La Voz de Galicia

Revelados nunha hora

Cee

Natalia Lema Otero
Natalia Lema

25 Jul 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Hai un anuncio en Cee que aguanta as vagas de calor e máis as treboadas en inverno. Foto Fuentes, revelados nunha hora. Sinxelo, conciso e obsoleto. A min encántame ese valo publicitario, cando paso por el sinto que aínda vivo nos anos dous mil. E non está mal ter nostalxia, recordar esa indecisión de elixir cantas fotos revelar, por cartos e polo tempo que levaba. O analóxico nunca debería pasar de moda e parece que mentres escribo estas liñas aínda sinto a textura lisa do papel estadounidense Kodak.

O mundo daquela semellábame unha mole de soños e miras abertas, agora penso que, de nena, non había preocupacións nin esperpentos como pandemias e devastacións. O outro día pasei pola rúa Vilar, en Vimianzo. A tenda de roupa de home Hermanos Vigo tiña nas cristaleiras un aviso ben grande en letras amarelas: liquidación total por xubilación. Xuro que me entrou un halo de tristeza no corpo. Sentín perda porque se pechase despois de máis de vinte e cinco anos aberto un comercio que é dos máis enxebres da vila. É deses lugares onde se buscas roupa de home, traxes para persoas maiores, che atenden con esa deferencia da xente que vendía antes, con trato personalizado e aconsellando. Roupa de calidade, con selo español, sen made in China na etiqueta.

A priori, dáme moita tristeza que os negocios de sempre esmorezan. Así pasou ca tenda de Julia en Baíñas ou co Hilton en Vimianzo. Pensarán vostedes que que me importan a min estes peches, pero si. Conforman os meus recordos individuais e colectivos. Deséxolle ao xerente de Hermanos Vigo unha próspera xubilación e, por favor, diríxome á calquera autoridade competente, que nunca quiten o anuncio de Foto Fuentes en Cee. Xa é patrimonio.


Comentar