
Malva conseguiu converterse nun referente para toda unha xeración de mozos, non obstante, vén de sufrir comentarios e ataques pola súa lingua
04 jul 2023 . Actualizado a las 17:06 h.Malva é unha rapaza de 25 anos que crea contido nas redes sociais en galego sobre diversos temas relacionados coa cultura pop. Comezou en TikTok, onde xa acumula más de 11 mil seguidores, e foi xestando toda unha lexión de seguidores noutras redes como Instagram, Twitter e YouTube. Falamos con ela sobre a súa traxectoria, como se atopa galego nas redes sociais e sobre o que está por vir.
—Que é Todo Malva? Como xurdiu a idea?
O meu nome é Malva e dende cativa me chamaron por diferentes alcumes que tiñan que ver con el. Así que cando me abrín a conta de TikTok ocorréuseme empregar un xogo de palabras para subir os meus contidos: «Todo mal va». Comecei porque se me ocorreu responder a un vídeo dunha rapaza dos Estados Unidos sobre unha polémica entre a raza negra e a branca, un tema moi recorrtente alí. Logo de ver a súa acollida comei a publicar contidos en galego.
—A xente nova segue a ter prexuízos coa lingua galega?
—Non é que o pense, é que o sei. Teño ido a dar charlas e institutos e alí noto que a rapazada ten aínda moitos prexuízos con empregar o galego, pero tamén se ve noutros ámbitos da sociedade.
—É a xeración Z a salvadora do galego?
—Podería selo. Considero que o segredo para que o galego teña un rexurdimento pasa por darlle visibilidade e potencialo nas redes. Debe haber un esforzo por parte de todos e facer que os contidos literarios, musicais e cómicos sexan máis accesibles. Se se continúa a manter unha comunidade moi activa de creadores de contidos en galego, pode axudar moito á súa difusión entre a mocidade. En cambio, é complicado porque hai xente que deixa de publicar en galego e pásase ao castelán para gañar máis seguidores.
—Como escolles os temas dos teus vídeos?
—Gústanme moito os contidos culturais. A verdade é que decidín deixar de publicar vídeos nas redes por dous motivos: o primeiro, que TikTok se converteu para min nunha plataforma na que me custa bastante facer contidos. E o segundo, porque os teus vídeos poden rematar nos perfís de persoas con opinións hostís cara ao galego. Non é que me ofendan as súas palabras, ao fin e ao cabo é a miña lingua, pero cando tes que discutir día tras día con eles chega un momento no que te cansas e chegas ao teu tope. Cheguei a un momento no que me deu moita preguiza facer vídeos en galego para redes e decidín deixalo pola hostilidade.
—Tes ata seguidores de fala inglesa e ti subtitulas os seus contidos, o galego traspasa fronteiras?
—Si, traspasa fronteiras. Durante miña experiencia vivindo fóra durante varios anos en Irlanda e nos Países Baixos puiden ver como os estranxeiros teñen moito interese polo galego, chámalles moito a nosa música, a literatura e o arte. O bonito é compartir e que compartan contigo. Comecei a subtitular os meus vídeos ao inglés para que os meu amigos de fóra tamén puidesenn consumilos e entendelos. Ademais de seguidores de fala inglesa teño moitos do Brasil, do Portugal, de Asturias e de Cataluña. O galego é unha lingua que che permite comunicarte con xente de moitos lugares. Coñecín a máis xente falando en galego que en castelán, teño falado ata con persoas de Italia.
—Algunha vez sentiches medo a que che cancelasen por xerar contidos na túa lingua?
—O feito de que alguén se enfade comigo por falar galego nunca me vai a quitar o sono. É verdade que é aburrido ter que lidar con xente así, pero non deixo que me afecte. Falei disto con outras creadoras de contidos en galego e chamoume especialmente a atención que coincidimos en que a razón pola que recibimos máis odio non é por ser mulleres, tampouco polo noso corpo, nin polo tipo de contido que facemos, senón que por facelos en lingua galega. É incrible que a día de hoxe nas redes vaias a conseguir máis seguridade por falar a lingua que quere todo o mundo. Non estou sendo hostil cara ás persoas que non falan galego, pero hai moita xente que se non lles falas en castelán, ofendense.
—Como é a comunidade de creadores de contidos en galego nas redes?
—Depende moito do nicho polo que te movas. Temos un bo sentimento de comunidade e é o mellor que me trouxo crear videos. Eu fixen moitas amizades bonitas e importantes grazas ás redes en galego, por exemplo coñecín a miña mellora amiga nelas.
—Hai escaseza de contidos de cultura pop en galego?
—Estamos nun momento no que xa non. Hai anos sI que había escaseza de contidos en galego para a mocidade. Hoxe se os buscas, case seguro que atopas algo, ben sexa nun pódcast, nunha canle de YouTube ou en contas de Instagram, Twitter e TikTok. A verdade é que sinto moita envexa porque cando eu era unha crianza e adolescente non tiven acceso a nada así.
—Axuda o auxe dos cantantes galegos a que sexa mellor visto pola mocidade?
—Evidentemente. O que eleva a lingua é que haxa xente galega facendo música en galego e tamén, xente de fóra. Penso que facer música en galego é algo espectacular, ten moito valor que a música que consomes faga referencia a túa experiencia cultural. Vexo a miña prima de oito anos escoitar ás Tanxugueiras e sinto orgullo e envexa porque eu a súa idade non tiña ese tipo de contidos.
—Que referentes tes de creadores de contidos?
—O meu referente é un youtuber galego chamado O Aquele que xa non está en activo. Cando era adolescente consumía moito os seus vídeos e axudoume a abrir os ollos sobre a necesidade de máis contidos en redes na nosa lingua. Tamén, gustábame moito @olaxonmario que facía contidos de tipo cómico e tiña un pódcast e a súa canle en YouTube. Foron os meus referentes de creación de contidos na miña lingua e ademais, fixérono antes que ninguén. Antes era uns contidos bastante de nicho, lémbrome dun rapaz en YouTube que facía dobraxes graciosas en galego de películas míticas como O exorcista, O padriño e Indiana Jones.