Xeración Xabarín: 30 anos do club do porco bravo

XA CHOVEU

Xabarín Club.
Xabarín Club. CRTVG

En 1994 chegaba á televisión galega un novo programa que marcaría a infancia de miles de galegos con debuxos xaponeses, cancións en galego e carnés de cor verde que aínda se deixan ver en moitas carteiras. [Envía aquí as túas fotos para formar parte da memoria colectiva con Xa choveu]

18 jul 2024 . Actualizado a las 12:20 h.

Fai 30 anos, en 1994, o porco bravo dicía por primeira vez na Televisión de Galicia aquelo de «hai alguén ahí?». Cunha combinación dos favoritos dos nenos da época —a animación, a música e os xogos en forma de concursos participativos—, o Xabarín Club comezaba a emitirse nas tardes da TVG para Neptuno e Portonovo desde o seu particular satélite.

O Xabarín Club botou andar apoiado en dous elementos: unha selección de contidos para emitir e a creación do club. Suso Iglesias, un dos ideadores do formato, explica que nese contexto da televisión infantil dos anos 90, no que a animación comezaba a ser máis atrevida, «no equipo fixámonos en Cartoon Network polo seu dinamismo e era unha referencia en canto a ritmo. Con ese espírito creamos a imaxe de continuidade, pensando nos 300.000 nenos de Galicia». Así nacía o porco bravo, debuxado da man de Miguelanxo Prado

[Envía aquí as túas fotos para formar parte da memoria colectiva con Xa choveu]

Desde os seus inicios, Xabarín quixo chegar a todos os fogares galegos, tendo unha vocación interxeneracional. «Tiñamos un abanico de idades, desde os máis pequenos ata un público xuvenil. Doraemon era unha serie excelente para os pequenos, Dragon Ball para adolescentes, e mesmo series como os Picapiedra eran unha concesión aos pais». Esa xeración de pais, na súa maioría xoves, con fillos nacidos xa en democracia e outra mentalidade, foi unha das claves do éxito: «Tiñan unha preocupación distinta respecto á educación e gustábanlles as nosas cancións. Ademais, facíamos esforzos por comunicarnos tamén con eles».

Parte do éxito do Xabarín viña dado pola súa marcada personalidade, cunha imaxe atrevida e unha actitude que non buscaba reemplazar o papel dos profesores, senón que naceu «cunha proposta de diversión, da anarquía e do caos da xente xove. Era algo divertido, con contidos contemporáneos e con ritmo. Moitas persoas traballamos aí apostando pola frescura, que conectou coa poboación antes da fragmentación actual das pantallas».

«Do clube da Galega, por fuciños, por cacheiras»

Contar co carné que demostraba formar parte do Xabarín Club era o soño de todos os nenos galegos. Formar parte deste selecto grupo significaba ser dunha comunidade única «por fuciños, por cacheiras» e, o máis importante, que no día do teu aniversario a túa foto saira na televisión

O maior «potencial» do Xabarín estaba na participación directa co público a través de concursos como o «¡Vas dado!» de Manolo Romón, sorteos... «Daquela a xente chamaba, enviaba cartas ao director... Era outro contexto pero a idea de que a mensaxe fora de ida e volta xa existía», explica Suso. Así, o feito de recibir na casa a tarxeta de felicitación do Xabarín Club e o carné coa túa propia foto e o teu nome impreso, «eran detalles tanxibles, que imitaban os obxectos dos adultos». Aínda que Suso nunca chegou a ter carné de socio do Xabarín, recalca a importancia que este tiña para a rapazada: «Formabas parte dun grupo», ademais de que «no día do seu cumpreanos facíalles moita ilusión verse na televisión».

Pablo Novoa, de Golpes Bajos, foi o segundo director musical do programa, pero tampouco tiña carné de socio: «Cando comecei, os maiores non podíamos telo, pero eramos os traballadores do Xabarín. Si que llo fixen ao meu fillo. Seguramente lle preguntei primeiro, e aínda o temos gardado».

Con todo, facerse do club non era tan fácil. Suso conta que «para non xerar frustración, porque todas as fotos dos cumpreanos tiñan que saír, tiñamos unha planificación de socios moi controlada. Poñíamos algunha dificultade como o feito de ter que facer a foto e comprar nos quioscos e estancos as tarxetas para dar a resposta correcta. Non era fácil que a xente maior se manexase, así que o incentivamos a través dos nenos». Temas como Socio, busca un socio, con letra de Alberto Torrado, farían a metade do traballo.

As nenas e nenos galegos non tardaron moito desde a estrea do programa en querer ser parte do club. «Estreamos en abril tendo só a base do que sería o Xabarín Club e na primeira semana chegaron 50 peticións de socios», recorda Suso Iglesias. Cos anos, chegaríase a superar a cifra dos 140.000 carnés.

A música e as Xabaxiras

O Xabarín Club non se entendería sen a importancia que tivo a música en galego neste espazo. Grupos referentes como Siniestro Total ou Aerolíneas Federales foron dos primeiros en compoñer temas para o programa. Julián Hernández, líder de Siniestro Total, foi tamén o primeiro director musical do Xabarín e colleu o espírito do grupo de «rebeldía teenager», xunto ás letras de Manolo Romón, para crear cabeceiras de sobra coñecidas como Somos do clube da GalegaNo programa tamén houbo espazo para novas bandas: «Había unha boa xeración de músicos con cancións preciosas. Serviu como plataforma de lanzamento e o Xabarín nutriuse dese contexto», apunta Suso Iglesias.

O éxito desta música, que teoricamente estaba dirixida á rapazada pero gustaba tamén aos adolescentes, explícase tamén polo seu carácter participativo. Na televisión, as nenas e nenos que merendaban co Xabarín podían aprender e cantar as cancións seguindo o karaoke nos seus videoclips. Suso recorda que nos primeiros anos «fixemos máis de cen cancións e videoclips».

Estes temas acabaron traspasando a pantalla para convertirse en dous cedés baixo o título «A cantar con Xabarín» Vol.I e II, e en actuacións musicais, primeiro con playback e despois en directo nas Xabaxiras. Pablo Novoa foi tamén unha das pezas claves destes espectáculos. Deles, especialmente da Xabaxira de 1998, que foi a primeira, recorda que «eran moi esixentes pero moi divertidas. Era un espectáculo complicado (ademais das actuacións en directo, había tamén bailaríns e teatrillos), pero teño lembranzas moi boas».

Un dos segredos das Xabaxiras era quen se escondía dentro do boneco do porco bravo. Juanillo Esteban, que lle poñía voz no programa, participaba tamén nas Xabaxiras como Xabarín. Pablo Novoa recorda que o seu fillo, socio do «clube da Galega», nacera no «93 e, cando facíamos as Xabaxiras, el tiña cinco anos e eu o levaba por alí pero sen que descubrira o segredo para non fastidiarlle a ilusión. E el encantado, claro».

Os debuxos, en galego

A voz de Juanillo Esteban é unha das máis recordadas para esta xeración, que medrou escoitando o seu «Oink, oink!», o «Hai alguén aí?» ou o «Quedamos ou non?», xunto ás voces doutros dobradores como Tonia Fuentes, Julio Lorenzo, Paco Barreiro ou Gonzalo Faílde.

Antes de que se coñecera como «anime», este xa se podía ver nas tardes da Galega. O Xabarín Club emitía moitas series de animación chegadas desde Xapón como Oliver e Benji ou As Bolas Máxicas. Pero para os nenos galegos que medraron nos 90 e nos 2000, Shin-chan sempre dirá «cuíño, cuíño» e Doraemon, co seu «peto máxico», despedirase dicindo «adeus, adeus».

A icónica dobraxe destas series marcou a unha xeración, que non concibe cantar a intro de As Bolas Máxicas nun idioma que non sexa o galego e aínda di iso de «onda vital... xa!». 

Aínda que naquel momento o equipo que facía o Xabarín non era consciente da pegada que este tería nesa xeración de nenos que estaba a medrar con debuxos para eles e en galego. Suso explica que «co paso do tempo aumenta a importancia do idioma en galego. Non eramos conscientes, non pensabamos niso. Era unha situación de normalidade. Pero cando comezou a desaparecer é cando miras atrás e ves que os pais de agora tiveron unha oportunidade que non teñen os seus fillos. Hai unha perda de galegofalantes entre os nenos, que tiñan mellores datos nesa época».

Produción propia

O Xabarín Club alternaba estas series de éxito con producións propias como o concurso ¡Vas dado!, de Manolo Romón, as Xabarín News, un informativo para os pequenos que contaba con Silvia Superstar, ou outros espazos como o do reporteiro Inspector Tomé e o doutor TNT co seu consultorio. Tamén había tempo para trucos de maxia con Manda truco, ou para falar de cómics e animación con Arroz Hacker, e de cociña con Pota e Berza.

Suso Iglesias, un dos creadores do Xabarín Club, co porco bravo nos anos 90.
Suso Iglesias, un dos creadores do Xabarín Club, co porco bravo nos anos 90.

O Xabarín tamén tivo a súa propia serie, con debuxos de Miguelanxo Prado e producida por el e por Suso Iglesias. Os vixiantes do camiño, contou con 13 episodios, narrando unha «aventura xacobeica» do Xabarín e a súa banda.

«Foron anos de moito traballo. Co paso do tempo fixen moitas cousas, pero a xente sempre me sinala como o do Xabarín e é unha satisfacción telo feito. Deixou moi bo recordo malia o paso do tempom e iso sempre é agradable», resume Suso Iglesias.