Ciencias: substantivo feminino plural

Carmela Silva
Carmela Silva 8M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

VIGO CIUDAD

Albert Einstein y su esposa Mileva Mari?
Albert Einstein y su esposa Mileva Mari? C

A presidenta da Deputación de Pontevedra reivindica a importancia das mulleres nun ámbito no que tiveron pouca visibilidade ao longo da historia

08 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un erro que atribúe a un home o que era en realidade o traballo dunha muller ten máis vidas que un gato». Con esta cita, a enxeñeira, matemática e inventora Hertha Ayrton verbaliza unha realidade aterradora: a sociedade está máis disposta a crer que todos os grandes logros e avances da humanidade son obra deles que a recoñecer as achegas que as mulleres temos feito ao longo da historia.

É o que se coñece como «efecto Matilda»: a ignorancia sistemática dos achados das científicas para atribuírllelos a homes, un exemplo máis de como funciona a engrenaxe do patriarcado. Manipúlanos para facernos cada vez máis e máis pequenas ata invisibilizarnos e deixarnos esmorecer no esquecemento. Esta inxustiza acontece especialmente no ámbito das ciencias.

Emulando que antigo programa televisivo Un, dos, tres, propoño un exercicio colectivo. A cantas científicas somos capaces de nomear sen buscalas? Probablemente nos veña á mente Marie Curie, un deses estraños casos nos que unha científica logrou transcender o seu tempo. Pode que nos soen Ada Lovelace, a creadora do primeiro programa de computador da historia, ou Jane Goodall, doutora en Ciencias Técnicas e activista ambiental que dedicou a súa vida ao estudo dos primates. Pero cantas e cantos quedaríamos aí, sen engadir máis nomes á lista? Non debería ser isto un motivo de preocupación, e mesmo de vergoña, cando temos tantos exemplos de mulleres científicas que contribuíron de xeito moi significativo ao desenvolvemento do mundo?

Apunten. Caroline Lucretia Herschel, primeira astrónoma en descubrir un cometa. Por certo, foi eclipsada polo seu irmán William Herschel, pero o seu traballo acabou sendo recoñecido coa medalla de ouro da Royal Astronomical Society de Londres (estou segura de que non sen reticencias). Ou Mileva Maric, colaboradora e exmuller de Albert Einstein, de quen se di, literalmente, que moitos dos descubrimentos del son tamén dela: por citar só un dos máis célebres, a teoría da relatividade.

Máis descubrimentos con nome de muller: o bosón de Higgs (obra da física Sau Lan Wu), as células cuadrícula do cerebro (da neurocientífica May-Britt Moser), o método de medición da distancia entre estrelas (da astrónoma Henrietta Leavitt), a materia escura (da astrónoma Vera Rubin) ou a realidade do que se atopa no centro da Terra (da sismóloga Inge Lehmann). E saben a quen lle debemos a Wi-Fi? Si, a unha muller: á actriz e enxeñeira Hedy Lamarr, que inventou o sistema no que se basean as comunicacións sen fíos.

E así poderíamos seguir ata encher todas as páxinas deste xornal.

Na Deputación Provincia de Pontevedra estamos moi preocupadas pola fenda de xénero dixital. Cada vez menos rapazas se matriculan en carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñarías e matemáticas), e isto repercute en que se ben a carencia de perfís técnicos é xeneralizada, no caso das mulleres sexa moito máis grave. Necesitamos dicirlles ás nenas e rapazas que elas tamén se poden dedicar a estes oficios. Que ninguén debe negarlles as súas vocacións, e moito menos por estereotipos que non teñen absolutamente nada que ver coas nosas capacidades nin coas nosas inquietudes.

Entre moitas iniciativas, é imprescindible amosarlles ás nenas referentes próximos nos que poidan ver reflexadas as súas aspiracións. Por iso queremos que coñezan a históricas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño, a neurocientífica María Teresa Miras Portugal, a matemática María Josefa Wonenburger ou a mestra Ángela Ruiz, que inventou o primeiro libro electrónico. Pero tamén outras científicas da actualidade como Eva Poveda, que traballa no ámbito da resistencia aos medicamentos contra o virus da VIH, Amparo Alonso, enxeñeira química que preside a Asociación Española de Intelixencia Artificial ou Sara García Alonso, bióloga molecular que investiga novos tratamentos contra o cancro e é ademais a primeira española candidata a viaxar ao espazo.

 

Científicas

Sei que tanto nome pode causar vertixe, sobre todo cando é información nova. E porén, só e a punta do iceberg da longa lista de científicas cuxas contribucións non é que sexan importantes, senón cruciais para que o mundo sexa tal e como o coñecemos. Pero igual que o resto do iceberg está somerxido, todo o seu traballo e os seus logros están invisibilizados, malia que as ciencias ?xa a propia gramática o di? son un substantivo feminino plural.

Si, as nenas e rapazas necesitan referentes, precisan ver que houbo e #HaiMulleres, antes e canda elas, abríndolles o camiño para que elas tamén poidan facer realidade os seus soños. Como sociedade temos a responsabilidade conxunta de darlle a volta ao sistema para que non lle poña obstáculos estruturalmente ata afastalas do camiño que realmente queren emprender. Estamos fartas e non imos ir máis polo rego. Reclamamos o que nos corresponde e non imos parar ata que a igualdade sexa a norma en todos os aspectos.