Luisana e Antón, parella neofalante: «Migrei de Venezuela a Galicia hai anos e convencín o meu mozo para falar galego»

YES

XOAN A. SOLER

Comezaron a súa relación en castelán, pero hai un ano Luisana propúxolle a Antón cambiar de lingua e apostar pola da terra. «Cada vez menos xente fala galego. Que queremos? Revivir os Séculos Escuros?», cuestiónase

16 nov 2024 . Actualizado a las 10:39 h.

«Ti es galego, entón por que non falas galego?», preguntoulle un bo día Luisana ao seu mozo Antón. El respondeulle que non o falaba porque na súa casa se comunican en castelán. «E díxenlle: “Pois xa non, imos falar galego a partir de agora”», espetoulle ela. Esta non é soamente a historia dunha parella de 19 anos que de súpeto quixo poñer o seu gran de area para defender o idioma. É tamén o relato de como unha venezolana foi capaz de convencer ao seu mozo, galego de Bertamiráns, para non deixar morrer o galego. E de como o mozo, orgulloso dela e dos seus esforzos para que a xente a recoñeza como o que é, unha galega máis, accedeu ao reto de cambiar a forma de expresarse na súa esfera máis íntima, a sentimental. Esta parella residente en Bertamiráns suma dous anos de relación. O primeiro ano falaban exclusivamente castelán entre eles. «E que nós coñecémonos dende que somos nenos. No instituto falabamos galego, porque era o que tocaba, e na vida de fóra, castelán. Pero eu son moi cabezona, e quixen que cambiásemos ao galego», conta Luisana.

«GALEGO TIME»

Así é como comezaron a facerse unha broma interna entre eles, que é a que marca o momento en que toca cambiar de lingua. Un deles di: «Galego time». «E ata que dicimos finish, falamos galego. Ao mellor logo esquecémonos e seguimos falando galego... Foi unha maneira entretida e divertida de facer do galego o primeiro idioma, polo menos na nosa relación», sinala Luisana, que non ten familia que o fale, polo que a persoa máis próxima é Antón. «Como teño a un galego ao lado, vou explotalo ao máximo», ri.

O empeño da rapaza vén, segundo explica o seu mozo, da súa migración. «Cando chegou non había case persoas sudamericanas aquí. Entón, ela moitas veces tiña compañeiros e profesores que eran galegofalantes, polo que decidiu esforzarse máis en falar galego para integrarse na clase e que a xente non tivese que cambiar de lingua con ela. Quería que a visen como unha máis». No seu caso, recoñece que se cumpre o arquetipo de galego castelanfalante. «Eu nunca falei moito galego. Na casa dos meus avós si se fala, e cando imos alí de visita, facémolo, pero eu na casa non o falaba. Non porque non me gustase nin porque non quixese, senón porque simplemente era ao que estaba acostumado. Ata que ela, de súpeto, un día dixo: “Antón, ensíname a falar galego”», narra o rapaz.

Ese foi o detonante para que a parella se decidise a dar o paso. Un paso complicado de manter, sen dúbida. «Unha cousa que si que notamos é que cando estás moi afeito a falar un idioma, cando cambias, tamén cambias o teu acento, a túa forma de falar. E despois de falar moito tempo facendo ese esforzo, como que se che fatiga a boca», sinala o rapaz, que asegura que por mensaxes mesturan bastante ambas linguas, e que ela a maiores incorpora moitos matices do seu acento e palabras que aquí non se empregan.

Non oculta o orgulloso que está da súa moza. «Ten moito mérito o que ela fai. Vive de primeira man as dificultades, xa non tanto polo racismo, que tamén o chegou a sufrir nalgúns momentos, como por algúns comentarios que recibe polas redes e que non pasan nin a primeira análise obxectiva. Pero tamén recibe moitos positivos».

Precisamente nas redes Luisana converteuse nunha auténtica activista do galego (@tequenhitos). Todo comezou por un trend que veu no TikTok, que dicía que amabas moito un sitio aínda que non foses autóctono del. «Moita xente o facía con outros países e cidades, e pensei: “Por que non o fago de Galicia ou do galego, se me gusta tanto?”. Fíxeno e tivo moi boa recepción».

A rapaza sinala que, tristemente, aínda se ve na necesidade de aclarar que é tan galega como calquera. «Eu teño acento, sei que é moi notorio cando falo. Pero nunca, nunca, falta o comentario do típico que pregunta: “E ti, de onde es?”. E eu digo: ‘de Bertamiráns”. Pero seguen aí, como intentando saber máis e punzando, ata que lles digo onde nacín. Pero eu non piso o meu país dende hai moitos anos —deixou Venezuela aos 10 anos— e non teño interese nin esperanza de volver. Iso á xente non lle entra na cabeza, e frústrome moitísimo».

Foi unha pregunta nas redes, feita con moi pouco gusto, a que motivou que Luisana quixese explicar publicamente as razóns que a levaron a falar exclusivamente en galego no seu perfil. «Para que demonios quere aprender galego alguén de fóra?». «Respondín porque me pareceu moi boa pregunta, aínda que non a forma na que estaba feita. E o vídeo viralizouse», di ela, que deu tres motivos polos que incorporou o idioma. O primeiro, a necesidade. Na súa casa ninguén máis fala galego, «e chegan cartas, papeis oficiais, comunicacións do profesorado por Abalar e a aula virtual, e fago de tradutora. Miña nai agora xa o entende, pero antes custáballe», explica. O segundo, a adaptación: «Considero que cando vés de fóra hai que adaptarse á cultura do lugar. Eu véxoo como un enriquecemento. Tampouco é unha cuestión de cambiar completamente quen es ti, pero si de ser consciente do lugar no que estás e a xente coa que vas a interactuar, de como vai ser a túa vida a partir de agora. Empaparse da cultura do lugar que un visita é bo, tanto para ti como para os demais». E o terceiro, para contrarrestar os datos da enquisa do uso do galego, que revelou que un terzo dos rapaces de 15 anos non o saben falar. «Cando saíu, dixen: “Se eu podo facelo e non me custa nada...”».

Únete á nosa canle de WhatsApp

«Fálanme en castelán»

Pensa que a inmigración inflúe nesa perda do galego, e recorda que cando ela chegou a Bertamiráns, había só tres alumnos procedentes de Sudamérica, mentres que agora son moitísimos máis. «Pero creo que é unha cuestión de todos. Cando eu cheguei fun das primeiras, polo que a xente falaba galego comigo. Pero agora, cando ven que es de fóra, fálanche en castelán. Facendo iso non fas que a persoa acostume o oído nin que teña a vontade de aprender a lingua. Todos contribuímos á invisibilidade do galego de maneira directa ou indirecta», insiste. «Non é a miña culpa que non saibas falar máis ca castelán», respondeu a máis dun nas redes.

Asegura Luisana que o seu camiño para aprender o galego non foi sinxelo. E non por falta de interese. Cando chegou a Galicia pediu no instituto que lle puntuasen igualmente os exames, e iso que estaba exenta durante o primeiro ano. A pesar da súa vontade, conta que se atopa frecuentemente con burlas: «Téñolle medo aos erros, que os cometemos case todos. Pero cando ti notas sempre miradas, risas e actitudes como se xa foses sospeitosa de falalo mal.... Eu quero normalizar que as persoas neofalantes poidamos falar galego».

Onde máis notaba eses comentarios negativos era na escola, o lugar onde menos deberían darse: «Cando tiña que facer probas orais, era o peor. Dicíanme: “Ti tes seseo [propio do seu acento venezolano], tantos puntos menos”. Ou “colocas mal o pronome, tantos menos”. Eu ao galego collinlle unha tirria moi, moi, grande por iso». Antón recorda perfectamente que, ao pouco de chegar, a Luisana non lle gustaba demasiado o galego, pero que, pouco a pouco, foi colléndolle cariño: «Máis pola súa nai que polos profesores. Queiras ou non, con esas cousas acabas rexeitando un pouco a lingua e adquires como una especie de complexo». Afortunadamente, superouno. «Eu sentía nos primeiros anos que non importaba canto me esforzara en aprender, nunca ía ser suficiente», di a rapaza. E así o viviu ata que comezou a visitar outros sitios de Galicia e a escoitar seseo, gheada... «Dixen: “Pero se en cada sitio se fala distinto galego e todos se comprenden!”. Non entendo por que tanta parvada», afirma.

Grazas a ela e ao seu mozo, e tamén aos erros que cometen, o galego segue vivo nun momento no que o máis urxente é falalo.