Novo traballo do ceense Miro Villar xa nas librarías
Carballo
Edicións Xerais vén de publicar a obra titulada «Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano»
23 Jan 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Edicións Xerais anunciaba días atrás a chegada ás librarías dun estudo literario da autoría do ceense Miro Villar: leva por título Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano. É, tal e como o propio autor reflexionou na súa bitácora, «unha (re)lectura arrequentada» da creación literaria dun autor (ao que no 2022 se lle dedicarán as Letras Galegas) sobre o que xa tiña escrito un longo artigo no ano 2006 baixo o título de O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán, na revista Raigame. Aquel artigo foi a xénese deste novo traballo biográfico, da colección LibroX, que xa foi chegando ás primeiras librarías.
«Malia estarmos a falar dunha obra de pouca extensión e abondo reiterativa, o certo é que o poeta valdeorrés elabora de maneira consciente un proxecto dunha poesía que poderiamos denominar exteriorista, dado que se trata dunha poesía de ampla temática, na que se inclúen todos os feitos históricos vividos, ben como protagonista, ben como espectador de privilexio», concluía Villar naquel seu artigo. Linguaxe cotiá, dominio das técnicas versificadoras e «unha capacidade léxica abraiante» son algunhas das características que o ceense viu tamén na obra deste poeta.