Percorreu Galicia, viviu en África durante anos e e espallou as agrupacións do PSOE entre Sanxenxo e Cee cando Franco pechou o ollo. Seso Giráldez é historia viva
02 May 2009. Actualizado a las 02:00 h.
Quen co tempo chegaría a ser sinónimo do socialismo nun amplo treito da costa atlántica galega naceu en Carril en 1933. Fillo de José Giráldez Maneiro, un mestre republicano condenado a percorrer escola tras escola sen poder gañar unha praza definitiva, a súa familia foi transitando entre Vilaxoán, Baión e Carballeda de Avia, en Ourense. «Viñamos polo verán, o resto do ano estabamos alí. O meu pai facía honor ao dito de pasar máis fame ca un mestre de escola». O asunto solucionouse cando don José impartía clase en Crecente. «En Carril estaba un tal don Arsenio, un personaxe curioso, eu díxenlle que por que non cambiaba co meu pai, porque el ea de Tui. Fixérono e así puido retirarse na casa».
Daquela Seso pasaba xa dos vinte anos e traballaba de oficial de xulgado. «Opositábase a toda España e segundo o número que quitabas escollías praza. Eu quitei o dous, pedín Vilanova, que estaba vacante, e fixéronme trampa. Déronlla ao número 17. Presentei un contencioso e perdín. O avogado díxomo claro: «Se chegas ser xuíz no canto de oficial, polo carallo che fan isto». A cousa foi que tivo que marchar a Vila de Cruces. «Eu ía e vía nunha Vespa e levaba un frío do carallo, tiñas que subir polas ringleiras que ían deixando os camións na neve. Lembro que Otilia, a miña muller, teimaba por vir comigo; veu unha vez e xa non quixo volver máis».
No primeiro concurso, o noso home faise cunha praza en Rianxo. Pero non por iso deixa a Vespa. «Atravesaba o río na gamela dun barqueiro dende Catoira e logo xa seguía en moto por Leiro». En terras do Barbanza fai boas amizades. «Lembro a Faustino Rey Romero, crego e escritor, que vivía en Isorna e estaba castigado, quitáranlle a parroquia». As desventuras do cura tiñan un motivo: «Había unha rapaza alí que ía casar por poder e el acompañouna a Vigo para facer as xestións... e foi tan ben que ao pouco acabaron os dous na cama». Demasiado para aqueles tempos. Ao bo de Rey Romero «saíalle a quentura en canto facía uns versos a unha rapaza». Do seu enxeño dan conta varias anécdotas: «Cando foi examinarse e suspendeu dedicoulle unha copla ao tribunal: ''Burrísima