A orixe dos xogos florais: O rexurdimento da lingua galega grazas á poesía e á difusión cultural

Carlota G.L.

XA CHOVEU

CORTE DE AMOR DE LOS JUEGOS FLORALES DE VIGO DE 1908
CORTE DE AMOR DE LOS JUEGOS FLORALES DE VIGO DE 1908 PAPEL

Esta semana cumpríronse 163 anos desde a primeira celebración dos Xogos Florais de Galicia. Estes tiveron lugar na Coruña e gozaron dunha veloz expansión territorial. Forma parte da memoria colectiva de Galicia. Envía as túas fotos aquí.

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A orixe simbólica dos xogos florais atópase lonxe no tempo, tanto que temos que retroceder ao 173 a.C. É nunha Antiga Roma infestada de deidades onde se orixina a lenda e veneración da deusa Flora, que simbolizaba a floración, a mocidade, a primavera e a fertilidade. Esta deusa tamén representa unha chiscadela o poder da sensualidade. A súa imaxe relaciónase tamén coa prostitución, dado que o seu poder e fortuna emanaban desta actividade. 

Disque a deusa Flora declarou a cidade de Roma a súa herdeira e deixou no seu legado a obrigatoriedade de celebrar ano tras ano as Festas de Floralia

[ Forma parte da memoria colectiva de Galicia. Envía as túas fotos aquí.]

Todos os vínculos que relacionan a deusa coa libertinaxe e a diversión xuvenil desencadearon que as festas na honra de Flora se convertesen no cume do exceso e do descontrol. Precisamente por este motivo, pola súa imaxe picaresca, Catón, o político e militar romano coñecido como o Censor, tomou a decisión de rexeitar esta festa e prohibir a súa celebración. Esa foi a primeira causa de extinción do festexo.

Adaptación francesa do século XIV, Toulouse

Non sería ata pasado o primeiro terzo do século XIV, cando sete trobadores de Tolosa de Languedoc (actual Toulouse) retoman a actividade con entusiasmo e baixo o nome de Xogos da Gaia Ciencia dedicados á arte da poesía

Este certame vólvese unha tradición anual. O premio era a Violeta de Ouro ao mellor poeta e composición do recital. A pesar da súa boa acollida, en 1484 desaparece do calendario de festividades. 

En cambio, coa entrada de Clemencia Isaura en escena, descendente dos condes de Tolosa e apaixonada acérrima das flores e da poesía, faise o intento de reavivar esta celebración que se atopaba en horas baixas. A partir deste intre, embárcase no proxecto de apoiar patrimonialmente e dar visibilidade a tradición dos xogos florais. Grazas á figura desta dama e ao seu empeño por difundir a cultura, lévase a cabo a apertura da primeira Academia dos Xogos Florais.

Como chegaron estes certames a España?

Por mor do crecente impacto destes eventos no territorio francés, o rei Juan I de Aragón insistiu na súa fixación por recrear en España o Consistorio do Gai Saber. Deste xeito, puxo en marcha os Xogos da Gaia Ciencia, que gozaron de popularidade ata o século XV. Nese momento desaparece de novo a celebración, pola inestabilidade dos períodos de entreguerras e a peste.

Ligazón coa Renaixença catalá e co Rexurdimento galego 

Na península ibérica, esta tradición cultural e poética acaba irmandándose con movementos artísticos e correntes ideolóxicas propias da Renaixença catalá ou do Rexurdimento galego. Este último posterior no tempo. 

Comisión organizadora de los juegos florales de La Oliva, en Vigo, en 1908.
Comisión organizadora de los juegos florales de La Oliva, en Vigo, en 1908. Escaneada de papel

Todo sucedeu cando Balaguer e Bufarull, en 1859, reinician a festividade dos Xogos Florais. Fano tendendo pontes entre a festividade poética e os incipientes movementos ideolóxicos que perseguían a normalización lingüística en territorios como Cataluña ou Valencia. 

Nese momento, o evento quedou ligado co lema Patria, fides, amor aludindo ás tres principais categorías das composicións. As obras premiadas corresponidíanse coas temáticas amorosas, patrióticas ou relixiosas. 

Nesta época, en Galicia aparecen figuras que tamén loitaban por esta redefinición da lingua galega. Entre eles destaca o labor do Pai Feijoo, do Pai Sarmiento e o Pai Sobreira. Comézase así a experimentar certa presión co contexto lingüístico, político e social. 

Deste xeito xa había constancia de eventos que unían as celebracións e o ámbito cultural galego. Un dos máis destacados, as Festas Minervais, que xorden no século XVI na cidade de Santiago de Compostela en homenaxe a Alfonso III de Fonseca. O arcebispo era considerado case como unha santidade por ser o fundador do Colexio de Teólogos de Fonseca, xerme da Universidade de Santiago. 

O día grande que marcaría a tradición sería o Martes de Pentecostés de 1697, día no que se inauguraban as facultades de Medicina e Dereito da cidade. 

As xustas poéticas e a preocupación polo folclore teñen un longo percorrido na historia de Galicia. Un caso de estudo é o das xustas poéticas con diversas motivacións. Unha moi curiosa aconteceu durante o reinado de Felipe V, o primeiro da dinastía Borbónica en España. 

Este rei contraeu matrimonio con María Luisa Gabriela de Saboya cando esta tiña unicamente 13 anos. Por aquel entón, o rol da muller consistía principalmente en ter descendencia, e máis sendo unha raíña consorte. A toda a sociedade preocupáballe que, pola curta idade da rexente, se lle complicase a tarefa de quedar encinta. 

Tras seis longos anos de espera, cando por fin tivo en 1707 ao seu primoxénito Luis I O ben Amado, organizouse en Ourense un gran evento sociocultural que contou con xustas poéticas.

Primeiros xogos florais en Galicia: A Coruña, 2 de Xullo de 1861

A nova edición destes xogos florais na Coruña veu da man de José Pascual López Cortón. Promotor e organizador do evento, estaba moi implicado cos beneficios que este podería reportar á difusión da lingua galega. 

López Cortón sufragou a posta en escena do evento e perseguía un obxectivo claro: dignificar e dar a coñecer a creación artística en galego. 

Este mecenas fíxose cargo tamén da edición do posterior poemario en galego e recibiu eloxios por iso, como da propia Emilia Pardo Bazán que mostraba admiración e resumía así a principal función deste pequeno caderno: «Salvar do esquecemento e perda seguras a poesías que andaban diseminadas pola prensa. Destinadas a morrer inéditas».

A repercusión foi tal que apenas un mes e 10 días máis tarde celebrábase unha segunda entrega en Pontevedra.

Segundos xogos florais en Galicia: Pontevedra, 11 de Agosto de 1861

Cando se organizou este segundo evento, decidiuse implicar a sete xuíces imparciais no evento, un de cada cidade grande de Galicia para evitar rivalidades e favoritismos. 

Esta festividade chegou á localidade pontevedresa a velocidade de vertixe. E isto veu motivado pola gran cantidade de políticos e persoas de Madrid que comezaban a trasladarse de maneira estacional para gozar das súas vacacións e veráns nas Rías Baixas.Tal era o caso de José Echegaray, que dicía estas palabras tan bonitas sobre a súa relación con Pontevedra: «Catro meses do ano residindo aquí e os oito restantes pensando en volver a ela».

JUEGOS FLORALES DE VILAGARCIA EN EL AÑO 1963 XOGOS FLORAIS
JUEGOS FLORALES DE VILAGARCIA EN EL AÑO 1963 XOGOS FLORAIS MARTINA MISER

Estes dous eventos celebrados na Coruña e en Pontevedra marcaron un antes e un despois e son lembrados como as edicións máis relevantes. Ao igual que a primeira ocasión na que se celebrou en Tui, 30 anos despois. Con todo, os xogos florais celebráronse en multitude de ocasións ao longo da historia, gozando de bo percorrido e instaurándose nas principais cidades. 

A edición de Santiago chegaría en 1875, a Ourense un ano máis tarde, a Vigo e Betanzos case unha década despois e finalmente chegaría a Tui case entrando no século XX.

San Froilán tamén era poeta 

No caso de Lugo, a orixe desta tradición está deslocalizada. Sábese que existe un vínculo profundo e mesmo histórico entre as xustas poéticas e a festividade de San Froilán.

Tamén hai constancia de que esta celebración creceu en popularidade tras a morte do músico Xoán Montes. Cando este acontecemento tivo lugar, sopesouse a cancelación do evento, pero finalmente decidiron celebralo a modo de homenaxe ao artista

Este é o punto de inflexión. Unha festa que tiña unha organización esporádica celebrouse durante tres anos consecutivos

En 1900, e tamén en Lugo, foi nomeada a pioneira e feminista Filomena Dato, quen incluía na escaleta do evento a proclamación dun discurso revolucionario que se adiantaba á época e reclamaba unha educación igualitaria para as mulleres. 

Con toda esta historia de achegas e fitos que nos regalaron os Xogos Florais, só queda reivindicar a importancia destas iniciativas sen as cales a riqueza cultural e o compromiso social que define a comunidade galega, non sería coma hoxe en día. Coidemos sempre do noso para non caer no esquecemento. 

Visita a nosa web https://xachoveu.lavozdegalicia.es/ se queres coñecer máis da historia de Galicia, compartir con nós as túas anécdotas e fotografías.