Paula Moreira, 30 anos: «Este ano fun nai e revivín todo o que sufrín ao perder á miña primeira filla na semana 39»

Candela Montero Río
Candela Montero Río REDACCIÓN / LA VOZ

YES

Estela Suárez

«A morte dun bebé non se chega a superar nunca. Tampouco é un proceso lineal, hai altibaixos e recaídas», di esta muller que tivo que enfrontar a morte súbida de Vera

30 dic 2024 . Actualizado a las 14:48 h.

Paula Moreira (Malpica, 1994) empezou o ano anunciando o seu embarazo. Literalmente, porque deu a noticia o día 1 de xaneiro deste 2024. A súa filla, Nora, naceu o 8 de febreiro. Por que ela e a súa parella, Iván, agardaron ata o oitavo mes de embarazo para dalo a coñecer. A súa historia coa maternidade explica esta decisión: no 2021 tiveron que enfrontarse á morte súbita da súa filla, Vera, na semana 39 de xestación; meses despois Paula sufriu un aborto natural ao pouco tempo de quedar embarazada de novo, e no 2022 deu a luz a Milán, o irmán maior de Nora, a filla pequena desta parella.

Estes pais tiveron que escoitar a peor das noticias apenas unha semana antes de coñecer á súa primoxénita. Tres palabras que marcarían a súa vida para sempre: «Non hai latido». A pesar de todo, a Paula non lle treme a voz ao falar de ningún dos seus partos nin ao pronunciar o nome de ningún dos seus fillos, pero teno claro: a morte dun bebé «non se chega a superar».

«Ti creces como persoa por enriba dese duelo», matiza, antes de explicar que transitar unha perda coma a que eles sufriron «non é algo lineal nin progresivo, no que vaias cada ano mellor», senón que se trata dun proceso no que «hai altibaixos» e recaídas que, ademais, «son tamén necesarias».

Ela aínda o está vivindo en carne propia e, por iso, o seu caso é o exemplo máis claro dese proceso non lineal. Paula explica que «existen varias maneiras de xestionar un trauma», e a que o seu cerebro adoptou foi a que ela cualifica como a peor de todas: disociándose. «Foi tan duro que a miña mente o bloqueou», conta Paula. Por iso, non foi capaz de afrontar de todo a que supuxo para ela a morte de Vera ata este ano: «Estouno procesando agora, coa miña terceira filla», confesa. «Con Nora estou revivindo a miña primeira maternidade e estou pasando agora o que tiña que ter pasado o primeiro ano», reflexiona.

Cada bebé, un mundo

Agora, Paula atende á entrevista coas voces de Milán e Nora de fondo —e con algunha que outra pausa polo medio para aloumiñalos—, pero, despois de Vera, viviu dous embarazos, partos e crianzas moi diferentes. No caso de Milán, que naceu en setembro do 2022, o embarazo foi tan buscado que Paula mesmo cualifica o proceso de «obsesivo». Cando por fin chegou, os seguintes nove meses vivíronos coma unha auténtica montaña rusa de emocións: «Durante a primeira metade custounos moito asimilar que estaba esperando outro bebé e que era real», recorda.

En cambio, hai unha palabra coa que Paula define claramente ese embarazo: medo. «Foi moi diferente ao primeiro, porque o de Vera vivímolo de xeito moi inocente», lembra. A que se refire cando di «inocente»? «Antes, nós, como moita outra xente, non sabiamos que estas cousas pasaban», relata. «Pensabamos que todos os embarazos chegaban a tero, nacía o bebé e só había familias felices», engade.

A partir do segundo trimestre, chegou unha etapa «moi feliz», que se prolongou ata as últimas tres semanas: «Aí empecei a poñerme moi nerviosa e tiveron que inducirme o parto na semana 38», relata Paula. Despois de que a súa primeira experiencia nunha sala de partos consistise en ter que enfrontarse a dar a luz a unha nena morta, este segundo afrontouno, loxicamente, «con moitos nervios». Pero, por sorte, esta vez puido escoitar ao seu bebé chorar nos seus brazos: Milán converteunos, por fin, en pais ao terceiro intento. «Para nós era como outra primeira vez», recoñece.

Coas dúas experiencias anteriores como precedentes, con Nora todo foi distinto. As diferenzas empezaron xa dende o primeiro momento: «Buscámolo, pero sen obsesionarnos. Queriamos que Nora viñese cando ela quixese, porque era unha parte que eu tamén necesitaba curar», admite. Por iso, tardaron ata tres meses en saber que serían pais de novo.

Non sabe se foi o feito de que Nora tamén fose unha nena ou os paralelismos que houbo co embarazo de Vera —ambas naceron coas mesmas semanas de xestación. Na última semana tamén lles dixeron que había pouco movemento e nos dous casos tiveron que inducirlle o parto—, pero esta terceira maternidade supuxo para ela revivir moitos momentos da primeira. Aínda que, por sorte, esta tivo mellor desenlace e a pequena Nora está xa a punto de cumprir un ano.

Tales foron os sentimentos que espertou en Paula o nacemento de Nora que unha das últimas sesións coa súa psicóloga consistiu en analizar o momento da chegada ao mundo da nena: «Quería saber se no parto eu conectara con Nora como a nena que era e asegurarnos de que o meu cerebro non creara un rexeitamento cara a ela, porque hai casos non que sucede». Pero, afortunadamente, nese momento todo foi ben: «Tivemos moi boa conexión entre nai e filla», lembra.

A reacción da familia

Paula e Iván non gozaron deste último embarazo igual que dos dous anteriores. «Non queriamos ilusionarnos ata que estivese nos nosos brazos», reflexiona esta nai, que conta que naquel momento «estaba procesando o que non procesara no 2021».

Ou o que é o mesmo, estábase enfrontando a unha das situación máis duras da súa vida tres anos e dous fillos despois de que sucedera. «Agora acórdome máis de Vera, bótoa de menos e penso moitas veces como estarían agora os tres irmáns e cousas así», relata emocionada, pero con voz firme. «Por iso —prosegue—, ás veces teño máis ansiedade, a veces empezo a estar máis triste...».

Ante esta circunstancia, esta parella esperou todo o que puido para dar a noticia. Nun principio, só llelo contaron á familia máis próxima: os avós da pequena e a irmá de Paula. Mesmo parte dos seus achegados non souberon da existencia da nena ata que xa nacera. A razón atende a puras causas psicolóxicas: «O meu cerebro buscaba protexerme», sentencia Moreira.

E é que os amigos e a familia son outro factor crucial á hora de xestionar estas situacións. E Paula non tardou en comprobar que non todo o mundo reacciona do mesmo xeito: «Eu entendo que as persoas que non pasaron por algo así non saben que dicirche e moitas veces queren axudarche e non saben como», admite.

Dun lado, están os que tratan o tema de fronte: «Hai xente que non ten ningún problema en mencionar o nome de Vera e falar dela e do que pasou», conta. No outro extremo, atópanse aqueles para os que a morte da nena resulta un auténtico tabú: «Algunhas persoas fan coma se nada pasara, non che preguntan e nunca tocan o tema», relata. Pero estas actitudes, defende Paula, lonxe de axudar, fan que a situación resulte aínda máis complexa de xestionar: «Parece que ao non falalo non doe, pero non é así», lamenta.

Únete a nuestro canal de WhatsApp

Tampouco faltaron as críticas ante a súas decisións e a súa forma de vivir a maternidade: «Algúns non entenderon que quedara embarazada ao ano seguinte de perder a Vera», conta. «Segundo eles —continúa— tiñamos que esperar máis tempo para volver ser pais». Pero Paula é firme na súa decisión, da que, asegura, non se arrepinten: «Nós decidimos ter outro fillo e esperamos o tempo que nós considerabamos», alega.

Os seus fillos son o seu motor e ten claro que volvería elixir os mesmos momentos para ser nai, pero recoñece que sen Milán e Nora a súa vida sería diferente: «Creo que se non tivese aos nenos durante este tempo, traballaría máis en min», asegura. Como exemplos, di que se dedicaría máis horas ao ela mesma, ao deporte e que tería máis sesións coa súa psicóloga.

A saúde mental é precisamente unha das cousa nas que Paula quere enfocarse de cara ao ano que vén: «Hai pouco retomei a terapia, que a tiña pausada dende que naceu Nora», relata. Non esconde que en xaneiro do 2024 estaba mellor do que se atopa agora en decembro, pero agarda con ganas que empece un 2025 «moi diferente, moitísimo mellor e moito máis feliz». Que así sexa.