Un domingo de Nadal para pequenos e grandes sen saír da Costa da Morte
Carballo
Numerosas localidades, con Carballo, Vimianzo, Cee ou Muxía á cabeza, acollen hoxe actividade de Nadal
22 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Domingo 22 de decembro, día de lotaría, e aínda que máis comedido en actividade que a xornada de onte, vén intenso. Os programas municipais de Carballo, Vimianzo, Cee e Muxía contemplan citas destacadas, propostas que seguen a continuación e ás hai que sumar moitas outras tamén aquí expostas. A gozar!
Da Gala de Aspaber aos Cantos de Nadal, Papá Noel e Nadal Pequespectacular
Será hoxe o terceiro día de visita de Papá Noel a Carballo, e boa falta fai, á vista das ringleiras que se forman. Convencérono CCA e Concello para que bote as tardes pola Praza: de 17.30 a 20.30. Tamén hoxe haberá Cantos de Nadal na carpa e rúas comerciais: pola mañá, pasarrúas coas Cantareiras Arume de Berdillo, San Campio de Cances e Escola do Alprende, con degustación de pinchos no mercado. Arrinca doutro lado o Nadal Pequespectacular, ás 18.00 no Pazo, coa obra Doppio Zero, de Circo Teatro Carpe Diem: 5 euros.
Citas todas elas que chegan logo da Gala de Nadal de Aspaber de onte, con más de 300 persoas no público e 120 usuarios nutrindo un día para o recordo no escenario. A sorpresa veu cos televisivos Pepe Capelán, Lucía Veiga e Laura Añón.
Do Cepo de Nadal á maxia e un sorteo extraordinario do bombo de Mercabolas
Vimianzo fixo xa tradición do acendido do cepo de Nadal na lareira do castelo, xesto simbólico mais con significado detrás, esa luz sempre acesa da que falou Daniel Turnes, párroco. Cadrando no solsticio de inverno, e nun tempo no que vellos moradores da fortaleza volven a ela —aínda que sexa a xeito de personaxes fixos—, este Cepo é tamén un xeito de desexarlle boas festas aos artesáns que, todo o ano, nutren de vida o castelo. Dirixiulles unhas palabras Mónica Rodríguez. Na capital de Soneira seguirá hoxe funcionando a pista de xeo: de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 23.00. Actúa o Mago Deime ás 19.00 no Recuncho Gastronómico e haberá as 17.00 un sorteo extraordinario de Nadal no bombo da campaña Mercabolas. Todo, na Praza. A maiores, os Cantos de Nadal e Trubisquiña chegan a Carnés: 11.00.
Dunha ruta moteira á polifonía, e de aí ao musical «El Mundo de los Muñecos»
A fin de semana en Cee está a ser do máis intensa. Dos bailes do venres con Baile e Movemento ás panxoliñas de onte coa coral Costa da Morte e a coral de Noia ou a espectacular Papanoelada —segunda edición— promovida dende primeira hora da tarde polo Moto Club Costa da Morte coa colaboración da comisión de festas da Xunqueira e o Concello. Botou a andar cunha ruta moteira e seguiu con música, sorteos e mercadillo en favor de Paseniño. A música, por certo, será tamén a protagonista da tarde deste domingo en Cee: ás 17.00, no auditorio Baldomero Cores, pequenos e grandes gozarán de El Mundo de los Muñecos, un desfile de personaxes ben coñecidas. Entrada en billeteira: 12 euros.
Domingo de Mercado de Nadal en Muxía, para apoiar o comercio local
Encaixes, puntilla, maquetas, doces e outra gastronomía, complementos, libros, bolsos de coiro, cadernos, velas ou téxtil son algúns dos produtos que desde este venres se poden atopar no primeiro Mercado de Nadal promovido polo Concello de Muxía dentro do seu programa para estas datas. Está situado na Sala da Camposa —polo tanto, ao cuberto— e tamén se pode visitar ao longo deste domingo, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. Logo, fará un descanso ata o 28 e 29, novos días de apertura. Está presente asemade a xunta local da Asociación Española contra o Cancro. Contentos na apertura, os artesáns agardan, vistas as referencias, que haxa novas edicións para o futuro.
Solidaridad en Cee
Ya está abierto en el centro comercial Finisterrae el espacio solidario de la ONG Égueire: artesanía, moda y más. Funcionará hasta el 5 de enero y hoy lo pueden visitar de 10.30 a 14.00. Quizás, una forma de darle ideas a los Reyes, a la vez que se colabora con proyectos en Costa de Marfil.
Obradoiro no Allo
Botaron a andar nas Torres do Allo de Zas, o pazo máis antigo de Galicia, os primeiros obradoiros do programa municipal deste Nadal. Aqueles que se incribiran terán hoxe segunda cita, tamén das 16.00 en adiante, nenos de 4 a 10 anos.
E ADEMAIS...
Parroquia San Xoán Bautista (Carballo) • Dado xa onte o pregón de Nadal por Xosé Manuel Varela, para hoxe ás 20.00 está previsto un acto intercultural dos latinos residentes en Bergantiños. Misa con aguinaldos de cada país e degustación de produtos típicos.
Cances e Entrecruces (Carballo) • Na primeira das parroquias, a asociación de veciños San Campio fará a súa propia festa de Nadal das 18.00 en adiante, no local social. Cantareiras de San Campio, mago Román García, visita de Papá Noel e degustación de produtos típicos. En Entrecruces, a asociación de veciños San Xens promove tamén a visita de Papá Noel: 16.30 horas, no centro social. Terán ademais un buzón para as cartas dos nenos e chocolate con churros.
Cerceda • Se o de onte foi un día literario, con citas en Carballo ou Ponteceso, hoxe non quererá ser menos, pero en Cerceda. Literatura e música, pois o que se dará a coñecer ás 18.30 na localidade —na Taberna— será o libro A culpa foi de Zënzar, de Laura Romero. Unha posta de longo a modo de conversa coa propia Laura; con Manuel Silveira, fundador de Zënzar, e con Mario Grela e Xosé Bocixa, membros desta banda de rock en galego que vén de celebrar 35 anos de vida. Guiará o encontro para «laretar» o escritor e xornalista cercedense Ramón Vilar Landeira. Será esta a primeira presentación de A culpa foi de Zënzar, ben a tempo para o Nadal. Alí mesmo haberá exemplares para mercar.
Brens (Cee) • A SDC Brens promoveu para esta tarde, ás 20.00 horas na Casa de Cultura, un festival de música tradicional galega. Quen subirá ao escenario será o grupo Unto Vello: isto é, Bieito Pereira e Xabi Gómez, de Arzúa e Brens. Tarde, pois, para ver un veciño.
A Agualada (Coristanco) • Logo da de onte en Cee, outra Papanoelada motorizada na Costa da Morte. Organiza a asociación veciñal de A Agualada, con saída ás 15.00 horas desta tarde dende a Praza: se ten moto, quad ou similar, pode participar. Haberá tamén chocolate quente.
Lamas (Zas) • Na Casa Azul, de 17.00 a 19.00 horas, Papá Noel recibirá aos nenos que se acheguen. Entregará caramelos e recibirá alí as súas cartas.
Carballo • Por se o comezo do Nadal Pequespectacular, a nova visita de Papá Noel ou os Cantos de Nadal fosen pouco —ver todo á dereita—, hoxe en Carballo tamén será domingo de baile para maiores. Promove a concellaría da Terceira Idade: desta volta, ás 18.00 horas, no segundo andar do mercado. O Trío Digital será o encargado da música en directo.