«Agardo que Vigo sexa indulxente con este Reixa monologante»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

EDUARDO PEREZ

O cantante dos Resentidos protagonizará un espectáculo poético-teatral denominado «Melancoholemia» no Mar de Vigo

18 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 27 de maio, o auditorio Mar de Vigo acollerá o debut de Antón Reixa como actor. O creador vigués presentará un monólogo titulado Melancoholemia. As entradas pódense mercar en teuticket.com

—Que é Melancoholemia?

—É un espectáculo poético-teatral que conta o que fai un paciente, a petición da dirección, no salón de actos dun psiquiátrico nunha xornada de portas abertas. É algo disparatado pero baseado en feitos reais, porque aparece por sitios tan dispares como o mapa de Fontán ou as pintura negras de Goya. A súa alucinada viaxe remata atopando o submarino ruso Kursk, afundido no 2000 con 118 persoas dentro. Aí soa un regetón sinfónico.

—Non é todo moi absurdo?

—Si, as miñas fontes teñen que ver co teatro do absurdo e coa poesía próxima ao Dada; é o que veño practicando todos estes anos, pero, a verdade é que todo é real, son noticias collidas dos medios de comunicación, como o vello que rascaba coches en Vigo. É un discurso no que a partir de datos reais se vai formando unha fantasía.

—Está intranquilo por actuar en Vigo?

—Si, estou atacado por elo porque vou a estar eu só sobre o escenario. No último ano estiven en Vigo cos Resentidos e con Rompente, pero agora vou eu só. Agardo que a xente sexa indulxente con este Reixa monologante.

—É a primeira vez que asume un papel de actor. Como o leva?

—É a maior responsabilidade. A peza estreouse no 2020 na Mostra Internacional de Ribadavia, pero nalquel momento tiven a fortuna de ter comigo a Pedro Brandariz, que morreu recentemente. Curiosamente, pouco antes de morrer, chegáramos ao acordo de que as seguintes funcións as faría eu só porque el estaba preparando un espectáculo novo, pero xa non houbo tempo. Xúntanse moitas emocións.

—Tivo que facer moitos cambios?

—Agora, ao final, eu interactúo cun robot que discrepa do que digo e quere levarme ao rego, pero sigo soltando o meu discurso. É todo unha loucura, con un punto de humor e sátira, pero non deixa de ser unha enfermidade da que cada vez, afortunadamente, imos collendo máis conciencia. E despois, a nivel interno, fago unha especie de conxuro contra ese personaxe que podería ser eu mesmo. Un dos meus referentes poético é Leopoldo María Panero, que pasou media vida nun manicomio e foi un magnífico poeta.

—Que me di da presenza de Putin no cartel?

—Falando da loucura aparece Putin. Preocúpame un pouco porque se parece a min. Putin forma parte dese absurdo no que está o mundo, porque se Putin no existise, a OTAN tería que inventalo por toda esa loucura armamentística que hai, porque se fala de todo menos de negociar.

—Como viviu a despedida de Siniestro Total?

—Non fun capaz de ir a Madrid porque me daba moita pena; xa formaba parte dos mellores anos da miña vida. Comparto Os Resentidos con Javier Soto, e Julián é unha persoa moi importante para min, e se non fora por el o meu desenvolvemento artístico sería distinto. Ademais, penso que se equivocaron ao non facer un concerto de despedida en Vigo.

—Agora, Os Resentidos é o grupo decano.

—Non o pensara, pero tes razón. Faime graza porque saíu unha data para un concerto de Os Resentidos e chamei a Javier Soto para ver si coincidía cun concerto de Siniestro, e recordoume que xa non había concertos de Siniestro.