Os estranxeiros falan galego: «Se alguén che fala en galego, o seu é contestarlle na mesma lingua»

YES

Chegaron a Galicia desde distintos puntos do planeta e non dubidaron en aprender a fala da nosa terra, movidos polo amor a unha lingua que, para eles, é natural

14 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Wilson mudarse a un país supón un intercambio entre culturas que nos enriquece en todos os sentidos. Este cubano chegou a Galicia en 1997 con intención de perseguir os seus soños como músico. E, por suposto, conseguiuno: foi trompetista na orquestra París de Noia, entre outros moitos proxectos que desenvolveu. Con todo, non foi aí onde desenvolveu os seus dotes coa lingua galega. Nada máis chegar a España, apuntouse a clases para ter un coñecemento normativo da lingua. «Os que vimos de fóra temos que buscar a mellor vía para integrarnos, e aquí en Galicia se alguén che fala en galego, o seu é responderlle na mesma lingua, ou polo menos entenderlle», explica. Ademais, os seus coñecementos do galego abríronlle moitas portas ao longo da súa carreira. Actualmente é profesor de música no colexio Liceo La Paz na Coruña.

«Fun eu o que lles ensinou aos alumnos o Himno galego. Tocámolo o día das Letras Galegas», conta emocionado. A el sorprendeulle que moitos dos estudantes non soubesen a letra do cántico de Pascual Veiga e Eduardo Pondal. Aínda que o himno se estreou por primeira vez hai máis de 100 anos na Habana, encheulle de orgullo poder tomar a substitución dos que llo ensinaron a el. «Xa que o galego é a ferramenta vital para poder adaptarse a unha cultura», afirma.

Hasler é un mozo de 31 anos que chegou hai pouco menos dun ano a Galicia. É fillo dun galego que emigrou a Venezuela. De aí o seu amor pola cultura galega. Xa con 6 anos, o pai apuntouno a un colexio de Caracas que pertencía á Irmandade Galega. «Recibía a mesma educación que un neno criado en Galicia, dábamos clases de galego», lembra. Ademais, tiña a sorte de que pola zona na que el vivía, aos arredores do seu colexio, había negocios de xente que, do mesmo xeito que o seu pai, emigrara e levárase o mellor de cada casa. «No máis profundo de Caracas podíaste atopar postos de empanada, bolos preñados, ou a típica bola de pan. Era coma se entrases noutro país, a xente falaba outro idioma, e eu entendíao», explica. Tanto foi o achegamento de Hasler cara a esta cultura que cando terminou os seus estudos non tardou en buscar un máster en Santiago de Compostela. E, por se os seus coñecementos sobre o idioma non fosen suficientes, contactou cun mozo de Redondela (Pontevedra) para sumar vocabulario. Así foi que cando chegou a España tiña xa o Celga 2, e está a preparar o 3. «Non o estou estudando por necesidade, agora vivo en Murcia e sígoo aprendendo porque me gusta», explica.

Annie namorouse de Galicia antes de poñer un pé nestas terras. Estudou Filosofía Romántica en Rusia, onde tivo o seu primeiro contacto coa cultura a través de Rosalía de Castro. Foron os escritos da autora galega os que espertaron en Annie o interese de escoitar cos seus propios oídos o acento que envolvían eses textos. E así foi. Mudouse a Santiago de Compostela para finalizar os seus estudos na universidade, onde tamén se apuntou a un curso de galego dirixido a xente estranxeira. Apenas lle custou, aprendeu a falar galego antes que castelán. «En canto empecei a manexar un pouco a lingua, souben que se non o levaba ao meu día a día sería como se non aproveitase a beleza desta cultura», explica.

Coñeceu ao seu marido na universidade. «Enredeime nas silvas galegas. Dende que o coñezo só fala galego, así que me acostumei a responderlle na mesma lingua», lembra. E de xeración en xeración, os fillos non ían quedar atrás.Tras ter aos seus dous fillos, na súa casa non se fala outro idioma que non sexa o galego.

Ademais, Annie é profesora de canto e piano nun conservatorio. «Cos meus alumnos tamén falo en galego, de feito, trato de ensinarlles cancións que fagan referencia á cultura. Grazas a eles, aprendo cada día unha palabra nova, que logo comparto cos meus fillos». Para Annie, «vir aquí e non cantar en galego é un pecado, na música descubrín unha nova vertente que é a que me apaixona de verdade». Ademais, vese reflectida nunha dos seus maiores referentes, Dorothe Shubart, a musicóloga e compositora suíza que compuxo xunto con Antón Santamarina o Cancioneiro popular galego. A artista, do mesmo xeito que Annie, mudouse a Galicia e namorouse da música popular.

Shannon é unha moza californiana que se mudou de Estados Unidos a Lugo. Para ela aprender a lingua galega era algo indispensable para poder vivir aquí. O seu noivo, que xa coñecía o idioma, axúdalle no seu día a día. Aínda que lle custa, asegura que o entende, pero non o fala con soltura. «Soy profesora de inglés, salgo de dar clase para ir a recibirla», comenta. Shannon ponse na propia pel dos seus alumnos cada vez que acode ás súas clases. «Desde que voy a mis clases no les exijo tanto a mis alumnos, ya que a mí el gallego me está costando bastante», recoñece. Pero o que realmente empuxou a Shannon a apuntarse a clases foi o seu amor polos pobos galegos. Antes vivira en Madrid e en Málaga, que di que están máis masificadas. Por iso, o que lle chamou de Galicia en canto chegou, foi a tranquilidade das aldeas e da súa xente. «Me encanta visitar pueblos escondidos, pero siempre que voy me cuesta entender a los vecinos que viven por allí. Por eso, quiero aprender a hablar gallego, para que mi novio no me tenga que hacer siempre de traductor», sinala. Por iso, Shannon non dubida en continuar cos seus estudos sobre a lingua. O seu obxectivo é poder vivir en harmonía cos veciños e disfrutar das conversacións que lle poden aportar.