Cando A Coruña se uniu fai 15 anos para facer da torre de Hércules Patrimonio Mundial

XA CHOVEU

Celebración en María Pita ante a declaración da torre de Hércules como Patrimonio Mundial o 27 de xuño do 2009.
Celebración en María Pita ante a declaración da torre de Hércules como Patrimonio Mundial o 27 de xuño do 2009. DIEGO VILLAR

O apoio da cidadanía foi clave para lograr a entrada do faro máis antigo do mundo en funcionamento na lista da Unesco. Forma parte da memoria colectiva de Galicia. Envía as túas fotos aquí

27 jun 2024 . Actualizado a las 11:22 h.

Sábado, 27 de xuño de 2009. 18:26 horas. Ese foi o momento xusto, fai xa 15 anos, no que a torre de Hércules converteuse en Patrimonio Mundial. Despois de décadas de peticións e solicitudes, aquel día de verán este faro de máis de 2.000 anos de vida lograba o recoñecemento mundial.

A boa noticia chegaba desde Sevilla, nun día que se converteu en celebración e festa na cidade. A renovación que vivira o faro nos anos 90, coas excavacións do xacemento arqueolóxico da súa base, e o apoio de toda a cidadanía nos primeiros anos do novo milenio foron algunhas das claves para lograr a fazaña. Esta foi a historia. 

Primeiros pasos cara o Patrimonio

Lograr o ansiado título de Patrimonio Mundial non foi fácil para a torre de Hércules. Este camiño comezou cunhas primeiras peticións nos anos 80. Máis concretamente, en marzo de 1986, a deputada, xornalista e escritora María Victoria Fernández-España realizou a primeira solicitude de que o monumento fose recoñecido co apoio do Centro Galego de Madrid.

Pouco despois, en 1989, a cidade da Coruña celebraba o 200 aniversario da rehabilitación do faro realizada por Eustaquio Giannini a finais do século XVIII. Con este motivo, retomouse a intención de acadar o recoñecemento para o faro, aínda que o proxecto non chegou a bo porto.

30 anos das excavacións arqueolóxicas

Con todo, despertárase un interese renovado pola torre de Hércules, o que facilitou a realización dunhas excavacións arqueolóxicas que finalizaron fai 30 anos, en 1994. José María Bello, exdirector do Museo Arqueolóxico, foi un dos directores (xunto a Luis Caballero) desta operación. «Foron 13 meses de intervencións», explica.

A investigación, financiada pola Demarcación de Costas, formaba parte das obras de reparación do faro, que coincidían no tempo coa creación do paseo marítimo que coñecemos hoxe en día. Este xacemento arqueolóxico é desde entón a entrada ao faro máis antigo do mundo en funcionamento. «Si Gaio Sevio Lupo pasara el mes que viene por la torre de Hércules, cuya construcción parece que dirigió hace casi dos mil años, se llevaría algunas sorpresas. El visitante podrá ver los mismos cimientos sobre los que asentó el faro», explicaba este xornal nunha reportaxe sobre a renovación do faro o 25 de outubro de 1992.

Páxina publicada na edición da Coruña do 25 de outubro de 1992, onde se explican os cambios coa renovación da torre de Hércules.
Páxina publicada na edición da Coruña do 25 de outubro de 1992, onde se explican os cambios coa renovación da torre de Hércules.

Consulta aquí a páxina de La Voz de Galicia de 1992

Tan só uns meses despois, o petroleiro Mar Exeo encaiou aos pés do faro. As consecuencias do incendio da embarcación, cunha columna de fume negro que cubriu a cidade paralizando a súa vida, afectaron inevitablemente á torre de Hércules. As súas obras de rehabilitación e a excavación arqueolóxica quedaron en pausa e o símbolo da Coruña pechou as súas portas. Cando a Torre abriu de novo, os coruñeses non tardaron en querer volver ao seu faro: «Houbo que parar para limpalo e lembro que reabriu na ponte da Constitución. A cola que se montou era enorme. Chegaba ata a rotonda, aínda que aquel día chovía. Recordo o afán da Coruña por volver a ver o seu faro», conta o arqueólogo.

Naufraxio do petroleiro Mar Exeo aos pés da torre de Hércules na costa da Coruña o 3 de decembro de 1992.
Naufraxio do petroleiro Mar Exeo aos pés da torre de Hércules na costa da Coruña o 3 de decembro de 1992. CESAR QUIAN

Por aquel entón aínda quedaba camiño para acadar a distinción de patrimonio mundial. Habería que agardar ata o 2001 para que unha nova inciativa fora o desencadeante. Esta estivo impulsada polo doutor José Vázquez Iglesias, coñecido como Manito. «Era un namorado da Torre. Ía facerlle fotos todo o día. E el era sumamente coñecido e era moi fácil facerse amigo del», recorda con cariño Bello. Manito decidiu crear o Instituto de Estudos Torre de Hércules con algunhas persoas de relevancia da Coruña, como Arsenio Iglesias e, entre outros, o propio José María Bello. «A min chamoume porque dirixín a excavación, non por ser de relevancia», engade este. 

Coa institución creada, o grupo comeza a traballar en elaborar a documentación necesaria para presentar a candidatura: «Foron anos de traballo, de recollida de firmas, intervencións políticas para conseguir apoios...». Un dos máis importantes foi o do coruñés César Antonio Molina, que foi ministro de Cultura entre 2007 e 2009, pouco antes da declaración do patrimonio da Torre. 

«Eu apoio. Torre de Hércules. Patrimonio da Humanidade»

No 2009, só un ano despois da celebración do 800 aniversario da fundación da cidade, toda A Coruña estaba volcada na declaración da torre de Hércules como patrimonio da humanidade. Durante os meses previos á reunión en Sevilla do Comité de Patrimonio Mundial da Unesco, na cidade vivíase un ambiente de entusiasmo e orgullo pola posibilidade de que o seu símbolo fora recoñecido mundialmente. 

As campañas de difusión tiveron gran acollida no público, que se volcou para apoiar a denominación do faro como patrimonio mundial. A Coruña engalanouse, como se dun día de partido do Dépor se tratara, con cartelería que rezaba «Eu apoio. Torre de Hércules. Patrimonio da Humanidade». Unhas 60.000 copias foron repartidas entre a cidadanía para amosar o seu respaldo, que tamén o mostrou coas 320.000 firmas recadadas non só na Coruña, senón por toda Galicia. Pola súa parte, os comercios tiñan pequenas réplicas da Torre de cor branco e tuneables elaboradas por Fernando Palacio, que tamén foron repartidas entre caras coñecidas da cidade. 

Os famosos tamén apoiaron á torre de Hércules para ser patrimonio da humanidade no 2009. Na foto, Fran González,  O neno .
Os famosos tamén apoiaron á torre de Hércules para ser patrimonio da humanidade no 2009. Na foto, Fran González, O neno . DIEGO VILLAR

Tamén se organizaron distintas iniciativas cidadás, entre as que destacaron algunhas como unha marcha cívica que partiu o 17 de xuño de María Pita e chegou ao faro, nunha mostra do apoio social que tiña esta candidatura. Outras incluíron abrazos organizados á torre de Hércules, como o realizado nunha concentración de Vespas, a procesión de fachos aos pés do faro ou, tamén cun facho de por medio, o acto de apoio dos atletas olímpicos galegos de China 2008, co acendido do facheiro olímpico aos pés do faro. 

Ademais, no último mes previo á resolución, o Concello estableceu ata nove marcadores dixitais coa conta atrás para a gran data ante o Palacio de María Pita, o Fórum, a Casa del Agua e os centros cívicos dos barrios de San Diego, Os Mallos, Monte Alto, Monelos, Castrillón e Os Rosales. Nesas semanas tampouco faltaron as festas infantís, as verbenas e as actividades deportivas. 

«As excavacións, xunto co apoio popular, foron moi relevantes para a declaración do patrimonio. Desde logo, apoiouno todo o mundo en todos os ámbitos», recalca Bello. 

As túas fotos, en Xa choveu

Recordas onde estabas cando a Torre foi declarada Patrimonio Mundial? En Xa choveu queremos coñecer as túas historias. Consulta no portal de Xa choveu máis imaxes da Coruña e doutras localidades e colabora nesta memoria colectiva enviando as túas fotos a través deste formulario.

E A Coruña foi unha festa

Cando chegou aquel sábado 27 de xuño, milleiros de persoas reuníronse fronte as radios e as televisións, co entorno da torre de Hércules e a praza de María Pita como epicentros, para vivir un momento histórico. Non foi o caso de José María Bello, a quen este intre que tanto agardou durante anos pilloulle tomando o café. «Aquel día chamáranme da televisión de Galicia para vivir o directo desde a torre Hercón. Como a cousa ía con retraso, eu baixeu a tomar o café e aí me enterei. A miña primeira reacción foi en solitario tomando a dose de cafeína, e entereime porque tiñan posta a radio. Cando se anunciou, todos os clientes celebráronno e eu en seguida subín e aí xa falamos todos contentos. O recordo con gran alegría», comenta divertido rememorando ese momento. 

A única pena, engade, foi «que Manito xa morrera. Isto foi grazas a Manito nun 90%». Ao día seguinte, algúns dos involucrados na candidatura e no Instituto de Estudos Torre de Hércules e o alcalde de entón, Javier Losada, subiron ao alto do faro para celebralo. «Foron tempos moi agradables», recorda o arqueólogo.

Web da Unesco tras a declaración do patrimonio da torre de Hércules, no 2009.
Web da Unesco tras a declaración do patrimonio da torre de Hércules, no 2009.

A crónica desde Sevilla publicada en La Voz de Galicia o día 28 contaba aquel emocionante momento así: «Hicieron falta una marea de orgullo y el empuje del convencimiento pero en apenas 17 minutos, a las 18.26 horas de ayer, la Unesco se pronunció sobre la torre de Hércules. Los coruñeses lo sabían desde siempre y ahora lo sabe todo el mundo: no solo es la imagen de una ciudad de mar en el noroeste español, es un monumento de "valor universal excepcional"».

Desde A Coruña, La Voz contaba que nos arredores do faro, «la torre de Hércules es patrimonio mundial. Cientos de personas que estaban en el entorno del faro empezaron a aplaudir y a gritar al conocer la noticia. Otras agitaron las gorras azules en las que se podía leer "patrimonio da humanidade" con un diseño de Isaac Díaz Pardo», mentres que en María Pita, «una mujer irrumpió con el dedo pulgar alzado en el plató instalado en la plaza de María Pita, frente el consistorio coruñés. La cabeza de Asunción Montero, integrante del Instituto de Estudios Torre de Hércules, se movía de arriba abajo en un claro gesto afirmativo. Acababa de recibir un mensaje de su marido, Segundo Pardo Ciórraga, presidente del citado organismo. Y contenía la noticia esperada: "La torre de Hércules es ya patrimonio de la humanidad"».

Podes consultar aquí as páxinas publicadas por La Voz de Galicia o 28 de xuño do 2009 con motivo do patrimonio mundial da torre de Hércules.

Por que a torre de Hércules é Patrimonio Mundial

O gran apoio que tivo a candidatura do faro máis antigo do mundo en funcionamento foi un dos grandes motivos polos que se acadou esta distinción. Con todo, a Torre xa era merecedora deste recoñecemento por varias razóns.

Entre elas, o seu valor universal excepcional está en gran medida na súa conservación. O faro, que data do século I d.C., é o único que conservamos no mundo daqueles tempos. A cuberta realizada a finais do século XVIII, a que vemos hoxe en día, serviu precisamente para manter un 60% do faro romano e que este chegara aos nosos días.

Proxección audiovisual na torre de Hércules para celebrar o X aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial, no 2019.
Proxección audiovisual na torre de Hércules para celebrar o X aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial, no 2019. CESAR QUIAN

Esta mesma intervención é en si mesma merecedora de recoñecemento. O proxecto elaborado por Giannini en 1790 aplicaba xa criterios científicos que respectaban a integridade do faro e mantiveron a súa autenticidade. Un valor engadido na historia do faro. 

Desde fai 15 anos, coa distinción de Patrimonio Mundial da Unesco, A Coruña logrou «facer da Torre un monumento mundialmente coñecido. Somos herdeiros dos creadores da Torre e grazas a esta reivindicación hoxe xa non hai libros que non falen dela», resume José María Bello.