Non teño televisión. Son así de raro. Como Mafalda no xardín de infancia de Quino. Non tiña televisión e era a rara do patio. Logo, cando llo mercaron, desmaiouse da emoción.
Decidino hai uns meses, nun intre de cambios importantes na miña vida, que ía vivir sen televisión, que non ía ser o ruído de fondo da miña casa. A radio si. Que a amo moito. Pero non necesito unha televisión. Tres dos meus catro avós non tiveron televisión e foron quen de vivir sen grandes traumas, así que eu seguro que podo sen que me estoupe a cabeza. Mais iso non quere dicir que renuncie a ver boas películas. Crieime no cine Roxy de Vigo, en eternas xornadas de sesión continua vendo, fragolosina en man, a Clint Eastwood facer xustiza contra os bandoleiros sen pestanexar mentres Ennio Morricone lle puña banda sonora á miña nenez de pipas Facundo e beixos roubados, como na canción de Sabina, mentres os romanos botaban aos cristiáns aos leóns.
Así que teño conta nun par de plataformas e vexo moito cine, e documentais. E, sobre todo, vexo moito cine e documentais coa miña cativa de 12 anos. Sentamos logo de cear e vemos xuntos unha película. Hai uns días, comezamos coa saga de Regreso al futuro e Marty McFly xa forma parte da nosa familia. Témolo, co seu chaleco vermello, vaqueiros gastados e eterna cara de asombro. El viaxa ao pasado e viaxa ao futuro para ver que, en esencia, tiña razón Friedrich Nietzsche (aquel tipo xenial que dixo que Sócrates non podía levar razón en nada porque era feo) ao defender a teoría do Eterno Retorno ou o que é o mesmo, que ao final as cousas son sempre iguais, que nada cambia, que a auga sempre volve ao rego e que todo queda máis ou menos como estaba sempre. Paul McCartney expresouno cun Let it be que, na nosa lingua, podería ser traducido por un Deixa estar, non te esforces que ao final as cousas son como son.
Coido que todo o que precede estas liñas podería servir para explicar os recentes resultados electorais en Galicia. Todo retorna eternamente. Todo é igual. Todo queda como estaba. O PP no poder. Cada vez máis, de feito (gañou cun escano máis do que tiña). E o BNG recuperando todos os votos que, logo da crise de Amio, se lle marcharon. Aquí nada se move. Todo é tranquilo, como o careto impertérrito de Burt Lancaster nas pelis da miña infancia, no Fogar de Breogán. Nada se transforma. Todo é o que será.