La Voz de Galicia

Domingo de Andrade, xenio e oficio ligado ao roteiro Xacobeo

Cee

Margarita Lamela Alcaldesa de Cee

24 Oct 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Que unha entidade do prestixio da Real Academia Galega de Belas Artes, que desenvolve unha intensa labor no estudo, salvagarda e promoción das artes e do patrimonio cultural galego, decidira homenaxear a quen foi, xunto con Fernando Blanco de Lema, un dos veciños máis ilustres da nosa vila, é certamente un motivo de satisfacción para Cee.

Dende o Concello seguiremos a divulgar e reivindicar a figura dun dos grandes xenios que deu o barroco galego con obras que nos seguen a impresionar máis de tres séculos despois de ter sido realizadas.

Nesta labor divulgativa, a Real Academia está a facer unha magnífica labor que inclúe como máis recente achega a publicación da obra “Domingo de Andrade: xenio e oficio”.

E por outra parte, a propia presencia da Real Academia en Cee para celebrar a súa sesión ordinaria do mes de outubro, ademais de ser unha homenaxe e unha forma de poñer na actualidade, unha vez máis, ó arquitecto ceense.

A nosa vila, vencellada historicamente á cidade de Compostela, na que Andrade deixou tan profunda pegada, está moi ligada ó roteiro xacobeo que chega ó fin da terra.

E no noso concello, ademáis, está o primeiro lugar no que os peregrinos poden contemplar o mar e o mítico cabo e faro Fisterra despois de tantas xornadas e quilómetros percorridos.

E estando hoxe lembrando en certo modo a Andrade, non deixa de ser relevante a vinculación do propio mestre co apóstolo e o roteiro xacobeo xa que dous dos seus traballos na catedral compostelá son especialmente importantes neste sentido.

Estoume a referir en primeiro lugar á grandiosa torre do reloxo, a incomparable orfebrería de pedra como a definiu o historiador da arte Martín González, coa luz da súa linterna guiando, como se de un faro se tratase, ós peregrinos cara a tumba apostólica.

E, en segundo lugar, ós seus traballos no tabernáculo do altar maior, incluíndo tamén o camarín ó que os fieis se achegan para dar a aperta ó propio apóstolo.

Estas obras, a través da súa arte inigualable, fan que algo da esencia ceense esté presente non só nun tramo físico do seu Camiño senón tamén no seu lugar más importante: a propia catedral compostelá, inmersa na celebración do Ano Santo Xubilar e recuperando o pulso dos peregrinos agora que a situación sanitaria vai mellorando.

Tan só un mes despois de que remate esta conmemoración do Día das Artes Galegas adicada a Domingo Antonio de Andrade, Cee iniciará outro gran acontecemento para a nosa vila: a concesión dun Ano Santo Xubilar desde o día 1 de maio de 2022 ata o 1 de maio de 2023, xornada ésta que culminará coa coronación canónica pontificia da nosa patroa, a Virxe da Xunqueira, templo no que Andrade foi bautizado e no que tamén deixaría a súa obra en dous retablos e a súa lámpara maior, desgrazadamente perdidos como consecuencia da queima acontecida durante a invasión francesa.

Como podemos comprobar, Andrade é un exemplo máis da intensa relación que uniu a Cee e Compostela en tempos pasados e que agora, a través do Camiño volta a estar de actualidade.

Margarita Lamela é a alcaldesa de Cee


Comentar