A unión milenaria entre cabalos e persoas que chega aos nosos días coa Rapa das Bestas: «Formas parte dela desde que naces»

XA CHOVEU

<span lang= gl >Imaxe de 1988 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.</span>
Imaxe de 1988 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo. CEDIDA - CLAUDE LE GALL

Esta costume, da que Sabucedo é o referente, celébrase en Galicia desde tempos inmemoriais. [Envía aquí as túas fotos antigas para formar parte da memoria colectiva de Xa choveu]

05 jul 2024 . Actualizado a las 10:23 h.

«Conta a lenda que nos anos 80 do século XVI, arredor de 1580, houbo unha gran peste que entrou por Noia e ameazaba con chegar a Sabucedo. Para salvar a aldea, dúas señoras, ás que aquí chamamos "as vellas", ofrecéronlle a San Lourenzo de Sabucedo unhas bestas se se libraban da peste». Esta é a orixe da Rapa das Bestas de Sabucedo, segundo explica Paulo Vicente, presidente da asociación encargada da súa supervivencia e xestión.

As vellas da historia refuxiáronse nun lugar próximo á vila, A Cabana, tamén coñecida como «Carballeira das Vellas», «Lebagueiras vellas» ou «Fonte das Vellas». Tras o paso da peste, cumpriron a súa promesa e entregáronlle ao párroco da aldea as bestas. Este liberounas no monte, dando lugar «á manda do Santo». Desde entón e ata finais do século XX, as bestas de Sabucedo foron propiedade da Igrexa.

[Envía aquí as túas fotos antigas para formar parte da memoria colectiva de Xa choveu]

Os primeiros rexistros escritos desta Rapa datan do século XVIII, do Libro de Fábrica da Igrexa no que se levaba a contabilidade dos poldros e os quilos de crinas vendidos, e dese mesmo século, sobre o ano 1779, é o Curro Vello (o recinto onde tiña lugar a rapa) que xa está en desuso. Con todo, xa hai referencias á unión entre Sabucedo e as bestas nos petroglifos dos xacementos de Campo Lameiro, dos séculos XVIII-VIII a.C. Neles, aparecen cabalos e xinetes tratando de dominalos.

<span lang= gl >Imaxe de 1988 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.</span>
Imaxe de 1988 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo. CEDODA - CLAUDE LE GALL

«Nacemos con elas, criámonos con elas e somos coma elas»

«Formas parte dela desde que naces», explica Paulo sobre a estreita relación entre a xente da aldea e a Rapa das Bestas. Dos seus recordos de infancia, comenta que «meu pai, miña nai e meu avó ían ás bestas e cando chegaban á aldea, sacábanme fóra para velas pasar e ver como traballaban con elas».

Con só sete anos, Paulo comezou a entrar no Curro, collendo xunto a outros nenos da aldea aos poldros pequenos. Xa con 12, «empezas a ir coa xente maior ao monte a xuntar ás bestas. Este é un proceso que se fai todo o ano, non só nos días da Rapa». Chegada a adolescencia, con 15 ou 16 anos, a rapazada de Sabucedo comeza a «aloitar» no Curro, enfrontándose directamente coas bestas.

Rapa das Bestas de Sabucedo no ano 2000.
Rapa das Bestas de Sabucedo no ano 2000. RAMÓN LEIRO

Paulo lembra con cariño os recordos das súas primeiras rapas: «Eu vivín unha etapa moi bonita, porque tiñamos a unha serie de xente, a Juan, Michel, Touriño, Pepiño, Raúl..., que foi unha das últimas xeracións que viviron en Sabucedo e nos levaban ao monte. Íamos buscar os cabalos e daquela non había Land Rover nin remolque, así que íamos andando seis quilómetros. Collíamos os cabalos cunha corda na cabeza e outra na pata e os rapaces todos traiamos os cabalos andando. Despois iamos con eles e facíamos chourizadas».

«A Rapa é a nosa forma de vivir», resume. Por iso, cando a finais dos 70 a Igrexa xa non quería facerse cargo das bestas, as xentes de Sabucedo reuníronse para salvar unha costume que é parte da súa identidade: «O ICONA (Instituto para la Conservación de la Naturaleza) quería plantar no monte e a Igrexa defendía que era o hábitat das bestas. O xuízo gañouno a Igrexa, pero non quería ter problemas pola propiedade das bestas. A xente da aldea foi a Santiago a reunirse co arcebispo Quiroga e este díxolles que non querían ter máis cabalos. A resposta do grupo foi unha frase mítica nosa e que sempre dicimos: "Nacimos con elas, criámonos con elas e somos coma elas"». Esta contundente afirmación bastou para que o arcebispo cedera 60 bestas, que se sumaron a outras xa de propiedade privada. Desde o ano 1992, a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo traballa para manter viva esta tradición.

<span lang= gl >Imaxe de 1973 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.</span>
Imaxe de 1973 de Sabucedo durante a Rapa das Bestas. Fotografía cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo. CEDIDA - JOSEF KOUDELKA

Desde o 2019, esta está presidida por Paulo, que sinala como «toda esta forma de vivir as cousas faiche estar aí e entender que formas parte dunha microsociedade e que tes unha tradición da que hai que tirar para diante».

O público no Curro, costumes que non cambian

Polo menos desde finais do século XIX ou comezos do XX, hai constancia da presenza do público no Curro. Desta época é a primeira fotografía tomada da Rapa das Bestas de Sabucedo. Nesta imaxe que chega aos nosos días pódese observar gran presenza de xente nos arredores do recinto, agardando a chegada das bestas.

Primeira fotografía da Rapa das Bestas de Sabucedo, tomada a finais do século XIX ou principios do XX. Cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.
Primeira fotografía da Rapa das Bestas de Sabucedo, tomada a finais do século XIX ou principios do XX. Cedida pola Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.

Malia o paso do tempo, esta costume permanece inalterable en Sabucedo. Moitas cousas cambiaron no último século, pero o público atento a este espectáculo non é unha delas. Paulo explica como á Rapa de Sabucedo, nos anos 70, «empezaron a chegar alemáns, franceses e americanos con tendas de campañas porque lles chamaba a atención isto. Viñan cunha cámara de fotos, cando aquí ninguén vira unha cámara, salvo o día da feira, cando se facían aqueles retratos en branco e negro». Grazas a eles temos hoxe en día algunhas imaxes que retrataron a Rapa daquela época. 

«A Rapa de Sabucedo foi collendo un cariz menos gandeiro e máis turístico», explica o presidente sobre esta evolución.

En que consiste a Rapa das Bestas?

A Rapa das Bestas de Sabucedo é Festa de Interese Turístico Internacional e adoita celebrarse a comezos do mes de xullo. É entón cando teñen lugar varios días de tradición, festa e celebración. Primeiro, recórdase o vínculo ancestral dos cabalos, «as bestas», co divino, coa «Misa da Alborada». Nela, prégase a protección de San Lourenzo para os traballos que se realizarán cos animais. O son dos foguetes e os repeniques das campás á primeira hora da mañá, ao redor das seis e media, son os encargados de espertar á xente que agarda o comezo deste gran día no «Campo do Medio».

Tras a misa, comeza a busca das bestas: «A Baixa». A xente de Sabucedo reúnese no Celeiro e sube ao monte para buscar ás mandas, que se xuntan no Peón para ser conducidas á aldea. Son xa as sete da mañá e tras pasar a carballeira de Piquite e a estrada que une Sabucedo con Quireza, iníciase a subida á Espiñeira. Unha vez chegados a Cábado, Pranzadoira, Conla e outros lugares do monte, as persoas divididas en grupos rodean formando cercos ás mandas, para encamiñalas ata o Peón. Cunha pausa na valgada, o camiño retómase ata Sabucedo. 

Público atendendo á Rapa das Bestas de Sabucedo no 2002.
Público atendendo á Rapa das Bestas de Sabucedo no 2002. MARCOS MÍGUEZ

As bestas chegan á aldea sobre as tres ou catro da tarde, nun momento de encontro entre os grupos que subiron ao monte e os que agardan na vila. É nestos intres cando o coñecemento do trato cos animais pasa de xeración en xeración. Mentres non entran no Curro, as bestas esperan nun cercado en Cataroi.

Cando chega o momento de aloitar, as bestas que forman parte da manda do Santo son rapadas e desparasitadas. «Faise por unha cuestión sanitaria», explica Paulo. «A un animal coma este, as crinas longas enrédanselle en toxos e na maleza e por iso teñen que ser saneadas».

Rapa das Bestas de Sabucedo no ano 2001.
Rapa das Bestas de Sabucedo no ano 2001. MARCOS MÍGUEZ

E, como en toda Galicia, non hai tradición sen festa. Nas noites da Rapa, a festa trasládase á Carballeira do Campo do Medio coa música de orquestras e grupos de música tradicional que tocan ao son das gaitas. A romaría complétase cos pulpeiros. 

As outras Rapas

A de Sabucedo non é a única Rapa das Bestas que se celebra en Galicia. Se ben é certo que é a máis famosa, noutros lugares das provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña tamén ten lugar esta tradición. É o caso, por exemplo, da Candaoso, en Viveiro, declarada de Interese Turístico Nacional. Unha das máis antigas é a da Capelada, en Cedeira, que leva medio século celebrándose. Tamén as hai moi novas, como a que estrea este mes de xullo de 2024 a súa primeira edición, en Pontenova.

Neste 2024, polo menos en nove lugares celebraranse ou xa se celebraron estas festas. Estas son as Rapas das Bestas de Galicia

En cada lugar, cada Rapa é única. No caso de Sabucedo, Paulo explica que «vivimos isto de forma moi ínitma. Temos códigos pechados de traballo coas bestas no curro. Por exemplo, non usamos paos nin cordas. Cada un ten a súa forma de funcionar, que todos respectamos, porque cada Rapa ten as súas particularidades».

Aquí, as e os aloitadores enfróntanse corpo a corpo coas bestas, nunha sorte de danza na que a primeira persoa salta sobre o lombo do cabalo e, tan só 10 segundos despois, recibe a axuda dunha segunda persoa que agarra a cabeza da besta. «No momento no que cruza a besta, que é pasar a man pola queixada contraria, a persoa que está arriba baixa e a cruza tamén», indica Paulo. Unha terceira encárgase de coller o rabo para desequilibrar ao animal e inmobilizalo. Asi, a besta xa pode ser rapada nun espectáculo ancestral.