido da tradución. Arias López (1934, Sarria) foi fundador da Asociación de Tradutores Galegos e pasou ao galego títulos tan sobranceiros da literatura mundial coma O estranxeiro ou O Quixote .
-¿Como recibe a homenaxe?
-Con sorpresa e alegría porque constatei que non pasei de mirón pola vida, e que arrimei o lombo para contribuír a mellorar a miña realidade.
-¿Hai normalidade no eido da tradución ao galego?
-A normalidade radica na súa execución e non tanto na cantidade. É necesario traducir en máis materias e máis idiomas. A edición das novidades internacionais é fundamental.
-¿Como foron os inicios?
-A lingua galega tiña a necesidade de ter traducións de outras linguas. A idea entrou en moitas cabezas pero as posibilidades de publicar eran moi reducidas. Antes de 1980, houbo preferencia polas traducións que mostrasen que o galego era capaz de expresar calquera sentimento ou pensamento doutras linguas.
-¿Como se deu o salto?
-Coa chegada do ensino da lingua galega, nos oitenta, un grupo de ensinantes pensamos que era necesario que ao tempo que os escolares recibían a nosa cultura en galego, recibisen tamén culturas estranxeiras en galego. Entón puxémonos a traducir libro infantil. Respondimos ás necesidades de facer un ensino en galego normal. Iso foi abrindo posibilidades na capacidade de crear tradutores ou crear a licenciatura de tradución en Vigo, e no campo lector, xa que a medida en que os escolares aprenderon a ler en galego tiveron máis apetencias de ler en galego.
-¿Como se creou a Asociación de Tradutores Galegos?
-Pensamos que teríamos que axudarnos para aproveitar os esforzos individuais e para fixar a calidade da tradución. Nos estatutos recóllese a obrigatoriedade de pasar a tradución a outro socio para que lle dese un vistazo e lle fixese suxerencias. O resultado é que hai tradutores moi bos en Galicia, e obras traducidas de moita calidade, creo que se pode comparar con calquera outra lingua totalmente desenvolvida na tradución.
-¿De que obra está mais orgulloso?
-A tradución pódese ver coma un traballo pagado, pero tamén como creación. Cando traducía, non só construía en termos de tradutoloxía, senón que construía un mundo que ía servir de exemplo para moita xente. Unha tradución require unha lectura profunda e un esforzo a hora de colocar todo iso para que teña unha faciana galega, que calquera que o lese comprendese pola música que aquilo era galego. Neste sentido, O estranxeiro , de Camus, foi unha das que mais satisfacción produciume.