O adestrador buscou a técnica

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acosar e derrotar a un Goberno só pode facerse no Parlamento, o único depositario da soberanía popular representada a través dos deputados dos partidos que son elixidos en comicios. Esta convención fundamental das democracias representativas de raíz liberal é irrevogable e constitucional. Non admite matices. Por iso, o poder executivo e o xudicial derivan inapelablemente do Parlamento. Por iso os xuíces non poden elixir a quen os dirixa porque deben responder diante dos representantes da soberanía. Outros poderes, o económico ou o militar, foron historicamente dominados polo Parlamento. Na tradición liberal española, o respecto polo Parlamento chegou a ser tan rotundo que cando o xeneral Miguel Primo deu o golpe con «real beneplácito» (Moreno Luzón), no seu manifesto desculpouse por rachar a orde constitucional. Aqueles tempos mudaron axiña e da crise do liberalismo pasouse ao totalitarismo.

No mundo de hoxe o asalto ás decisións democráticas da maioría xa non son unha novidade desde os asaltos propiciados por Trump e Bolsonaro. Neste presente, o Estado español ten a súa propia historia, pero para interpretala temos que saber mirar ao mundo e entendelo. O acoso persoal e familiar a Sánchez, con informacións falsas e insultos, vímolo contra Suárez, González, Zapatero, Quintana e Touriño. O que sufriron Casares, Azaña ou Negrín está nos bos libros de historia.

Sánchez xogou a baloncesto e o que fixo foi provocar unha falta técnica como adestrador do equipo local. O partido ía mal, os erros dos árbitros —parecía que pitaran a prol do rival en xogadas decisivas— prexudicaban e confundían aos locais, os seareiros estaban desconcertados e os hooligans da equipa visitante, aínda sendo poucos, apupaban neles. Con esta técnica, o adestrador centra nel a inxustiza arbitral e fai reaccionar aos xogadores, esperta á torcida local e mesmo mobiliza aos seus hooligans. O necesario para reaxir e intentar gañar o partido con novas forzas. Os contrarios seguen cos insultos e facendo faltas, viron que era a mellor vía, pero non saben reaccionar. O único problema é que se os árbitros lle pitan outra técnica o adestrador será expulsado e posiblemente o equipo perda o partido.

Saímos de dúbidas, a equipa e os seareiros reaccionaron, o adestrador segue no partido, pero queda por saber con que plan, agora tócalle formulalo xunto co seu Goberno. Pode presumirse que proporán un conxunto de medidas para un programa de garantía democrática e unhas liñas de orzamentos que presentarían nunha moción de confianza a desenvolver antes —ou despois— das eleccións catalás. No horizonte, un posible adianto electoral que só podería confirmarse despois do 29 de maio e que dependerá da solidez da resposta dos socios parlamentarios.

O partido segue —o Goberno segue— porque non debe nin pode haber quen o suspenda. Non nesta liga nin con estas regras, que son as da democracia baseada no principio de que a soberanía popular reside no Parlamento, a través dos representantes escollidos en eleccións libres ás que se presentaron os partidos.